Un decálogo de actuacións para protexer os valores da comarca

O plan da Xunta de Galicia no territorio conta con máis de 3,5 millóns de euros para proxectos paisaxísticos, urbanísticos e ambientais
undefined
photo_camera Paisaxe da Ribeira Sacra, en Chantada. EP

As actuacións integradas no Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra, impulsado pola Xunta de Galicia, seguen en marcha co obxecto de mellorar a percepción do territorio e a comprensión dos valores da paisaxe. O plan está dotado cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros para a execución dun paquete de 10 actuacións co fin de mellorar a planificación e a protección deste territorio a nivel paisaxístico, urbanístico e ambiental, regulando tamén a intervención no mesmo.

A recuperación dos espazos públicos que se articula a través do Plan Hurbe é un dos obxectivos desta folla de ruta. O Hurbe xa beneficiou nos anos 2019 e 2020 un total de nove actuacións que sumaron un importe de 730.000 euros, entre as que destacan a humanización de rúas no concello de Xunqueira, as melloras da seguridade viaria en Taboada, o acondicionamento de espazos urbanos públicos en Sober, a mellora na praza da Casa Consistorial en Nogueira de Ramuín, o campo da Festa en Reiriz no Saviñao, a mellora de espazos públicos urbanos en Quiroga, pavimentación en Carballedo ou a mellora dun paseo peonil en Pantón.

Este Plan Hurbe para a Ribeira Sacra activarase este ano cun orzamento de 1,3 millóns de euros coa meta de recuperar espacios tan relevantes e que se atopan moi deteriorados como as contornas da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).

► Máis información: Así é o oasis verde que aspira a ser Reserva da Biosfera

Por outra banda, para os 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra (Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober e A Teixeira) disponse dun Plan Territorial Integrado (PTI) para ordenar e posibilitar a regularización urbanística das construcións accesorias de lecer na Ribeira Sacra. Esta actuación contará cun orzamento de 500.000 euros.

A Xunta impulsou tamén o Plan de Ordenación do Medio Físico para San Fiz de Asma, no concello de Chantada, cun orzamento de 68.000 euros. Este núcleo conta cunha gran densidade de construcións singulares e de especiais características. O obxectivo é a conservación e mantemento das características dunha paisaxe construída, establecendo as medidas e normas de protección necesarias para a súa preservación, restauración ou mellora. A análise do pasado para tomar medidas para o futuro é outro dos retos que acomete o plan que inclúe un Estudo do impacto do cambio climático na Ribeira Sacra, no que se analizarán datos meteorolóxicos e climatolóxicos das derradeiras décadas, para detectar tendencias e impactos e desenvolver un estudo preliminar das tendencias futuras de certos parámetros como chuvia e temperatura. Esta actuación, financiada con 75.000 euros, prolongarase ata 2024.

Moitas das accións do plan xa están en execución nun paquete de dez actuacións para mellorar a protección e planificación do territorio

Para divulgar os recursos naturais, a súa catalogación e a súa conservación, deseñouse e publicouse unha nova ruta de Árbores con Historia específica para a Ribeira Sacra, seguindo o esquema das tres rutas xa existentes (Santiago- Rías Baixas, Ourense occidental e Ourense oriental) para a posta en valor do patrimonio natural constituído polos elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras localizados no ámbito da futura Reserva da Biosfera.

As dúas Áreas de Especial Interese Paisaxístico (AEIP), as correspondentes ao Canón do Sil e o Canón do Miño, foron unificadas nunha soa. Esta fusión vén xustificada para adaptar a delimitación paisaxística preexistente ao recollido na declaración como BIC da Ribeira Sacra.

RESERVA DA BIOSFERA. A Ribeira Sacra é candidata a ser Patrimonio da Humanidade e aspira tamén a converterse en Reserva da Biosfera, na que se integrará o Xeoparque Montañas do Courel. A proposta de Reserva de Biosfera aglutina a 23 concellos de Lugo e Ourense e, de prosperar, converterase na sétima de Galicia, supoñendo deste xeito que un 34% do territorio da Comunidade se atope protexido baixo esta figura, mentres o 42% estaría baixo algunha figura de protección.

