O Entroido Ribeirao sae á rúa

Volantes, maragatos e mecos están preparados para percorrer hortas e camiños de Santiago de Arriba, en Chantada, unha tradición que se mantén con vida grazas á colaboración veciñal

Dous integrantes do Entroido Ribeirao preparan os traxes. TOÑO PARGA
photo_camera Dous integrantes do Entroido Ribeirao preparan os traxes. TOÑO PARGA

Os domingos pola mañá poucos sons estragan o silencio en Chantada. É nese intre cando se distinguen as inconfundibles campás do Entroido Ribeirao, o máis madrugador da comarca. Antes de que a vila do Asma reciba os seus personaxes, estes xa levaron unha tradición ancestral ata os municipios ourensáns de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Nestes puntos celebrouse a cuarta edición da Mascarada Ibérica, con 40 asociacións relacionadas co Entroido chegadas de diversos lugares de toda península.

Nesta xuntanza tivo a súa representación a parroquia de Santiago de Arriba, a única das que integran a contorna da ribeira en Chantada que conserva este costume. "Antes había Entroido en Vilaúxe, Nogueira, A Sariña, San Pedro ou Camporramiro, pero só quedamos nós", lembra Iván González, membro moi activo do Entroido Ribeirao e, pola súa curta idade, unha das grandes esperanzas de que o colectivo creado no ano 2000 para evitar que volantes, maragatos e mecos caeran no esquecemento manteña a súa actividade no futuro. Por suposto, sempre con Santiago de Arriba coma escenario principal. "É onde ten que facerse, porque é propio de alí", destaca Iván.

A xornada grande chegará en seis días, co Domingo Lambedoiro. Pola mañá, o Entroido Ribeirao atravesará algunhas das rúas principais de Chantada, pero pronto se dirixirá cara as ribeiras. A estrada principal de Santiago de Arriba será o punto de saída á tarde. Desde alí, o Entroido Ribeirao desprazarase polas hortas dos veciños ata chegar ao lugar chamado O Moredo, onde desenvolverá as súas representacións típicas.

HISTORIA. O paso do Entroido Ribeirao polas hortas é unha chamada ao bo tempo. Os volantes son os encargados de facela. "Din que a colleita será boa por onde eles pasen", relata Iván. Acompáñanos no seu camiño os maragatos, que son os que vixían que os volantes non sufran ningún dano mentres desenvolven a súa función.

Os mecos suman en Santiago de Arriba esa dose de sátira que sempre é tan ben recibida no Entroido. Representan escenas de actualidade desde un punto de vista crítico e cómico ao mesmo tempo. A risa é o seu principal obxectivo.

Esta historia é posible grazas á colaboración veciñal. Os traxes dos personaxes do Entroido Ribeirao descansan durante todo o ano nas casas das persoas da asociación, que tamén elaboran os elementos que compoñen as vestimentas. É o caso dos puchos dos volantes, creados con cintas de cores e flores feitas pétalo a pétalo que non poden volver a ser utilizadas se un día chove. As peles dos maragatos son reais, aproveitando unha batida de caza ou que nalgunha casa dos arredores se matase algún animal. As campás dos cintos son cedidas por veciños. "Apalábranse chocando as mans, ata o final do Entroido. Ninguén chas vende, por moitos cartos que ofrezas", asegura Iván González.

"O apoio das institucións non é suficiente, tiña que se motio máis grande"
Unha das maiores queixas do Entroido Ribeirao deixa en mal lugar as institucións públicas. Os compoñentes da asociación consideran que a súa axuda debía ser maior. "Co que nos dan non chega para case nada, só facer cada pucho cústanos 600 euros", afirma Iván González. "O apoio institucional tiña que ser máis grande", conclúe. Entre as reivindicacións do Entroido Ribeirao figura un local para gardar os traxes sen ter que ocupar un domicilio particular. "Estaría ben que arranxasen a antiga escola do Moredo, que está moi mal e ninguén se preocupa por renovala", afirma este integrante dun Entroido Ribeirao formado por unhas 35 persoas, entre nenos e adultos.

Comentarios