Un festival que chega para quedar

O colectivo chantadés Polamiúda fai balance positivo da primeira edición de Polas Bravas, unha cita que combinou feminismo con música, poesía e teatro e que tivo moi boa acollida
Varias integrantes do colectivo. POLAMIÚDA
photo_camera Varias integrantes do colectivo. POLAMIÚDA

A asociación feminista Polamiúda leva organizando diferentes actividades en Chantada dende 2017. Están convencidas de que o traballo que realizan está a dar os seus froitos e aseguran que xa as recoñecen "como un referente para tratar algúns temas complicados, como violencias, acosos e demais".

Esta fin de semana quixeron dar un paso máis, organizando o primeiro festival feminista Polas Bravas. Para elas, esta cita presentábase con numerosas complicacións debido á inexperiencia das persoas integrantes do colectivo en organización de eventos, pero rematou por ser todo un éxito de público e ambiente. Tanto, que xa pensan na vindeira edición.

"O balance é absolutamente positivo, estamos moi satisfeitas", di Iria Otero, a quen, por sorteo, lle tocou ser presidenta dunha asociación na que, insisten, "ninguén está por riba de ninguén, somos un colectivo horizontal".

Parte do éxito deste primeiro Polas Bravas, que recibiu xente de toda Galicia, pode deberse ao seu interesante cartel, que combinaba disciplinas como a música, o teatro e a poesía.

A actuación de Chévere ateigou o auditorio chantadés. POLAMIÚDA
A actuación de Chévere ateigou o auditorio chantadés. POLAMIÚDA

"Apostamos por propostas diversas co obxectivo de atraer público diverso", explica outra das socias fundadoras, Alba Díaz, que salienta a poesía escénica, con Lucía Aldao e María Lado (Aldaolado) e Nuria Vil. "Para ver algo así tes que ir a Santiago normalmente. Elas tamén remataron moi agradecidas, porque a música está xenial, pero poucas veces se lle dá oco á poesía", sinala.

Díaz queda tamén coa participación dunha escola de música de Chantada chamada A Academia, "que pretende darlle un espazo á xente que leva a cabo os seus proxectos aquí".

Outra das socias de Polamiúda, Elena Fernández, destaca a "fichaxe" da obra de teatro As Fillas Bravas de Momán, da prestixiosa compañía galega Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014. Fernández non lembra "o auditorio tan cheo e coa xente en pé e tan entregada como ao remate da actuación". Mesmo asegura que "veu xente darnos as grazas por traer esta actuación, que non estivera na nosa vila".

A obra foi só media hora, pero "moi significativa". O resto do cartel completouse con, ademais dos xa mencionados recitais de poesía, a música de Fillas de Casandra, do grupo local Punkdereteiras ou das Bratzantifa. O primeiro Polas Bravas tamén contou coa participación de Noite, Midori Hatta, A Academia, Meriwlson, Hydn e Luna Desgracia.

Financiamento coas achegas propias

Polamiúda vive das achegas das propias socias, "autofinanciándonos dende os nosos inicios". Din que ata este ano, por mor do festival, non pediran unha soa axuda e que a continuidade ou non do mesmo dependía, sobre todo, "de non ter que poñer do noso peto máis cartos dos que xa poñemos".

Aí atoparon tamén a axuda de decenas de establecementos de Chantada, "que colaboraron co que puideron". Mentres, as integrantes da asociación seguían coas xestións necesarias para facer o festival posible.

Tiñan claro que querían "ter contacto coa xente, divertirnos, estar xuntas, falar de feminismo, ver propostas feministas feitas por mulleres e facelo dende unha perspectiva de lecer". Todo isto a través de propostas "diferentes, supostamente marxinais, pero que lle gustan a moita xente".

Un colectivo formado en 2017 e con vinte socias

Polamiúda formouse en 2017 e actualmente conta cunha vintena de persoas socias, aínda que un grupo máis reducido foi o que se encargou de organizar o festival, "pois cada unha ten as súas circunstancias e non en todos os casos teñen dispoñibilidade para traballar", sinala Andrea Vázquez, outra das integrantes que participou na fundación do grupo.

Sobre a situación en Chantada, pensan que "reflicte a sociedade en xeral, nin estamos moi avanzados nin moi atrasados, aínda que temos o hándicap de vivir no rural, que é un punto que nos resta avance", pensan.

Por iso, Polamiúda seguirá "intentando achegar o feminismo, polo menos a parte que nos toca, á cidadanía". Farano a través de actividades ao longo do ano e, o vindeiro ano, coa que será a segunda edición deste festival que chegou para quedar.

Comentarios