O Domingo Lambedoiro máis agardado

O Entroido Ribeirao volveu con moita forza despois de dous anos nunha edición na que os convidados dos volantes, os maragatos e os mecos foron os Fulións Rurais de Viana do Bolo, os Troiteiros de Bande e os Farrumecos de Sobradelo
Celebración do Domingo Lambedoiro. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Celebración do Domingo Lambedoiro. MIGUEL PIÑEIRO

Dous anos levaban no lugar do Moredo sen ver danzar os volantes do Entroido Ribeirao protexidos polos seus inseparables maragatos. A pandemia impediu as dúas últimas edicións, pero o longo confinamento parece que lles sentou ben aos veciños máis ilustres da parroquia chantadesa de Santiago de Arriba, que fixeron gozar dun Domingo Lambedoiro agardado coma poucos.

Era a pregunta que moitos se repetían á chegada ao Moredo, o lugar onde se desenvolve a inmensa maioría das actividades do Entroido Ribeirao. "Canto tempo levabamos sen vir?", dicían. Dous anos era a resposta. Si, en 2020, cando todo tivo que paralizarse, deu tempo a celebrar o Entroido. Foi como unha pequena troula de despedida temporal antes de afrontar épocas moi duras.

Un volante e o característico pucho, na súa carreira por Santiago de Arriba. MIGUEL PIÑEIRO
Un volante e o característico pucho, na súa carreira por Santiago de Arriba. MIGUEL PIÑEIRO

Pode que tanto tempo servise para coller folgos e valorar o que se ten, por se acaso nalgunha ocasión se perde. O Entroido Ribeirao, superado o peor (parece) da crise sanitaria, presumiu dunha saúde fantástica nun evento que sempre reúne a centos de persoas chegadas de toda Galicia. Aínda por riba luciu o sol, pero enganoso. O abrigo facía falta.

Os protagonistas 

Os volantes camiñan dando pequenos saltos para facer soar as inconfundibles campás do seu cinto, repetitivas e intensas. O volante xefe é o que leva o inmenso pucho de cores. Todos transitan polas hortas de Santiago de Arriba e a través delas chegan ata O Moredo, pedindo por condicións atmosféricas favorables que garantan boas colleitas en primavera.

Van con eles, inseparables, os maragatos. Son os encargados de vixiar que os volantes non teñan ningún percance ao seu paso e non dubidan en escorrentar a quen sexa para evitar que iso ocorra.

Os mecos son os últimos personaxes característicos do Entroido Ribeirao. Representan escenas cotiás e de actualidade dende un punto de vista satírico.

Cada ano, polo Domingo Lambedoiro, convidan a outros entroidos para que participen na festa. Viñeron os tres da provincia de Ourense. Os Fulións de Viana do Bolo viaxaron a Santiago de Arriba cos seus impoñentes boteiros, e non faltaron tampouco os Troiteiros de Bande, de branco impoluto, nin os misteriosos Farrumecos de Sobradelo.

Un dos impoñentes boteiros de Viana do Bolo. MIGUEL PIÑEIRO
Un dos impoñentes boteiros de Viana do Bolo. MIGUEL PIÑEIRO

Festa no Moredo 

Non quedou na parroquia ningunha horta que atravesar. Feito o traballo, a única premisa era divertirse. E fixérono todos os asistentes.

O Moredo foi este domingo a capital do Entroido na Ribeira Sacra e os volantes e os maragatos cortaron a cinta que inaugurou estas datas. Por diante quedan aínda moitos días para gozar dunha actividade ancestral que ten as pilas moi cargadas. Superado o Domingo Lambedoiro, só queda esperar sete días pola seguinte xornada marcada en vermello. O Domingo Corredoiro será no mesmo lugar e a idéntica hora, a partir das 16.00.

Logo virán o Domingo de Entroido e, para despedir a festa, o Martes de Entroido, co tradicional choro do pucho. Polo medio haberá moito tempo para elixir as diferentes festas que se celebran por toda Galicia. É oficial: estamos en tempo de máscaras, disfraces e moita sátira.

Comentarios