O Entroido Ribeirao marca o seu ritmo

Volantes, maragatos e mecos saíron de novo por Santiago de Arriba malia as malas previsións ► Este luns será a quenda do Oso de Salcedo
Entroido Ribeirao | Santiago de Arriba (Chantada). EP
photo_camera Entroido Ribeirao | Santiago de Arriba (Chantada). EP

As malas previsións meteorolóxicas obrigaron a trasladar, ou mesmo suspender, moitas actividades de Entroido. Non foi o caso do ribeirao. Pola parroquia chantadesa de Santiago de Arriba saíron de novo, como levan facendo cada domingo dende o pasado 28 de xaneiro, os volantes, os maragatos e os mecos para facer das súas outra vez.

O Entroido Ribeirao comeza cos volantes percorrendo as hortas, unha petición de bo tempo e colleitas produtivas en primavera. Avanzan a pequenos saltos, facendo soar as súas campás e vixiados polos maragatos, ou peliqueiros, que coidan de que non padezan ningunha incidencia no seu particular traxecto.

Despois do ritual dos volantes chega o momento dos oficios. Protagonízanos os mecos, que representan escenas teatrais satíricas, sobre temas de actualidade ou historias que acontecen na parroquia. O seu papel é de pura transgresión e onte provocou un bo número de gargalladas.

                      Por riba destas liñas, unha particular representación dun parto durante os oficios. Á dereita, un grupo de volantes (arriba), un maragato (centro) e dous mecos.
Un grupo de volantes. MIGUEL PIÑEIRO

Non houbo tanta xente no Domingo de Entroido coma no espectacular Domingo Lambedoiro, onde se xuntou unha impresionante cantidade de público. E de fotógrafos tamén. A cifra de cámaras que buscan inmortalizar o Entroido Ribeirao adoita ser moi importante. Por iso, os seus portadores non se libran tampouco das parodias.

Houbo dúas persoas disfrazadas de fotógrafos, satirizando a súa labor durante as actividades. Repartían, ademais, unha especie de manual de boas prácticas, no que, por exemplo, ínstase a non entrar en lugares privados, como as propias hortas, ou a non achegarse demasiado aos personaxes mentres estes actúan, entre outras pautas de comportamento.

                      Por riba destas liñas, unha particular representación dun parto durante os oficios. Á dereita, un grupo de volantes (arriba), un maragato (centro) e dous mecos.
Unha particular representación dun parto durante os oficios. MIGUEL PIÑEIRO

Aínda queda un día para gozar en Santiago de Arriba. Será este Martes de Entroido, que protagonizará o choro do pucho.

A saída do Oso de Salcedo na Pobra do Brollón

O de este luns é un día marcado en vermello no calendario de Entroido na Ribeira Sacra, pois está prevista a furiosa saída do Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón. Xunto cos criados, esta figura ancestral tinguirá de negro a quen apareza no seu camiño.

Ás 17.00 horas comezarán as baixadas do oso coa súa impoñente vestimenta feita con entre 30 e 40 quilos de pel de ovella, ao que hai que engadir o coiro da máscara e o trapo das gadoupas. Un rol só apto para fortes, e máis se chove e o traxe móllase.

Ademais da saída do oso, a parroquia de Salcedo terá un pasarrúas da charanga Terras de Bibei, o grupo Mekanica Rolling Band e Duendeneta. Ás 21.00 horas haberá unha cea popular e dende a medianoite actuarán M-3 Show e DJ Luismi para pechar un día de auténtica festa na Pobra do Brollón, que coma sempre vivirá intensamente o seu Entroido.

Más en Ribeira Sacra
Comentarios