"Dende os primeiros adestramentos vin que este equipo podía facer algo importante"

O adestrador do Ucoga Chantada, Alberto Fafián, vivirá a última xornada da conferencia A-C da Liga EBA coa sensación do deber cumprido e coa tranquilidade de saber que, pese a descansar, ningún rival lle pode arrebatar o título e o dereito a xogar a fase de ascenso.
Alberto Fafián. AEP
photo_camera Alberto Fafián. AEP

A TEMPADA do Club Baloncesto Chantada Seguros Ucoga so pode definirse como excepcional, liderando o grupo dende a xornada inicial e conservando o primeiro posto contra vento e marea para chegar á xornada final como campión matemático. O seu balance de 15 triunfos e so 5 derrotas demostra a apabullante regularidade amosada polo equipo chantadino, que descansa este fin de semana e pode preparar xa a fase de ascenso coa experiencia que lle dan as 5 que xa leva disputadas. Aínda sen sede, as datas serán do 13 ao 16 de maio.

Con que sensacións vive un adestrador unha última xornada sabendo que xa é campión pase o que pase?
Pois coa sensación de que fomos quenes de sobrepoñernos a un montón de adversidades nun ano moi compicado, sobre todo pola pandemia. É un título moi sufrido e penso que aínda máis meritorio e valorado por todo o que se viviu co coronavirus.

Foron líderes de principio a fin, ninguén pode dubidar da xustiza desta coroa.
É verdade, de feito parecía que nalgún momento podíamos coller unha vantaxe importante na clasificación a falta de 6 ou 7 xornadas, pero tivemos un baixón motivado polas lesións e as dúas derrotas obrigáronnos ao esforzo final de ter que ganalo todo para recuperar. A reacción foi moi boa e soubemos apretar os dentes para sobrepoñernos e acadar os triunfos necesarios para chegar co título asegurado á nosa xornada de descanso.

Cal diría que foi o punto de inflexión de cara ao título. En que momento pensou que podían ganar a Liga?
En septembro, cando configuramos o equipo e vimos os adestramentos tiñamos plena confianza en competir a gran nivel, tamén ao ver o resto dos planteis que se estaban facendo nos rivais. Dende logo que tamén nos acompañou a sorte de ter bos resultados ao inicio pese a non poder contar con Marinovic ata decembro. Empezar ben serviu para reafirmarnos no noso traballo e deunos confianza para afrontar os partidos.

Falaba antes dos momentos malos, tivo dúbidas cando chegaron as derrotas?
Xuntáronse unha serie de lesións incontrolables que nos fixeron bastante dano, neste sentido quero destacar a aportación dos dous rapaces que nos cedeu o Ensino, Rey e Vidal, que deron un paso adiante a asumiron responsabilidades que nos axudaron moito.

Din que os ataques ganan partidos e as defensas campionatos, cúmprese este dito no Ucoga?
Isto é algo que non ven so desta tempada, senón que é unha premisa dos últimos anos. O talento é importante, pero non suficiente se non está acompañado de parámetros como a concentración, intensidade, agresividade e compromiso, moitos deles relacionados coa defensa. Basta mirar os números para ver que levamos varias tempadas sendo o primieiro ou segundo equipo que menos puntos encaixa e incluso se comparamos cifras con outros grupos estamos entre os destacados.

Tamén está moi de moda a expresión do xogo coral, que ademais parece feita para o Ucoga, con puntos sempre moi repartidos.
Na configuracion do equipo xa buscamos non depender excesivamente de ningunha individualidade en concreto. Apostamos por xogadores polivalentes, que poden adaptarse a varias posicións. Esta polivalencia aumenta os nosos recursos e dá posibilidades de facer que todos se sintan partícipes, tanto en defensa como en ataque dentro dun estilo solidario.

O baloncesto provincial recibe a alegría do Chantada, pero tamén a decepción do descenso do Estudiantes, que pensa vostede disto?
Pois paréceme unha auténtica mágoa, sobre todo porque penso que Pablo Abuín fixo un extraordinario traballo despois das grandes dificultades do inicio. Tivo que contar cunha plantilla ben diferente á que en principio ía ter e aínda así formou un conxunto capaz de competir moi ben e con xogdaores que medraron moito, como Hermida ou Aarón Gómez. Ao final pagou o seu mal comenzo porque o lastrou moito a nivel clasificatorio.

Fálenos dos patrocinadores e da súa importancia para manter vivo o deporte, sobre todo nunha tempada tan difícil.
Estamos moi contentos co noso principal patrocinador, Seguros Ucoga, e con tódolos esponsors que nos axudan. Tamén quero agradecer publicamente a facilidade que nos deu Tito Díaz, no Breogán para contar con Marinovic e Manuel Durán, no Ensino, ao cedernos ao dous rapaces que nos elevaron o nivel dos adestramentos e tamén nos axudaron moito nos partidos. Esta posibliidade de chegar a acordos é moi importante para que clubes coma o Chantada poidan medrar.

Teñen un par de semanas por diante para preparar a fase de ascenso. Como a encaran?
Pois coa experiencia de que xa levamos cinco xogadas. Sabendo da esixencia que hai en cada partido dende logo que non queremos ir de comparsas. Está claro que nos imos enfrontar a rivais que penalizan a tope os erros que poidamos cometer, pero tamén penso que seguramente temos maior profundidad de banquiño e máis recursos que en anteriores edicións. Dende logo que non imos saír con ningunha presión engadida de marcarnos un obxectivo inicial, xa que o primordial é desfrutar, pero tamén queremos competir ao máximo en cada partido e sabendo que o primeiro encontro é fudamental e acostuma a marcar o que pasa moitas veces nos seguintes. 
 

Valencia y Salou albergarán las fases de ascenso a LEB Plata
Las fases de ascenso a LEB Plata se jugarán en Valencia -grupo B- y Salou -grupo A- del 13 al 16 de mayo. En ella estará presente el Ucoga Seguros CB Chantada. También están clasificados el Mondragón Unibertsitatea, USAL La Antigua, Real Madrid, CB Fuenlabrada y Valencia BC.

Comentarios