sábado. 28.05.2022 |
El tiempo
sábado. 28.05.2022
El tiempo

DAQUELAS QUE CONTAN

A da montaña polo entroido da ribeira

A Marisé Rey, impulsora do Entroido Ribeirao, non é que lle guste esta tradición de Chantada que axudou a recuperar: "Iso é para os de fóra, eu vívoo"

En cada bisbarra debe haber un lugar que marque a diferenza entre os que son da montaña e os que non, sen que sexan precisas cumes picudas para facer a distinción. Aquí, está en Chantada. O que corre sobre dela é montaña, o que corre por abaixo, ribeira. Marisé Rey naceu en Ribadavia, pero aos nove anos foi para Centulle, a seis minutos en coche de Chantada, polo lado de arriba, e aos 25 casou cun home de Santiago de Arriba que, pese ao nome, está do lado de abaixo. Por iso, se cadra, alguén dixo: "E vai vir esta da montaña dar pulo ao entroido da ribeira?" Pois si, madia leva que si.

Calquera persoa que fose ao Moredo, o campo da festa de Santiago de Arriba, polo Entroido Ribeirao, coñece a esta muller que aos seus 53 anos é a máis nova dunha parroquia de 50 habitantes. É imposible non facelo, pois eses días semella estar en todas partes: mirando porque a ningún dos entroidos que se achegan de toda Galicia no Domingo Lambedoiro lles falte bocado da carne con patacas amarelas que cociñou —"aquí matamos un porco para nós e outro para o entroido", di—, poñendo a andar a xente no momento do sorteo, arranxando as flores do pucho ou celebrando os 25 anos co seu home nun dos oficios. Que se lle gusta moito o entroido? "Iso é para os de fóra. Eu vivo o entroido, e o que me gusta é esa vida e ver a xente contenta, o que se tece".

Iso que se tece é ben forte. Foi ben forte. Conta Marisé que durante o franquismo sempre había quen vixiase cando se achegaba a Garda Civil. "Unha veciña di que é filla do entroido, porque súa nai puxérase de parto despois de ir correndo dar o aviso". Outra vez chegaron a requisar o cinto dun volante, que non puido correr coma os outros veciños cos vinte quilos enriba das campaíñas que lle bailaban na cintura. Tampouco agocharse, claro. "A aldea chegou a pagar unha multa para recuperar ese cinto, e hoxe conservámolo", conta orgullosa.

No franquismo requisaron o cinto do volante, e tan importante era para os veciños que pagaron unha boa multa

Só sabe da emoción quen tivo o privilexio de velo, o volante, a saltiños, anunciando a primavera por esas terras que se espellan nos meandros do Miño. "Aínda no ano pasado, que non celebramos nada, choramos o pucho e o volante correu as hortas", conta. Aínda cando o entroido case esmorecera na Ribeira Sacra, "un volante, alomenos, sempre resistiu".

Marisé Rey coñeceu ao seu home en Chantada con 15 anos. Juan Carlos González era un deses volantes resistentes. Lustros despois, de tanto oír ao xenro falar do entroido, súa nai comproulle un caxato a medida e unhas campaíñas ao seu primeiro fillo, con tres aniños, na feira do viño. "O teu home que lle faga o cinto, e ti o traxe, e que se vista o neno", díxolle, coma quen pronuncia un esconxuro. Así foi, e tanto chamaron a atención pai e fillo de volantes que o Concello quixo telos xuntos no desfile o ano seguinte. Outros volantes doutras parroquias tamén se sumaron, e así naceu a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao. Os maiores emocionábanse vendo que, a saltiños, o entroido volvía espertar. 

"A miña cabeza traballa moito", di Marisé, mentres desprega na mesa da cociña varias follas de millo. "Esta tinguina con remolacha e estoutra con folla de cebola morada", explica. "Antes, as flores do pucho facíanse con isto, e con verza seca", conta. Dende aquel momento no que o entroido lle tocou as campás, tivo que aprender a facer esa peza que era pouco menos ca un misterio. E alá foi Marisé á cantina para ver como os homes rizaban os pétalos de papel para as flores, e alá foi abrir ben os ollos para ver como unha veciña as montaba por última vez. Si, a da montaña volveu traer o pucho. E se o pucho non era "o de toda a vida", alá foi Marisé conseguir a foto máis antiga, e inda máis alá da foto, a buscar ese pucho de flores de folla de millo e vimbio na memoria dos maiores.

A miña cabeza non para de traballar. Agora faremos un museo na escola onde exporemos pezas con ese cinto

Logo ensina con orgullo a antiga escola unitaria, onde tantas veces quentou a comida pensando que ía caer o teito e que agora, por fin, estase rehabilitando. Onde algún día gardarán todas as pelicas dos maragatos, as carautas cocidas con fariña e auga e as roupas para o meco que lle ocupan un pendello enteiro e parte da casa. "Aquí faremos un museo", di, e unha das pezas que gardarán será aquel cinto requisado e recuperado. "E fixádevos, estas tres paredes teñen vista, pero aquí que non hai ventá quero facer unha parede dos recordos con fotografías", conta.

Así nos despide Marisé na entrada da aldea, onde arranca un pouco da herba corredoira que botou para facer máis bonitos os camiños, para que nós tamén embelezamos os nosos. Ela é unha desas persoas que deixan todo mellor do que o atoparon, e o espazo semella agradecerllo cunha felicidade á volta, cun xeneroso don de alegría. A saltiños... ou correndo, coma se a montaña e a ribeira cambiasen de sitio.
 

→ Rural e familiar ► Esta é a fama que ten o Entroido Ribeirao, que moito se debe a Marisé. En Santiago de Arriba, en Chantada, a festa é, en primeiro lugar, para a propia aldea.
→ Asociación ► Marisé e o seu home, Juan Carlos González, lideran a Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, "sen os que non sería posible facer a festa", di Marisé.

A da montaña polo entroido da ribeira