A escritora Antía Yáñez inaugurará as veladas do 25 aniversario de Agrasar

A última novela da autora tivo moi boa acollida en Monforte, e o mesmo agardan desta actividade
Antía Yáñez, coa obra 'Non penses nun elefante rosa' na libraría lucense Trama. AEP
photo_camera Antía Yáñez, coa obra 'Non penses nun elefante rosa' na libraría lucense Trama. AEP

A libraría monfortina Agrasar quere comezar por todo o alto a conmemoración dos seus 25 anos. Para iso, o negocio traballa en iniciativas novidosas e unhas das primeiras serán as veladas literarias "Tomando un libro con...". A entrega inaugural terá lugar o vindeiro 4 de febreiro e os puntos suspensivos complétanse co nome da escritora Antía Yáñez, unha das plumas con máis talento da nova literatura galega.

Ademais de para pasar un bo anaco, a actividade servirá para presentar a súa última novela, Non penses nun elefante rosa, un relato que desprende sentido do humor á vez que aborda a fondo o tema da saúde mental.

Este título xa a trouxo a Monforte no verán, durante a feira do libro celebrada a finais do mes de agosto. Yáñez sabe que ten moitos lectores na cidade do río Cabe. De feito, a mencionada novela foi o segundo libro en galego máis vendido ao longo do pasado ano en Agrasar, só superado por unha obra de Marilar Aleixandre.

O obxectivo é que esta velada, que se desenvolverá na viñoteca Grolo, inaugure unha opción alternativa para as noites dos sábados en Monforte.

Jacobo Rodríguez Agrasar, á fronte da librería dende hai un ano, agarda que se consolide a proposta, á vez que sitúe a libraría "como un axente cultural de relevancia, que organice eventos de interese".

25 anos

E moitos deses actos terán que ver co aniversario de Agrasar, que abriu as súas portas en abril de 1998 da man de Ada Agrasar, a nai de Jacobo.

Licenciada en Bioloxía, impartira clases en Sarria, pero deixouno ao ter os fillos, así que o seu interese pola literatura e a cultura levouna a poñer en marcha este establecemento, moi coñecido por todos os monfortinos. Neste tempo mesmo crearon unha editorial, do mesmo nome, para apostar polos autores da zona.

A xubilación de Ada hai case un ano deu paso á seguinte xeración. O seu fillo, Jacobo Rodríguez, está á fronte do negocio dende entón coa idea de «seguir, polo menos, outros 25 anos».

Comentarios