"Foron compradas tres aldeas para recuperar para a hostelería e vivenda"

Julio Yebra Pimentel é alcalde desde 1983 e non ten intención de soltar o bastón de mando de momento. Fala en futuro e iso xa di moito das súas perspectivas políticas. Pensa nun polígono industrial, na xestión da residencia de maiores e na creación de aldeas modelo
Julio Yebra Pimentel. AEP
photo_camera Julio Yebra Pimentel. AEP

O ALCALDE DE CARBALLEDO é farmacéutico de formación e político de profesión. Di que despois de catro décadas á fronte da alcaldía aínda se segue sorprendendo. O que realmente sorprende é que lle queden folgos para pensar nas próximas eleccións. Non confirma nada, pero apunta que, por moito que o diga cada catro anos, non é quen de parar.

Leva case 40 anos de alcalde. Xa ten todo controlado ou aínda queda marxe para a sorpresa?

Por suposto que me sorprendo. Os concellos son un lugar privilexiado para analizar a sociedade. O contacto directo coa xente permite ter unha percepción moi precisa da realidade, do que sucede, do ben que o pasa algunha xente e do mal que o pasa outra.

En que está traballando nestes momentos?

Na mellora dos accesos, sobre todo na zona da ribeira porque estamos moi esperanzados co pulo que está collendo. Xa foron compradas tres aldeas enteiras por parte de investidores que queren desenvolver proxectos nelas ou rehabilitalas como vivenda propia. Nós temos que axudar na medida do posible a asentar poboación e negocios.

Que aldeas son?

San Xiao, que foi comprada por Juan Verde, un empresario que vive entre Estados Unidos e Galicia e que está pendente de licenza para obrar. Unha persoa relacionada co mundo da cultura comprou outra aldea e Chouzán foi adquirida por xente vencellada á hostalería. Algúns queren facer aloxamentos turísticos e outros rehabilitar para vivenda.

Parece que hai iniciativa privada para aproveitar os recursos que ofrece a zona.

Hai proxectos de horticultura dos que poden saír cousas interesantes. A xente ten que tomar a iniciativa e diversificar. Por exemplo, as plantacións de castiñeiros tardan en saír, pero algunhas xa están dando froito. E o mesmo pasa coas maceiras que se plantaron para abastecer a sidrería de Chantada. Sempre hai algo novidoso que pode ter éxito sendo perseverante e con boas ideas.

O caso é botar raíces na terra, como as do carballo que teñen no escudo do municipio.

Si, e nos últimos anos a poboación incluso aumentou. Non sei se foi pola pandemia, pero asentouse xente de fóra e tamén voltou outra que xa tiña vinculación con Carballedo. Na Voutureira había dous veciños e retornaron sete ou oito. Ese núcleo hai que melloralo, facer o necesario para que queden.

E esa xente trae proxectos para desenvolver en Carballedo?

A maioría xa están xubilados.

Entón haberá que ofrecer algún atractivo para a xente nova.

Desde o 2005 temos pendente facer un viveiro de empresas para que quen queira emprender un negocio teña onde asentarse, pero o proxecto de polígono industrial quedou paralizado porque o atravesou a autovía. O bo é que agora as parcelas estarían pegadas a ela, así que seguimos intentando recuperalo. Non necesitamos un gran polígono, só unhas parcelas de solo industrial con opción de ampliación cando se ocupen. Por outra parte, tamén estamos traballando con criadores de porco celta na posta en marcha dunha Julio Yebra Pimentel. aldea modelo. Non está concretado aínda cal será porque temos varias opcións.

E cando vai abrir a residencia da terceira idade.

Está lista e pendente de inauguración por parte do presidente da Xunta. Foise retrasando pola pandemia, por prudencia, pero é un servizo que se necesita e hai que poñelo en marcha. A apertura é inminente.

Fala de moitos plans de futuro. Vaise presentar de novo ás eleccións?

Non o sei. Sempre digo que non, pero volvo. Se levas tanto tempo xa é difícil deixalo. Empecei porque me convenceu Víctor Vázquez Portomeñe, daquela secretario do Concello, e unha vez que entrei xa non fun capaz de parar. Sempre hai algo que me impulsa a seguir adiante. En todo este tempo fixemos moitas cousas, pero foi porque os veciños nos deron moitas oportunidades para facelas. Sempre nos ampliaron os prazos, cada catro anos. Traballamos moito, pero tamén tivemos tempo.

No 2023 cumpre 40 anos de alcalde. Dá a impresión de que gañaría as eleccións aínda que fose só.

Hai que ser prudentes. Non se pode dar por gañador a ninguén antes das eleccións. O pobo ten a última palabra e está no seu dereito de cambiar. É o xuíz supremo.

"Se un fillo meu quixera ser político diríalle que non"
Julio Yebra-Pimentel é alcalde desde o ano 1983 e fai un balance positivo destas catro décadas porque "queda a satisfacción de facer algo bo para os veciños", pero asegura que "tamén hai sinsabores". Por este motivo, comenta que "a ningún dos meus fillos se lle ocorreu meterse na política. Non son quen de decidir nada da súa vida, pero se me pedisen consello diríalles que non se metesen nisto se non queren ter problemas e preocupacións".

Farmacéutico
É farmacéutico de profesión e nese eido si que ten un fillo que segue os seus pasos.

Deportista
O alcalde de Carballedo di que lle gusta practicar deporte porque "é bo para a saúde física e mental". Di que intenta correr sempre que pode e tamén practica exercicios de forza.

Comentarios