martes. 11.05.2021 |
El tiempo
martes. 11.05.2021
El tiempo

Días de viño e cereixas en Chantada

A produción de cereixa conta con moito arraigo na comarca de Chantada. Hai varios documentos do século XIX que xa dan boa conta da importancia e da calidade deste froito nesta zona, nunha época na
que distintos expertos xa insistían na necesidade de profesionalizar o mercado desta e doutras colleitas da provincia

A CEREIXA, esa pequena froita con óso de cor avermellada, comezou o seu periplo de transformación experimental da man do rei do opio Juan Baanante. Este farmacéutico tiña a mediados do século XIX, no hoxe mercado gandeiro de Chantada, unha gran plantación de plantas alcaloides con fins de experimentación médica e farmacolóxica, sendo coñecida popularmente como a leira de Don Juanito.

O boticario deixaba as adormideras ao carón para xogar coa destilación de viño arroupado, viño de cereixas e licor de cana de millo para presentar na Exposición Agrícola, Industrial e Artística de Galicia (organizada polo Concello e a Sociedade Económica de Santiago) que se celebrou nos meses de xullo e setembro de 1858, recibindo un premio "pola súa numerosa colección de obxectos útiles".

[Un gravado do século XIX. ARQUIVO PARDO]

O avogado e fundador da Liga de Amigos de Chantada, Daniel Vázquez Bóo, defendeu en marzo de 1874 que as industrias e produtos agrícolas galegos deberían asistir á Exposición de Londres porque tiñan "bos cereais, hortalizas, froitos e viños, o que sería un poderoso aliciente para o comercio de exportación", lembrando que na última Exposición Universal celebrada en Viena "dos máis de 2.000 expositores, non chegaron a 50 os exportadores galegos". Parte dese soño materializouse na Exposición Agrícola de Lugo en 1877, cunha ampla representación de produtos chantadinos.

O profesor Manuel Formoso Lamas (autor de Apuntamentos para a historia de Chantada) escribe en Os paxaros (1889) que Federico II o Grande de Prusia, "declarou a guerra aos gorrións, porque non respectaban a súa árbore favorita, que era a cerdeira; pero ben pronto se arrepentiu diso, pois multiplicándose extraordinariamente os insectos, non só desapareceran as cereixas, senón que prexudicaban os demais froitos, e viuse obrigado a premiar despois a todo aquel que importase aquela clase de paxaros". En 1891 as descricións que se facían dos vales do Miño e Sil destacaban a "extraordinaria cantidade de castiñeiros, mazás (que se exportaban), cereixas, uvas, noces, figos, abelás, ameixas, pexegos...".

TREBOADA. O século XX non entrou con bo pé, meteorolóxicamente falando, xa que en xullo de 1902 "unha horrible tormenta esnaquizou as colleitas en nove parroquias de Chantada e Carballedo, arrastrando gañados e terras e levando á miseria á maioría dos seus habitantes".

Co paso dos anos e mellor climatoloxía, Jorge Ribas defendeu en 1931 o mercado de froitas galegas destacando a ambición dos distribuidores, "nese desdén figuran como eternas vítimas as ricas veigas de Lugo e Ourense, onde as grandes colleitas de cereixas, peras e mazás non poden expedirse por falta sistemática de demanda".

[Cereixas de Chantada no Mercado da Pedra de Vigo. ARQUIVO PARDO]

Ribas no seu manifesto lembraba as terras de Chantada, Quiroga, Mondoñedo, A Fonsagrada, Sarria, Verín e Xinzo "e sente á vez que admirado de tanta exuberancia, confuso e estrañado de que a tan prolixas colleitas non se lles de saída ao mercado español". Apunta a que as razóns son debidas ao egoísmo, abandono e indiferenza polo que cre é necesario que se "organicen cooperativas para que rompa cos despegos antañones e que saian á luz moitas inxustizas que se viñeron cometendo co produtor galego".

Razoa Avelino Pousa Antelo en Unha riqueza abandonada, a recolección de froitas (1954) que "nos atopamos cunhas espléndidas colleitas de froitas que abastecerán primeiro á nosa poboación todo o ano e logo venderanse nas nosas cidades como froitas galegas que significará froitas de calidade insuperable, aumentando o valor das nosas froitas e contribuíndo á mellora económica da rexión", polo que considera imprescindible realizar unha profesionalización na recolección e o transporte.

EN VIGO. En xuño de 1955 as cereixas de Chantada xa se vendían no Mercado vigués a 4 pesetas o quilo desde as oito da mañá ás oito da tarde nos máis de trinta postos na Pedra xunto a outras froitas como peras e mazás, obtendo un beneficio global de 20 pesetas.

En maio de 1961 repuntaron no mercado local de Vigo "as famosas mazás de Chantada e do Ulla -entre 4 a 18 pesetas o quilo- e as cereixas de Ourense e de Beade". O profesor Ánxel Gómez Montero describe en 1967 a Chantada como "un gran estante na despensa das grandes urbes, onde as castañas e as cereixas véndense envasadas para ser sometidas a industrialización".

As xeadas do 3 de maio de 1967 deixaron a zona sur lucense de Chantada, Quiroga e Monforte unha enorme perda no viño e noces. O gobernador civil Eduardo do Río Iglesia visitou días despois estes pobos para coñecer sobre o terreos os danos. As escasas cereixas que sobreviviron vendéronse no mercado de Monforte entre 40 e 80 pesetas o quilo. Algo máis de sorte tiveron as cereixas ribeirás chantadinas das que se chegaron a vender máis de 75.000 quilos para a exportación a Inglaterra, pagándoas a 18 pesetas.

Entre os anos 60 e 80 monopolizaban o sector da cereixa o trío de produtores Moncho do Pío, Flora Pardo Rey e Antonio Vázquez Galegos (de Ribeiras de Miño), que comercializaban nos mercados centrais de Vigo, Coruña e Santiago, onde as distribuían ás principais fruterías de Galicia, competindo coas do Bierzo e o Xerte. O punto forte foron as distintas variedades e o seu sabor. O seu inimigo empezou coa emigración, sendo actualmente o envellecemento poboacional con falta de substitución xeracional.

ACTUALIDADE. No século XXI os colleiteiros empézanse a mobilizar para exaltar e promocionar este froito de produción natural. Esther Teijeiro e Inés Porto comezan a vender en xuño de 2004 máis de 500 quilos de cereixas na Festa da Cereixa Ecolóxica de Líncora a 2 euros o quilo.

Os días de viño e cereixas materialízase a través da Asociación Rabudos e Papeiros en xuño de 2006 coa I Feira do Viño e Cereixas de Belesar. A priorización na viticultura fixo que as máis de 6.000 cerdeiras da Ribeira Sacra chantadina quedaran nun segundo plano.

Días de viño e cereixas en Chantada
Comentarios