Danzar un conto de Novoneyra

As nenas do Courel traballaron durante o verán na posta en escena dun texto inédito do poeta da man da coreógrafa Kirenia Martínez e co apoio da fundación que coida do seu legado
As participantes no proxecto. N.N.
photo_camera As participantes no proxecto. N.N.

"Brumalión quería facer unha estatua de neve semellante a Vagaface. Víraa poucas veces e do que il máis se lembraba era da ollada envisa. Mais como iso non se pode esculpir, cavilaba, cavilaba". Así comeza o conto inédito de Uxío Novoneyra titulado Vagaface, Brumalión e o Can de Pedra, que os nenos e nenas do Courel veñen de poñer en escena da man da coreógrafa Kirenia Martínez logo de máis dun mes de traballo no proxecto Corpo a Corpo, organizado pola fundación que coida do legado do poeta en Parada co apoio do Xacobeo 21.

Como explicou Kirenia Martínez na mostra ao público que tivo lugar o sábado pasado no colexio de Seoane, o proxecto procurou que as participantes aprendesen un conto que ten que ver "coa súa cultura e co seu xeito de ollar o mundo", indicou. Tamén coa súa lingua, rica en palabras para precisar a forma das nebras como burriños mirfentos, ou a maneira envisa de ollalas no silencio da serra. Ucedo desnevío, cabalos raudos, balocos ou vougos foron algúns dos nomes nos que fixeron parada na danza dun conto que ten como tema o medo e a fascinación do distante.

Kirenia Martínez. N.N.

Novoneyra propuxo na historia de Vagaface vivir esa relación "sen violencia e con distancia", alentando sempre a preguntar "o nome das cousas e todo o que delas se saiba", porque desa maneira, como conta o poeta a un hipotético lector, "non terás medo nin che farán matinar en van no que xa se sabe", algo tan importante nestes tempos incertos.

As oito sesións nas que se desenvolveu o proxecto contaron coa presenza de sete nenos da serra do Courel, e outros sete de Lugo, A Coruña, Madrid e Barcelona, que retornaron durante o verán á terra familiar. Kirenia Martínez valorou a heteroxeneidade dun grupo que congregou participantes de idades entre os 3 e os 16 anos. "Foi moi enriquecedor traballar con nenas de distintas idades e ver como se coidaron entre elas", indicou, á vez que valorou "a escola do Courel, fundamental para todas elas e para a zona", engadiu.

Kirenia transmitiulles o pracer de aprender a través do xogo, do libre movemento do corpo e da afectividade. A danza converteuse no que talvez foi na súa orixe, unha maneira de imitar e dar resposta aos movementos das augas, das árbores, das nebras e das estacións, a través da palabra de Novoneyra.

"O meu obxectivo foi que integrasen este conto como parte do seu patrimonio inmaterial. Así como moitos nenos coñecen o conto de Carapuchiña Vermella, os nenos do Courel deben coñecer os contos de Uxío, xa que falan do seu entorno e da súa cultura", indicou a bailarina, que xa traballara con este texto en Satriano (Italia) a través do programa europeo I-Portunus.

Comentarios