Da morriña á protesta no pregón de Julia Otero

O acto foi o máis multitudinario dos últimos anos e a xornalista, que levaba a medalla que lle regalou Monforte, non escatimou en fotos e saúdos cos veciños

Vestida de negro como adoita e coa medalla que lle regalou Monforte cando foi nomeada Filla Predilecta, Julia Otero leu onte o pregón máis multitudinario da historia recente da cidade. No Campo de Santo Antonio non collía máis xente, as cadeiras chegaron a pouco e había veciños ata na estrada.

A xornalista dicía nunha entrevista publicada por este xornal este mesmo sábado, e que firmaba Damián Martínez, que non ía ser "compracente" e que quería reivindicar determinadas cousas no seu discurso. E así o fixo, na parte final da intervención convidou os mozos a non ser mansos, a pelexar polo seu futuro pero especialmente pola súa terra, a pensalo dúas veces e esforzarse por quedar en Galicia antes de marchar. A darlle valor a todo ese patrimonio civil que está esmorecendo e facer unha Ribeira Sacra mellor. Igual se botou en falta que tamén lle mandase algún recado a eses dirixentes e a eses empresarios, que os hai, que non facilitan nada que os mozos queden ou que queden nunhas condicións decentes.

Pero a maiores do nivel de protesta, o pregón que serviu de apertura das festas patronais que rematarán o día 16 tamén contou cunha parte moi morriñenta.

A pregoeira tivo moitas verbas para o seu pai, un dos fundadores da orquestra Monfortina, "o mellor dos tompetistas que me deixa contadas moreas de anécdotas das festas de Monforte". Esas festas das que recordou os xantares de vinte pratos e das que, segundo confesou, lle quedou a teima de facer o triplo de comida da que precisa cada vez que convida a alguén á súa casa.

Pero tamén tivo xestos de complicidade para a súa nai que alí estaba, sentada na primera fila e coa que en canto rematou a súa intervención a xornalista se fundiu nun abrazo. Despois de saudar a súa nai tocoulle facer o mesmo coas ducias de veciños que se achegaron a ela. Porque Julia Otero foi a pregoeira que máis público reuniu e tamén a máis fotografada.

Comentarios