Evacuado o condutor dun tractor en Quiroga tras sufrir un accidente

O varón atopábase liberado e accesible, pero, con todo, necesitaba atención sanitaria

O condutor dun tractor resultou ferido de consideración despois de envorcar co seu vehículo nunha finca situada no lugar de Bustelo de Lor, no concello lucense de Quiroga.

Un equipo médico desprazouse ata o lugar do sinistro a bordo do helicóptero con base en Ourense para trasladar o ferido ao centro hospitalario de referencia.

Todo ocorreu ás 18 horas desta tarde, cando un veciño chamou ao 112 Galicia para pedir asistencia médica para un home que manexaba un tractor e sufrira un accidente. Segundo sinalou, o varón atopábase liberado e accesible, pero, con todo, necesitaba atención sanitaria.

Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) avisou aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que enviaron á zona o helicóptero medicalizado con base en Ourense para a rápida evacuación do ferido.

Ademais, desde o 112 Galicia solicitouse tamén a intervención dos Bombeiros de Monforte, do GES de Quiroga e dos axentes da Garda Civil. Do mesmo xeito, os membros de Protección Civil da localidade foron informados por se fose necesaria a súa colaboración.

Comentarios