David Silva, un habitual da Ribeira Sacra

O futbolista da Real Sociedad, campión do mundo con España en 2010, visitou Sober, onde coñeceu viñedos e miradoiros e degustou produtos típicos no restaurante Berso
David Silva (no centro, de negro), durante a súa visita a Sober. EP
photo_camera David Silva (no centro, de negro), durante a súa visita a Sober. EP

O futbolista canario David Jiménez Silva estase a converter nunha cara habitual de visita pola Ribeira Sacra. O xogador da Real Sociedad, campión do mundo con España en 2010, aproveitou os seus primeiros días de vacacións unha vez rematada a tempada para visitar Sober, un concello que xa coñecera hai uns anos.

Na capital de Amandi, Silva visitou algúns miradoiros e parou no restaurante Berso, de Martín Mantilla, para degustar produtos locais. Queixos da zona, empanada de zorza e ósos, ensalada con xamón de porco celta, rape e año ao forno de leña foron algúns dos pratos cos que o internacional español saciou o apetito.

"É unha persoa que sorprende, moi normal, sinxelo e próximo. Foi unha visita moi agradable", valorou Mantilla sobre o seu cliente, que tamén pasou un anaco co alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián.

Silva está moi relacionado co mundo do viño. Posúe unha adega en Canarias e coñece xente do sector. A través do seu enólogo estableceu relación con Pedro Rodríguez, de Adega Guímaro, o seu contacto para coñecer a Ribeira Sacra.

Comentarios