Festas de Escairón: Bustamante, Panorama, Combo e moito máis

A música comparte programa con citas consolidadas como a carreira de burros, a festa da espuma e os xogos tradicionais
Carreira de burros nunha edición anterior das festas de Escairón. AEP
photo_camera Carreira de burros nunha edición anterior das festas de Escairón. AEP

Actividades de todo tipo e para todos os públicos encherán as rúas de Escairón dun bulir de axitación durante os próximos cinco días. A vila celebra as súas festas patronais na honra da Virxe das Dores, cun amplo programa de ocio no que destacan actuacións musicais como a de Bustamante ou as orquestras Panorama e Combo
Dominicano
.

Os festexos, que se prolongarán ata o martes, darán comezo este venres co ‘I torneo de Catán festas patronais de Escairón’. Tratase dun xogo de mesa multixogador que consiste en construír estruturas, comprar tarxetas e ganar logros para reunir os dez puntos necesarios para gañar. Tras o torneo, haberá un festival de charangas que contará coa participación dos grupos Europa e CLK.

O sábado, o protagonismo musical recaerá en David Bustamante, que actuará despois da verbena amenizada pola orquestra Punto Clave. Ese día as actividades empezarán coa décima edición da carreira popular Concello Saviñao, nas categorías infantil e absoluta, ás 11.00 e 12.00 horas, respectivamente.

Pola tarde, antes da actuación musical, terá lugar o ‘Toque Malabar: Cirkote’, un espectáculo circense con teatro de malabares e sobre todo moito humor, que seguro fará escachar de risa aos nenos.

O domingo continúa a troula cunha chea de citas. Comezarán cun pasarrúas a cargo da banda de música de Muimenta e o grupo de gaitas Os Tarabelos, do Saviñao. Despois haberá xogos populares na Praza Maior. A misa solemne celebrarase ás 13.00 horas, seguida de procesión e sesión vermú amenizada pola bandas, que voltarán tocar ás 20.30, tras un partido do torneo de fútbol, que comenzará as 19.00. A noite rematará coa verbena a cargo da orquestra Solara e o grupo Gin Tonic’s.

Na xornada do luns os protagonistas serán os máis pequenos, cunha programación na que a maior parte das actividades estarán centradas na súa diversión. Bicicleta lenta, carreira de sacos, inchables, atraccións acuáticas e mesmo unha festa da espuma farán as delicias dos cativos. Todas as actividades serán de balde. A nota musical dese día poñeraa a charanga As Centellas, primeiro cun pasarrúas e logo coa tradicional sesión vermú. Á noite, as orquestras Saudade e Charleston Big-Band animarán a verbena.

O próximo martes, día grande das festas, o protagonismo será para as orquestras Panorama e Combo Dominicano, que medirán forzas na verbena. Ese día, o programa arranca ás 12.00 coa tradicional carreira de burros. A continuación, haberá unha actividade de tiro de cordas na que poderán participar tanto adultos coma cativos.
A sesión vermú estará amenizada pola Charanga Unión Phenosa. Ás 19.00 terá lugar o torneo de fútbol do Concello do Saviñao. A música comezará cara ás 21.00 para seguir ata a madrugada, primeiro coa actuación de Eve Cornelius e Telmo Fernandez Trío, un grupo internacional de soul-blues, e logo coas actuacións de Panorama e Combo Dominicano. Á medianoite terá lugar o tradicional espectáculo de fogos artificiais, que iluminará o ceo de Escairón.

Os organizadores da celebración deseñaron un programa de actividades para encher Escairón do ambiente festivo que os veciños están desexando recuperar e que seguro deixará a todos os participantes con ganas de máis.

Comentarios