Escalar é máis fácil grazas ás cartas

María Yáñez, veciña da Pobra do Brollón, deseñou Cordadas, trasnadas camiño do cumio, un xogo con temática baseada nas subidas ás montañas. Ten en marcha unha campaña de crowdfunding para comercializar, como mínimo, 300 exemplares.
Muki cunha das cartas de Cordadas. EP
photo_camera Muki cunha das cartas de Cordadas. EP

Hai dúas paixóns mesturadas na iniciativa que acaba de poñer en marcha María Yáñez Rabanal, a quen todos coñecen por Muki. Esta veciña da Pobra do Brollón, que é natural de Lugo, vén de lanzar "Cordadas, trasnadas camiño do cumio", un xogo de cartas en galego de temática montañeira.

Por unha banda, Muki transmite así a súa afección polo alpinismo e pola outra faille unha especie de homenaxe a unhas compañeiras habituais dos escaladores: as barallas de cartas.

"A idea xurdiu tomando un café cuns amigos en Baleira. Máis adiante, escalando nos Picos de Europa, dinme conta de que só levaba comigo unha baralla. Ao principio pensei nun xogo con taboleiro, pero acabeime decantando só polas cartas, porque son máis cómodas de levar", lembra Muki.

A caixa do xogo. EP
A caixa do xogo. EP

A idea é xogar ás cartas mentres se descobre máis polo miúdo o mundo do alpinismo. Trátase dunha actividade competitiva, divertida e dinámica, deseñada para ser compartida por entre dous e seis xogadores, aínda que comeza a ser verdadeiramente rápida e estimulante a partir dos catro.

¿Cómo se xoga?

En "Cordadas", cada xogador asume coas cartas o papel dun alpinista ou escalador co obxectivo de conseguir todo o material necesario para chegar ao cumio. Os contrincantes tratarán de impedir o seu ascenso por medio de cartas de trasnadas ou de meteoroloxía adversa.

Hai tres tipos de cartas: de escalada clásica, deportiva e alpinismo. Cada unha destas modalidades vai vencellada a unha cor e un material específico. A da clásica é o vermello; a da deportiva, o amarelo e a do alpinismo, o azul.

As cartas dos diferentes obxectos necesarios aparecen coa cor da disciplina á que pertencen. Poñamos por caso que a un xogador tócalle a escalada deportiva. O seu obxectivo é reunir todas as cartas amarelas -as da cinta exprés ou o magnesio, por exemplo- para alcanzar o cumio da montaña.

A dificultade atópase nas cartas que van collendo os rivais, que lles permiten dende roubar todo o material acumulado polo escalador ata activar fenómenos atmosféricos coma furacáns e obrigar ao alpinista a volver comezar.

As cartas foron elaboradas con deseños propios de María Yáñez. Tanto a idea orixinal coma os debuxos son dela e cada baralla consta de 79 cartas. Trátase dun xogo moi completo que Muki destaca coma apto para calquera público, aínda que aborde unha temática tan específica. Por iso xoga un papel fundamental o código de cores.

Polo momento, Muki di que só ten dous prototipos realizados do xogo. A súa idea é desenvolver un mínimo de 300 exemplares. Para financiar os custos da elaboración, a impresión e posterior distribución, a impulsora comezou unha campaña de micromecenado, o que se coñece por crowdfunding.

Está en marcha dende o pasado xoves e permanecerá aberta ata chegar aos 40 días. As persoas interesadas en participar deben dirixirse á paxina web de Verkami, onde tamén é posible atopar diferente información, igual que no perfil da rede social Instagram @muki_xogos.

Quen se anime co crowdfunding fará como unha especie de reserva do xogo, que recibirá dentro duns meses, cando Muki poida sacar adiante máis prototipos. A súa intención é que a entrega de cada "Cordadas" poida facerse polo mes de xuño.

"Aínda non teño decididas as canles de comercialización. No futuro, a miña idea é dirixirme ás tendas de xogos e se cadra empregarei tamén plataformas online coma Instagram ou YouTube", explica María Yáñez.

Polo momento, esta particular escalada comezou. O cumio é ver satisfeita unha dobre paixón polo alpinismo e os xogos. Pode que nun futuro, "Cordadas" sexa un material imprescindible na mochila de calquera escalador.

Comentarios