Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

Electra en Chantada, luces e sombras

O alcalde Luis Campo (segundo pola esquerda), de visita nunha fábrica da luz a mediados dos anos 40. ARQUIVO PARDO
O alcalde Luis Campo (segundo pola esquerda), de visita nunha fábrica da luz a mediados dos anos 40. ARQUIVO PARDO

A enerxía eléctrica para o alumeado público chegou a Chantada a primeiros do século XX da man dun salto de auga que co tempo xestionou a firma Electra Popular. En 1961 perdeu a concesión

A inicios do século XX os farois de aceite das vías públicas de Chantada foron substituídos polos de petróleo. O 14 de setembro de 1901 o Concello adquiriu 24 cristais, dez depósitos e 18 boquillas e o ferralleiro Joaquín Rodríguez chegou a cobrar 97 pesetas "polos gastos ocasionados nas recomposicións e reparacións que fixo nos farois da iluminación pública", segundo os escritos da época. A partir de outubro de 1902 a 1903 marcouse o obxectivo de completar con 29 farois a remesa para colocalos nos sitios máis precisos da vila custando 42 pesetas cada un.

En xaneiro de 1903 convocouse unha poxa que foi adxudicada provisionalmente a Darío Rodríguez Fernández por 1.179 pesetas, desistindo o peticionario orixinal sobre Joaquín Rodríguez no mes de marzo.

Nesta nova oportunidade de negocio eléctrico empézaronse a mover fichas. O farmacéutico e alcalde entre 1918-1920 Manuel Alejandro Rodríguez Cortés enviou unha solicitude ao alcalde Benito de Soto ofrecendolle "substituír a iluminación que hoxe existe polo obtido por medio da electricidade". O 20 de xuño emítiuse un informe favorable para a instalación e subministración de iluminación pública por medio da electricidade.

O prego de condicións supeditaba que a iluminación se compoñía de 700 buxías e o Concello aboaba "a cantidade anual de 1.500 pesetas polo fluído e outras 1.500 pesetas por conservación, entretemento e vixilancia". En agosto de 1903 non había no Concello dentro do orzamento ordinario as 80 pesetas que había que pagar ao ferralleiro por reparar os farois "a consecuencia dos danos orixinados polo temporal ou por man airada".

Un salto de auga dun farmacéutico deu o primeiro servizo de iluminación eléctrica ás rúas de Chantada

Tras o visto e prace do Goberno Civil o alcalde ditou unha providencia con novas condicións e o 15 de decembro adxudicouse a Alejandro Rodríguez por 3.000 pesetas anuais por un período de 16 anos. En febreiro de 1904 o novo alcalde Julio Guerra Díaz Varela "expuxo que oíra varias queixas do comportamento do farmacéutico municipal Manuel Alejandro Rodríguez Cortés, que desatendía os servizos sanitarios non facilitando as medicinas coa présa que cada caso requiría", sendo destituído e feito en votación secreta o nomeamento de farmacéutico municipal a "Germán Seijas Guerra por 5 votos e 2 papeletas en branco". En abril o farmacéutico cesante presenta un recurso de alzada solicitando as presuntas infraccións por escrito.

En maio acórdase alumar a rúa da Peixaría e en xaneiro de 1905 págaselle a Ramiro Pérez 279,75 pesetas polo arranxo e construción de farois da iluminación pública. En outubro suspenden ao alcalde e é o primeiro tenente alcalde Antonio Novoa Varela o que recibe unha instancia de Rodríguez Cortés declarando que traspasou o seu salto de auga á sociedade anónima Electra Popular de Chantada sendo o seu novo xerente o avogado Manuel Otero Soto, sinalando que proxecta ter terminadas as obras de instalación o 1 de xaneiro. Os veciños do barrio da Ponte de San Salvador de Asma reclamaban iluminación pública, sendo consignados 300 pesetas o 18 de outubro de 1906.

En marzo de 1906 o alcalde Pío Miguel Rodríguez Osorio e corporación reiteran de novo a necesidade de substituír a iluminación pública de petróleo, que xestiona agora Electra Popular pagándolle os catro primeiros meses a cantidade de 916,60 ptas. En xullo o xerente comunica ao Concello que os traballos de instalación están terminados e "desde o día 20 do mes próximo pasado acharse dando a iluminación por medio da electricidade" cobrando a fábrica da luz o seu primeiro recibo o mes de maio: 57,45 pesetas.

O 12 de agosto de 1908 recibe o alcalde Julio Guerra a circular número 376 incluída no B.O. do 17, relativa á autorización concedida "pola Dirección Xeral de Obras Públicas á Electra Popular de Chantada para o abastecemento dunha liña de transporte de enerxía eléctrica desde a central xerada sita nas marxes do río Asma, punto denominado Cachón do Fume". En agosto de 1910 o rexedor Pegerto de Soto Linares ordena a colocación de tres lámpadas na estrada de Lugo.

A sociedade anónima Electra Popular, que tiña como xerente o avogado Manuel Otero, recibiu o traspaso dese salto

A partir de novembro de 1924 sendo alcalde Jesús Fernández Taboada aproban "o imposto do 10% ao tesouro polo consumo de enerxía con 330 pesetas e impoñer o 30% de recarga municipal sobre as cotas do imposto que percibe o Estado por consumo de electricidade con 600 pesetas".

O 31 de decembro de 1925 vence o contrato con Electra Popular e como desde o Concello non obraba o expediente instruído e faltaba o da ampliación do barrio da Ponte o xerente tivo que levar unha copia e volveron renovar o acordo por 20 anos. Para iso proponse que das 770 buxías pasen en diante a 11.000, desaparecendo as lámpadas de dez buxías "que pola súa pouca potencia non responden á súa finalidade e substituiranse por outras de 50 buxías".

OS PROBLEMAS. A partir de 1927 comezan as sancións a Electra Popular por incumprimento de contrato e en outubro o alcalde Jacobo Rodríguez Osorio dá conta dunha instancia subscrita polo xerente Manuel Cabo Rodríguez informando sobre as débedas contraídas polo Concello polo cal renuncia ao dereito de percibir os intereses de demora coa condición de modificar numerosas cláusulas.

En 1928 leva a xerencia da sociedade Evaristo García Fernández baixando de xeito drástico o consumo da iluminación en 1936 con 750 pesetas anuais. En xaneiro de 1946 o alcalde Luis Campo Fernández renova o contrato con Electra Popular e empeza a instalar puntos de luz en diversas parroquias. En marzo de 1950 irrompe Fenosa coa construción do salto dos Peares e pasos de liñas de alta tensión. En 1958 José Manuel Vázquez Yebra rescinde o contrato coa Electra Popular desmoronándose definitivamente o soño hidroeléctrico local en febreiro de 1961.

As primeiras rúas do contrato
As primeiras travesías que figuraban no contrato para contar con iluminación eléctrica en Chantada eran a Rúa da Costaña, Casa da Moreira, estrada de Ourense, Casa de Meixide, Rúa de Santiago, fonte da Lama das Quendas, Estrada de Lugo, Casa da Folla, Rúa da Fonte Arcada, a fonte do mesmo nome, Rúa do Río e Casa de Riazón.

No 1925 Electra Popular ten que asumir o tendido eléctrico das parroquias situadas dentro do radio de cinco quilómetros e elévase o contrato a 6.000 pesetas anuais. Segundo a documentación, ese prezo sería 14 veces superior ao que había ata aquel momento.

Electra en Chantada, luces e sombras
Comentarios