Unha festa para poñer en valor a vendima

O Saviñao acolle ao longo desta fin de semana en Escairón o primeiro evento deste tipo que celebra a Ribeira Sacra ► Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, asegurou que os proxectos que nacen como este "medran e consolídanse"
undefined
photo_camera Brinde de autoridades. C.J.G

A ampla listaxe de municipios da Ribeira Sacra con eventos arredor do viño ten dende onte unha nova incorporación, a do Saviñao, que celebra ao longo desta fin de semana a primeira Festa da Vendima da zona.

Nun marco inmellorable, baixo os carballos centenarios da Devesa de Escairón, centos de persoas déronse cita para degustar os viños das seis adegas participantes, que puxeron a disposición dos asistentes un total de 17 referencias.

undefined
O posto das adegas. C.J.G

O alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto, asegurou que este novo evento "nace para quedar e ocupar un espazo baleiro, porque Ribeira Sacra era a única denominación de orixe que non tiña unha festa sobre a vendima", dixo.

O rexedor deu as grazas ás adegas, "que se organizaron para compartir un mesmo stand", e tamén tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia e a Fundación Xosé Soto de Fión.

Nos actos de apertura da cita estivo presente o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que salientou a importancia de poñer en valor "un dos mellores produtos desta terra, o viño". Sobre o futuro da festa, Rodríguez sinalou que "os grandes proxectos que, como este, teñen fundamentos e base medran e consolídanse".

undefined
Un grupo de amigos desfrutando do evento. C.J.G

Tamén acudiu á presentación do evento José Antonio Quiroga, o director da Fundación Xosé Soto e do Ecomuseo Pazo de Arxeriz, que cedeu para a ocasión varias pezas que permiten coñecer como eran as vendimas no pasado.

MÁIS QUE VIÑO. No seu primeiro día, a Festa da Vendina acolleu varios obradoiros e tamén houbo espazo para postos de artesanía e gastronomía e para a música. Ao peche desta edición estaban pendentes os concertos de Susana Seivane e Luar na Lubre.

                      No sentido das agullas do reloxo, o brinde das autoridades, o posto das adegas, o do restaurante da praia da Cova, un grupo de amigos e varias pezas antigas da exposición.
Varias pezas antigas da exposición. C.J.G

Para hoxe hai previsto de novo un amplo e variado programa. Entre as citas destacadas estarán o pregón do escritor Xabier Quiroga, o nomeamento das Damas e Cabaleiros da Orde da Mencía, unha demostración da pisa da uva e a actuación do grupo musical De Vacas a última hora da tarde. Os postos abrirán ás 11.00 horas.

Comentarios