A Feira de Belesar faise maior de idade

O mal tempo mermou a colleita de cereixas e apareceu na festa de exaltanción, na que foron homenaxeados dous adegueiros da zona, José Antonio Fortes e o finado Xosé Blanco
Unha vendedora amosa as cereixas. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Unha vendedora amosa as cereixas. MIGUEL PIÑEIRO

As cereixas maridaron co viño como non son quen de facelo coa auga. Os días de chuvia deste mes mermaron a colleita, como xa prevían moitos produtores nas semanas previas. Sen sol nin calor, a froita podía estragarse e así foi en moitos casos, porque as precipitacións sucedéronse e case non deron tregua.

En Belesar hai cereixas esta fin de semana, aínda que non demasiadas. "Non veu o tempo delas. A chuvia abriunas e perderon calidade, pero algunha podemos vender", comentaba un dos colleiteiros que este sábado instalou o seu posto á beira do lugar onde o río Miño divide os concellos de Chantada e O Saviñao.

A seis euros o quilo véndense as cereixas na Feira de Belesar, que acadou as 18 edicións e fíxose maior de idade esta fin de semana. Coma foi habitual ultimamente, non deixou de chover case en ningún momento. Eran pingas pesadas, constantes, repetitivas e monótonas. Desas que parecen que non van parar nunca. Invernía chámanlle algúns, aínda que tamén habían quen entre copas de viño e petiscos ao son da música prefería dicir que era un tempo propio do outono.

Sexa como sexa, os peores presaxios cumpríronse e o sol e a calor non acompañaron as cereixas. Aínda así, a asociación Papeiros e Rabudos, que organiza esta festa, seguiu cara a adiante co evento, que viviu a súa xornada grande este sábado coa inauguración e o pregón, a cargo do filólogo e presidente do Instituto de Estudos do Carballiño Avelino Muleiro.

Recoñecementos na Feira do Viño e as Cereixas

Despois do corte da cinta inaugural —na ponte que separa (ou une) os dous concellos— e o pregón produciuse un dos momentos máis emotivos da feira. Dous adegueiros da zona foron homenaxeados coa entrega de sendos diplomas á súas familias. José Antonio Fortes é cofundador do certame e rexentou a adega familiar Adega do Fortes. Padece unha enfermidade que lle impediu estar na festa, pero acudiron os seus achegados para recoller o seu premio.

Tamén houbo recoñecemento para Xosé Blanco, finado o 11 de novembro do ano pasado e que foi o fundador de Adega do Veiga e o creador do complexo turístico Da Veiga. Igualmente participou na fundación da feira.

Corte da cinta inaugural na ponte entre Chantada e O Saviñao. EP
Corte da cinta inaugural na ponte entre Chantada e O Saviñao. EP

Rematados estes actos e sen que a chuvia parase, Belesar seguiu de troula. Actuaron os gaiteiros Os Barrios e o dúo Son de Festa e venderon viño as adegas Pilares de Belesar, Terras Bendaña, Condado de Sequeiras e Fontao. Mesmo algúns peregrinos do Camiño de Inverno pararon na súa ruta para curiosear e ver se podían degustar algunhas das cereixas. 

Din que nunca chove a gusto de todos. Pois para o produto estrela de Belesar, esta auga foi de todo menos positiva, aínda que algo de vermello sempre hai nas caixas e quen tivera antollo puido levar algunhas para a casa. Por suposto, non faltaron os outros elementos típicos de calquera verbena galega. O polbo, a carne ao caldeiro e as empanadas axudaron os comensais a esquecer o mal tempo.

Programa da Feira do Viño e as Cereixas

Este domingo segue a Feira do Viño e as Cereixas dende ás 10.00 horas, cando está previsto que abran os postos de venda. A mediodía volverá haber sesión vermú co dúo Son de Festa, que tamén amenizará a verbena a partir das 20.00 horas. Para as 17.30 está previsto o xa tradicional concurso de aturuxos entre os papeiros, de Chantada, e os rabudos, do Saviñao, cada un a unha beira do río Miño.

Na primera xornada da Feira do Viño e as Cereixas estiveron presentes os alcaldes de Chantada, Manuel Lorenzo Varela; O Saviñao, Carlos Armesto; Pantón, José Luis Álvarez; ou A Pobra do Brollón, José Luis Maceda; ademais dos deputados por Lugo Iago Suárez e Raquel Arias.

Comentarios