Emilio Eyré e o santuario de Fátima

No ano 1944 colocouse a primera pedra do santuario de Fátima de Chantada, unha obra promovida polo cura Emilio Eyré Lamas no que investiu o seu propio patrimonio persoal. O arquitecto Pedro Muguruza Otaño, un dos encargados do Val dos Caídos, deseñou un luxoso pórtico que houbo que modificar polo seu elevado custo

A XUNTA de Clasificación e Revisión de Lugo outorga para 1927-28 a prórroga de segunda clase a Emilio Eyré Lamas e ao acabar os seus estudos oficia a súa primeira misa en 1929. O 14 de febreiro de 1937, organízase un acto homenaxe á Virxe da Barca en Muxía, onde "o noso director espiritual, Padre Emilio Eyré Lamas, improvisou unha bela alocución sobre o significado deste acto, facendo resaltar o amor tradicional de Galicia á Virxe". Marcha a Arxentina en 1937, onde forma parte da comisión organizadora do periódico Fe Galega, mostrando desde a editorial "a gratitude que a nosa institución débelles como puntais da nosa obra e tamén da santa causa que Franco defende en España".

En xuño de 1938 chega a Vigo na chamada peregrinación de Buenos Aires ou Cruceiro Azul onde repartiron bendicións en Santiago de Compostela, A Coruña, cidades do norte de España, Zaragoza, Salamanca e Sevilla, acabando na capela do Santísimo Cristo de Ourense o 27 de maio de 1939. Nas chamadas Cruzadas Galegas o Delegado Rexional de Auxilio Social en Arxentina é proclamado asesor e primeiro Director Espiritual. En marzo de 1940 o presbítero Eyré é condecorado por Franco coa Orde de Isabel a Católica nun acto baixo a presidencia do ministro coronel Beigbeder, no que tamén se constitúe o Consello de Misións españolas "que han de ser portavoces dos principios fundamentais salvados pola nosa Santa Cruzada e os valores culturais".

O 18 de xaneiro de 1941 chega desde Madrid a Ourense, co cargo de asesor de Relacións Culturais do Ministerio de Asuntos Exteriores, cunha comisión da Xunta Nacional Prosacerdote Desvalido da cal era delegado, co propósito de crear filiais en Galicia co fin de reconstruír o Fogar do Sacerdote Español. Entre 1942 e 1944 o que fose profesor do Instituto Español en Lisboa e agregado da embaixada de España en Lisboa, encárgase da cátedra de grego en Santiago.

SANTUARIO. A primeira pedra do santuario de Fátima de Chantada, ubicado no lugar de Centulle, colócase no 1944. Aos 18 días de comezar "logrou que fose habilitada unha dependencia do santuario para que se celebrase o culto". A parte de que o propio sacerdote investiu ás obras do seu patrimonio particular, "o Estado, por mediación do Ministro da Gobernación saínte don Blas Pérez, fixo factible a realización do ambicioso proxecto". Ao escavar para facer a cimentación "atopan a sete metros de profundidade os fosos dun castro, grandes trabes de carbón, potas, figuras, vasillas, torques e algúns muros de casas cadradas e circulares onde achan cerámicas artísticas e outros obxectos" pretendendo realizar un "museo arqueolóxico anexo ao templo".

En xullo de 1944 o pai Gregorio Serrano bendiciu coa autorización do bispo da diócese lucense a pedra fundamental do santuario, adheríndose distintas liñaxes e nobreza española. O 11 de setembro de 1944, a Confraría Prol Santuario de España á Virxe de Fátima celebra funerais en sufraxio "do primeiro irmán falecido. Francisco Gómez Jordana". En 1945 o bispo de Leiria (Portugal) regala ao santuario catro pedras "para os alicerces do seu altar procedentes do lugar preciso das aparicións". Desde a institución artística de San Fernando encárgase ao escultor Eduardo Capa tallar a imaxe da Virxe. O 11 de maio é bendicida polo nuncio apostólico Gaetano Cicognani. Eyré funda en Madrid as Irmás de Nosa Señora de Fátima, sendo o seu primeiro presidente o infante Fernando de Baviera.

O 13 de xuño de 1945 a imaxe sae desde Madrid á catedral lucense, onde estivo exposta. Á súa chegada o 15 de xuño continuaban as obras e o director do Instituto de Cultura Hispánica e futuro Ministro de Educación Nacional Joaquín Ruiz Giménez interesouse polo proxecto e "propuxo a creación conxunta dunha residencia de Maxisterio, acordando unha axuda económica de 1.600.000 pesetas librada polo Ministerio de Facenda ao de Educación". Pero esa cantidade nunca se fixo efectiva, recibindo en setembro de 1955 da Comisaría Nacional do Paro unha subvención de 100.000 pesetas.

Custodiada polas autoridades locais e veciños celébrase a primeira festividade da nosa Señora de Fátima o 13 de xullo de 1946. En xullo de 1951 Francisco Franco recibe no Palacio do Pardo en audiencia civil aos compoñentes do Padroado da Casa de Saúde de Valdecilla, da cal formaba parte Eyré Lamas, celebrando a clausura do Ano Santo en Centulle o 12 de outubro.

O arquitecto Pedro Muguruza Otaño (director xeral de Arquitectura e encargado xunto a Diego Méndez da construción do Val dos Caídos) incluíu un "luxoso pórtico de grandes dimensións de estilo románico, un amplo abovedado que lembra a ornamentación mozárabe". O plano de construción tivo que ser modificado "en razón do cuantioso que resultarían as obras, pero en liñas xerais conserva a grandeza da súa arquitectura".

En xullo de 1952 o bispo de Palencia Souto Vizoso visita a diocese de Lugo e celebra unha misa no Santuario de Fátima e na Noa Señora do Faro.

En xullo de 1954 anuncia "que foi ofrecida polo Ministerio de Educación Nacional unha lámpada votiva ao devandito santuario. O consumo desta lámpada, ata o 8 de decembro, será sufragado polos inspectores de Primeira e Segundo ensino, achegando o aceite necesario". O 9 de setembro de 1954 o Ministro de Educación Nacional, Ruíz Giménez (acompañado polo abade de Samos, o bispo de Palencia e o arcebispo de Santiago), visita o santuario onde acendeu a lámpada e tras a misa a poetisa Pura Vázquez leu un poema dedicado á Virxe.

O INTERIOR. O pintor madrileño Fernando Somoza Soriano é elixido para pintar os frescos do santuario. En febreiro de 1957 o párroco de Fátima e capelán da Cruz Vermella Española, é recibido en Compostela polo cardeal doutor Quiroga Palacios. Estaba comisionado polo Real Corpo de Fidalgos de España "para facer entrega en Viena dun importante donativo en roupas ao arcebispo daquela capital, por valor de medio millón de pesetas, con destino aos refuxiados húngaros (Revolución Húngara de 1956)".

En abril de 1967 "as obras de reconstrución do templo van ser iniciadas baixo a supervisión do doutor arquitecto Alfonso Pérez Guerra e a dirección do arquitecto Manuel Álvarez Losada".

En xuño de 1974 Eyré é recibido polo príncipe de España no Palacio da Quinta, sendo as súas últimas peregrinacións a da Irmandade de Propagadores da Mensaxe de Fátima para pedir a paz do mundo en abril de 1975 e as da Devoción Mariana en maio.

Comentarios