miércoles. 26.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 26.01.2022
El tiempo

Xisco Feixóo: do Catono ás Tanxugueiras

Xisco Feixóo. EP
Xisco Feixóo. EP
Xisco Feixóo é cantante, bailador, coreógrafo, presentador, mestre e colaborador de numerosos e recoñecidos artistas galegos. Prepárase para actuar en Fitur a vindeira semana. Con agarimo lembra as súas raíces en Sober, a terra do seu pai e os seus avós 

Era moi pequeno (tanto en idade coma en tamaño) a primeira vez que colleu unha gaita. Deulla O Catono, como era coñecido o amigo dos seus curmáns que lle deixaba tocar o punteiro mentres el enchía o fol de aire.

Era o único xeito de que un rapaz tan fraco puidera familiarizarse cun instrumento de semellantes dimensións. "Nin sequera lembro de onde era, pero aquilo foi en Sober", rememora Xisco Feijoó, quen daquel particular xeito conseguiu tocar tres pezas. "Mal non se me daba", di.

Aquel neno actuará a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Vaino facer no posto que a Xunta de Galicia instalará con motivo do Xacobeo 21-22 e coma recoñecido artista. O polifacético Xisco Feijoó é cantante, bailador, coreógrafo, presentador de televisión e mestre de canto na escola municipal de Vigo de música folk e tradicional.

Ademais, a súa destreza fíxolle colaborar con artistas e grupos tan recoñecidos coma Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüeto ou Rodrigo Romaní. Tamén participou no vídeo da canción Midas, das populares, e quen sabe se dentro de pouco eurovisivas, Tanxugueiras.

Por suposto, Xisco Feijoó conta cos seus propios traballos. O último, chamado Peixe, será presentado o 20 de febreiro en Santiago, na Sala Capitol. 

Pero as primeiras persoas que colaboraron con el foron as máis próximas. O Catono, aquel amigo dos seus curmáns, chegou moito antes que as Tanxugueiras. O home tivo moito que ver na destreza musica actual de Xisco Feijoó, mais non foi o único.

Un amigo da familia foi o primeiro colaborador do artista, que o 20 de febreiro presentará o seu novo trabalo, Peixe 

"O meu pai era un cantante impresionante, aínda que non tiña estudios. A xente calaba para escoitalo. Quen me dera cantar coma el", afirma Xisco, quen tamén lembra a súa bisavoa, a señora Elena, soberesa igualmente. "Cando estabamos na casa, en familia, dábannos as catro da madrugada cantando", lembra.

En Sober. "Quédame pouca familia alí. Si teño algún curmán e de vez en cando vou pola zona. A última vez, o ano pasado", indica o músico, nado en Vigo. Iso si, a súa vinculación con Sober non é nada semellante á que tiña na infancia, adolescencia, pubertade e xuventude. Lonxe quedan aqueles longos períodos no verán ou a Semana Santa. Ida por volta son as súas voltas á capital do Amandi.

"Prodúceme mágoa ver algunhas pistas nos lugares que antes eran camiños polos que eu ía ou certas construcións. Está irrecoñecible para min. Por iso prefiro quedarme coas lembranzas", comenta Xisco Feijoó, quen recorda Sober coma un lugar de "portas abertas, convivencia, alegría e irmandade".

Un rapaz de cidade coma el viviu de preto como era a vida no rural. "En Sober fun ao esterco, ás patacas ou coas vacas. Coa diferenza de que eu, se cansaba, deixábao. Tiña moitos amigos que debían facelo e rematar aínda que non lles quedaran folgos, era a súa obriga", relata.

Sempre se di que a capital de Amandi é unha terra de músicos e canteira de artistas. Xisco Feijoó pode dar fe deso. Aquel vigués que nas vacacións se desprazaba á Sober paterna hoxe é un dos nomes e rostros máis recoñecidos da música tradicional galega.

Xisco Feixóo: do Catono ás Tanxugueiras
Comentarios