Os propietarios das vivendas para rehabilitar poderán obter ata un máximo de 16.000 euros por actuación

A candidatura naceu a iniciativa da Xunta de Galicia a mediados de 2017. En 2019 o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia deu o visto e prace ao expediente técnico. Uns días despois a Xunta de Galicia remitiu esta candidatura á Secretaría do Comité Español do Programa MAB da Unesco para a súa análise polo Comité Científico. Tras apoiar por unanimidade a candidatura galega, en novembro de 2020 España remite toda a documentación e os seus informes ao Comité internacional de coordinación do programa MaB. En marzo deste ano, o órgano consultivo da Unesco para as Reservas da Biosfera reuniuse en París para emitir o seu propio informe, de carácter interno. A decisión final coñecerase no mes de xuño, en Abuya (Nixeria), onde o Comité internacional dará a coñecer e proclamará as novas Reservas da Biosfera.

Área de rehabilitación integral da zona 
undefined
Área de rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra está pensada para os 25 concellos do expediente de Patrimonio Mundial da Humanidade (22 que integran o territorio do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra -Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira, Xunqueira de Espadanedo- máis Bóveda, Chandrexa de Queixa e Manzaneda). 

Os obxectivos da declaración desta ARI son a mellora das vivendas situadas nas parroquias e nos seus núcleos de poboación, que presentan edificacións en estado de abandono ou sen un mantemento adecuado, así como a mellora das instalacións públicas, vías de comunicación e dos espazos de relacións (incluíndo actuacións de rehabilitación, renovación, mellora de conexións de datos e mellora da eficiencia enerxética e da accesibilidade, entre outras). 

Os propietarios das vivendas poderán obter ata un máximo de 16.000 euros por actuación, mentres que as axudas aos concellos están condicionadas polo número de vivendas que se rehabiliten no seu ámbito, recibindo ata 2.000 euros por vivenda rehabilitada para actuacións de renovación urbana. Segundo o estudo previo realizado para a declaración desta ARI, o 60% das vivendas do seu ámbito teñen un estado bo ou suficiente, un 35% atópase en estado regular-malo ou malo e o 5% restante, en estado ruinoso. O obxectivo inicial da ARI é a rehabilitación de polo menos 2.000 vivendas durante os dez primeiros anos de vixencia da mesma, máis alá das obras de urbanización e reurbanización que realicen os concellos. Os fondos que se destinen á ARI por parte da Xunta de Galicia iranse reaxustando cada ano en función da demanda de axudas que se rexistre. A convocatoria de axudas de 2021 publicouse o 22 de marzo e fixa un importe de 850.000 euros cos que poder atender aos 25 municipios.

 

Pacto pola Paisaxe 
undefined
O Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra é o segundo que se firma en Galicia, despois do de Cerdedo-Cotobade, e o primeiro que une Lugo e Ourense. Nel recóllese unha serie de actuacións iniciais, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, a organización de eventos culturais e de ocio, así como a organización de mostras itinerantes sobre esta zona que percorrerán toda Galicia. 

O Pacto pola Paisaxe busca a protección, xestión e ordenación da paisaxe na futura Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra e está financiado ao 100% pola Xunta de Galicia (salvo incrementos de execución non previstos) e xestionado polo Consorcio Ribeira Sacra (que aglutina a 21 concellos de Lugo e de Ourense). 

O consorcio tramitará os contratos, licenzas e autorizacións para promover a protección e mellora deste territorio. Así mesmo, a Fegamp encargarase de difundir o Pacto e realizar traballos de intermediario. O convenio firmado entre IET, Consorcio Turismo Ribeira Sacra e Fegamp xa está tramitado para a súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia. 

No ano 2020 destináronse 55.000 euros a este Pacto para elaborar un documento técnico coa programación de actuacións a executar e tamén para redactar o proxecto das obras a realizar nos anos 2021 e 2022. Algunhas das propostas iniciais que se recollen nese proxecto técnico conta cun investimento de 280.000 euros para obras en 2021 e de 215.000 euros en 2022. 

Doutra banda, xa existe un documento inicial do Plan de Acción da Paisaxe, actualmente sometido a información pública, para os itinerarios de interese paisaxístico Chantada – Ponte Nova dos Peares e Monforte de Lemos – Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (treito Cristosende – Mosteiro de Santo Estevo). Este Plan de Acción terá en conta as Directrices da Paisaxe e incluirá unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación e rexeneración das paisaxes da Ribeira Sacra. 

O Pacto pola Paisaxe (550.000 euros para os anos 2020, 2021 e 2022) culminarase en 2022, o mesmo ano no que finalizará o Plan de Acción (150.000 euros).

Comentarios