A divina inspiración do Faro

O mestre Tomás Figueroa é o autor do retablo que loce o templo da Nosa Señora do Faro. O monte que separa Lugo de Pontevedra foi fonte de inspiración para artistas de todas as disciplinas. Dende Xohán de Requeixo a Nicanor Rielo Carballo

O tallador e ebanista Tomás Figueroa Rodríguez, veciño do lugar da Santa Rosa na parroquia de Sabadelle (Chantada) comezou a traballar en 1835 na carpintería co seu pai -profesor de artes- á idade de doce anos. Perfeccionou a súa técnica na escultura de arte sacro en Santiago onde tivo ocasión de axudar a realizar o baldaquín que ostenta a igrexa parroquial da devandita cidade.

O FaroDesde o taller situado en Chantada, ao pé da estrada que vai de Santiago a Lugo, Tomás Figueroa realizaba fornelos, retablos, púlpitos con madeiras de castiñeiro e nogueira negra, de estilo moderno e orde greca-romano. Tampouco lle tremía o pulso para executar proxeccións, levantar planos para igrexas ou torres. O mestre Figueroa construíu o retablo que actualmente está no santuario da Nosa Señora do Faro.

Tamén é autor dos catro retablos para a igrexa de Moalde, dúas en Negreiros e dúas en Castro de Dozón en Pontevedra. A Inmaculada Concepción en Sobrecedo e o San José de San Xián do Campo en Taboada e outros nas igrexas de San Cristovo de Novelúa (Monterroso), San Xoán de Friolfe (O Páramo) e San Xoán de Frontón (Taboada).

Outro escultor namorado nesta ocasión da formación granítica do monte, foi Eduardo Rodríguez Osorio (Esmeriz 1920-Madrid 1995), quen anunciou en 1957 mentres esculpía o busto de Gamallo Fierros, que tiña en mente o proxecto de realizar un monolito a Xohán de Requeixo: "a este paisano e fregués, por así dicilo, penso erexir un monólito que será levantado na nosa parroquia".

En canto á tradición literaria é o trobador Xohán de Requeixo o que inicia na segunda metade do século XIII a marea de letras do Monte Faro coas cinco cantigas que se conservan no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana e no Colocci- Brancutti. No ano 1774 un anónimo devoto publica Gozos á nosa Señora do Faro, un impreso realizado en Santiago na Imprenta Sebastián Montero e Fraiz. Un dos escasos exemplares que existen o custodia o Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona.

Detrás desa máscara enigmática atópase, segundo varios autores, V. Fabián Nogueira, o entón párroco de Requeixo, que describe o pico sacro como Rico monte. "Débenle al Faro las Gentes vecinas útil abafto de Abono, de Leña, Pafre y Riego en perennes Fuentes: De Caza braba ay copifa diferencia divertida". O seu autor recolle testemuño dos cronicóns medievais estando influenciado especialmente polo manuscrito Da nobreza da Casa de Camba e os seus principios e fundación do Castelo Castro Candaz, solar de Cambas e Taboadas de Galicia.

Destaca a protección que ofrecía o Faro situado no monte ante as invasións dos mouros, sinalando que hai máis de 150 anos fundouse a Confraría da Nosa Señora do Faro. A censura literaria chega segundo Rielo Carballo nun auto de visita de 1789 insiro no Libro do Santuario, onde "se lle ordena ao cura de Requeixo que non escriba libros, nin publique milagres sen licenza do Bispo de Lugo, e que lle envíe todos os papeis de cancións, noticias e outros asuntos que teñan relación coa virxe do Faro".

Curiosamente é o sector eclesiástico o que chega a participar na Homenaxe ás Letras Portuguesas do día 16 ao 19 de maio de 1946 en Lugo. No acto inaugural o cóengo arquiveiro da S.I. C. de Lugo Antonio García, conferenciou sobre as relacións históricas da Igrexa de Lugo coa Sede Metropolitana de Braga durante a Idade Media, seguindo o catedrático de Literatura Julio Francisco Ogando Vázquez que dialogou sobre os poetas lucenses nos cancioneros galaico-portugueses: Xohán de Requeixo.

A cronoloxía literata con referencias toponímicas ao Monte Faro no século XX chegaría con Cancioeiro da Nosa Señora do Faro do clérigo Avelino Gómez Ledo publicado en 1953. O seu autor quixo reflectir as impresións relixiosas do santuario, lembrando que "desde neno, sen máis que debruzarme na miña xanela, contemplei a liña azulada daquela serra, nun de cuxos cabezos máis outros se levanta a ermida da Virxe como un niño de cegoñas sobre un castelo".

O fiscal Avelino Seijas Vázquez sendo presidente do Círculo Recreativo e Cultural realiza a iniciativa de poñer unha rúa ao poeta medieval que fraguou o 13 de outubro de 1955, asinando en 1965 o opúsculo A Ermida do Faro e o trobador Xohán de Requeixo. En 1978 o sacerdote Nicanor Rielo Carballo publica A Romaxe do Faro e o escritor Xosé Lois García Do Faro ó Miño, continuando con Os Trobadores das Terras de Chantada (2001) e a Homenaxe poética ao trobador Xohán de Requeixo (2003). Na década dos 80 o escritor e poeta Rubén Eyré (Poeta do Faro) subscribe en forma pétrea un poema dedicado a Uxío Novoneyra nun monólito situado na subida do monte.

Neste maremagnun de letras confluíron a divinizar e enxalzar o poder da Virxe do Faro e a súa contorna Xavier Costa Clavell, Ánxel Gómez Montero, Xulio de Abral, Luis Moure Mariño e Ramón R. Porto, entre outros.

Comentarios