O escritor Xabier Quiroga pregoará a Festa da Vendima do Saviñao

Natural de Escairón, será o encargado de abrir a primeira edición desta festa, que se celebrará os días 17 e 18 de setembro na Devesa
El escritor Xabier Quiroga. SEBAS SENANDE
photo_camera O escritor Xabier Quiroga. SEBAS SENANDE

O escritor e profesor Xabier Quiroga Díaz, natural de Escairón, será o encargado de pronunciar o pregón que abrirá a primeira edición da Festa da Vendima do Saviñao, que se celebrará os días 17 e 18 de setembro.

Dende o Concello do Saviñao, organizador da cita, destacan a Quiroga como "un referente da literatura lucense, cunha ampla obra que consta de nove libros".

A súa primeira publicación foi Atuado na Braña, finalista do Premio Xerais 2001. Tamén escribiu obras como Era por Setembro, Se buscaba un deus e O Cabo do mundo, que fan alusión á guerra civil e ao franquismo. Este último foi Premio da Crítica de narrativa galega, ao igual que Zapatilla rotas, o seu seguinte libro.

Ademais do apartado literario, Xabier Quiroga ten un pasado vinculado ao mundo do fútbol, pois foi xogador de, entre outros equipos, o Atlético Escairón. No cadro do Saviñao foi tamén adestrador durante tres tempadas, nas que obtivo excelentes resultados deportivos. Segundo o consistorio, destacou tamén "por dotar dunha identidade futbolística tanto ao Atlético Escairón como ao propio municipio".

A primeira Festa da Vendima contará cun amplo programa de actividades que xiran arredor dos labores típicos da vendima, o viño e a gastronomía. Celebrarase os días 17 e 18 destes mes na contorna da Devesa, en Escairón.

Segundo apuntan dende o Concello, o evento está dirixido a todas as idades, pois tamén será posible "presenciar actividades de artesanía e oficios centenarios, como o de cesteiro, un traballo en peligro de extinción", sinalan.

Comentarios