Fogos e muiñeiras arrasan en Monforte

As patronais achéganse á súa fin con cheo na Compañía polas Tanxugueiras nunha xornada na que San Vicente encheuse de luz, a Praza de España acolleu unha mostra de música e danza e barcas engalanadas percorreron o Cabe
Tanxugueiras, durante o concerto de Monforte. SUSO MONTERO
photo_camera Tanxugueiras, durante o concerto de Monforte. SUSO MONTERO

A explanada da Compañía foi un clamor. Dende a que abriu, Midas, -"e ti tes e tes, non o queres dar..."- á que pechou, Terra -"veñen para quedar, veñen para quedar..."-, todas as cancións polas que Tanxugueiras apostaron para o seu concerto en Monforte recibiron centos de aplausos.

Xunto cos dous pases da orquestra Panorama, a actuación do trío composto polas irmás Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío foi a que máis público atraeu, xunto coa de Luz Casal.

Fogos artificiais. SUSO MONTERO
Fogos artificiais. SUSO MONTERO

No concerto de Tanxugueiras víronse moitas familias con nenos e xente nova que viviu o boom dun grupo que era o preferido de moitos para representar a España en Eurovisión 2022 -foi Chanel finalmente, quen logrou un histórico terceiro posto no famoso certame- e que levou a música galega ata o punto de que máis alá de Galicia se coñecen e cantan os seus temas, a inmensa maioría escritos no idioma de Rosalía.

O grupo Tekila colleu o relevo de Tanxugueiras xa de madrugada. Foi un novo momento para o baile, que deu continuidade á mostra de danza e música tradicional celebrada na Praza de España. Acudiron as formacións O Cego da Veneira (A Pobra do Brollón), o grupo de gaitas e a escola de danza do Concello de Monforte, a asociación cultural Amigos da Pandeireta e a agrupación folclórica Lemavos, locais tamén estas.

Máis tarde fíxose o tradicional percorrido de barcas engalanadas polo río Cabe, unha actividade da que se encarga o club Quixós de piragüismo e que contou coa colaboración da escola municipal de gaita e percusión e da agrupación Os Xograres de Lemos.

Moita xente aproveitou o paseo para coller un bo sitio onde gozar dos fogos artificiais, que se lanzaron dende o monte de San Vicente. Así concluíu unha xornada que o Concello adicou ás gaitas, que non pararon de soar en todo o día.

Este mércores desenvolveuse unha nova edición do noveno festival cómico e festivo A rúa é vosa, no que participaron O Mago Paco e N+1 en sendos espectáculos na Praza de España. Xa entrado o serán organizouse un pasarrúas do grupo de batucada de Os Xograres de Lemos, moi presentes en todas as festas.

Na derradeira verbena das festas patronais de Monforte, a música e o baile correrían a cargo da orquestra Ritmo Joven.

Comentarios