"Estamos á espera de subvención para facer catro vivendas sociais"

Tras pasar a vida laboral en Suíza no sector da banca, tomou no 2007 as rendas do Concello de Pantón e xa non as soltou. Cando fala aproveita o tempo, vai ao gran e non quere colgar o teléfono sen resolver a conversa. Ten moitos asuntos sobre a mesa e todo está da súa man
José Luis Álvarez Blanco.EP
photo_camera José Luis Álvarez Blanco.EP

O alcalde de Pantón recita de memoria todos os proxectos que ten en marcha o Concello. Tenos moi presentes e ata semella que os repasa a diario, a xulgar pola claridade coa que os describe. Quere aproveitar o verán para avanzar nas obras, non hai tempo que perder.

Que ten entre mans estes días?

Estamos traballando na igrexa de Pombeiro, imos facer un parque infantil en Ferreira, a segunda fase do colector de Vilamelle, están para contratar a auga de Trigás e a do Pereiro e Guítara, a segunda fase da rúa de Toiriz e empezaremos tamén cos traballos na entrada a Ferreira. Tamén está para contratar a obra da rúa Fernández Núñez e as melloras nos accesos desde a fonte de Augas Santas ata o balneario, con renovación de beirarrúas e iluminación. Ademais, estamos pechando o campo de fútbol artificial e mellorando a iluminación. Tamén sacamos a concurso un plan de aforro enerxético que consiste no cambio de luminarias e cadros, así como obras nas distintas estradas municipais.

Enumera todo de golpe, sen pensar e case sen respirar.

O verán é época de traballo, hai que aproveitar o bo tempo para facer obras.

E tamén para recibir visitas.

Si, claro, estamos volcados co turismo, é un recurso económico moi importante. Temos un plan de mellora de estradas para facilitar o acceso. A verdade é que estamos recibindo moitas visitas. A zona da fervenza sempre está chea e o balneario está aberto, que tamén é un gran atractivo.

Hai algún plan para revitalizar o Camiño de Inverno aproveitando o ano santo de 24 meses?

Si, desde a asociación de alcaldes do Camiño de Inverno estamos traballando para promover o sendeirismo nesta ruta. Trátase de que os afeccionados ao sendeirismo se animen a percorrer o Camiño de Inverno, non só para peregrinar, senón como roteiro habitual para as súas saídas. É un xeito alternativo de atraer camiñantes.

O Concello ten un proxecto para construír vivendas sociais. Como van os trámites?

Temos unha casa comprada para facer catro apartamentos e unha subvención pedida á Xunta para acometer as obras. Estamos á espera de resposta. A intención é facer catro apartamentos para alugar, duns 70 metros cadrados.

Coa pandemia está incrementando a poboación nalgúns concellos rurais. Tamén en Pantón?

Si, polo menos a poboación non baixou. A pandemia trouxo xente na procura dun lugar tranquilo onde vivir nun entorno natural.

É xente que xa tiña relación con Pantón ou de fóra?

Chegou tanto xente que tiña relación familiar con Pantón como algunha sen vínculos anteriores co concello. De momento están aquí, non sei se para quedar ou se marcharán.

En Pantón parece que se vive ben, a xulgar polos moitos centenarios que hai no concello.

Será o viño.

O viño, a auga...

Somos a Mesopotamia galega, unha terra situada entre tres ríos: o Cabe, o Miño e o Sil. E aínda así, cunha terra tan boa, vostede e moitos outros tiveron que emigrar.

Si, estiven en Suíza 29 anos. Funme con 23 e volvín con 52. Traballaba na banca e xa volvín para prexubilarme.

En Suíza hai unha política moi beneficiosa para o medio rural. Serviulle de algo o exemplo para gobernar o Concello de Pantón?

En Suíza hai subvencións especiais para manter activo o campo e todo tipo de servizos para que a xente poida seguir vivindo nas aldeas. Sempre que coñeces un país hai cousas que se poden aproveitar, pero algunas non son fáciles de levar á práctica aquí porque as características das sociedades son diferentes.

Que debemos mellorar?

Por exemplo, alí todos os trámites son máis fáciles. Non hai unha cola nunha oficina e para facer calquera xestión resolves nun día o que aquí che leva un mes. Por outra parte, tamén a xente ten máis concienciación sobre algunhas cuestións, son máis responsables en temas sociais e ambientais. Hai cousas que se aprenden na escola. Por exemplo, as miñas fillas xa de nenas non me deixaban tirar a cabicha dun cigarro na rúa. Cando volvín para Pantón despois de tantos anos ata me parecía raro ver cabichas e escarvadentes no chan dos bares.

Un banqueiro políglota
CInco idiomas
Un banqueiro políglota Cinco idiomas As tres décadas que José Luis Álvarez pasou en Suíza fixeron del un home políglota. O castelán e o galego xa os levaba da casa e durante a súa estancia en Zúrich conseguiu dominar o italiano, o alemán e un bo nivel de francés.

Entre países
Vivía e traballaba en Zúrich, pero por motivos laborais tamén frecuentaba moito Xenebra. Aproveitou para coñecer a fondo Suíza e os países veciños. "Non hai lugar do tamaño de Pantón que eu non visitara en Suíza. Ademais, en menos de catro horas podes estar en Italia, en Austria, en Francia ou en Alemania. É moi fácil moverse e coñecer distintos países desde Suíza".

Puntualidade
Lembra con agrado a famosa puntualidade suíza, non só polos seus afamados reloxos, senón polo bo funcionamento do transporte público.

Comentarios