Unha cooperativa merca unha aldea deshabitada en Sober para transformala nun espazo de formación con aloxamento

O núcleo componse de tres construcciónes e segndo o alcalde levaba sin vivir xente nel "ao mellor uns 30 anos", aínda que matizou que os últimos propietarios "tiñan alí animais e ían de cando en vez"

A aldea de Donelle componse de tres construccións, que son unha casa grande e dúas palleiras. EP
photo_camera A aldea de Donelle componse de tres construccións, que son unha casa grande e dúas palleiras. EP

Unha cooperativa chamada Ecooo mercou unha aldea deshabitada en Sober para convertela nun espazo de formación con aloxamento rural. O lugar en cuestión é Donelle e ubícase na parroquia de Gundivós. A entidade desenvolverá alí o seu proxecto Guardabosques, baseado na preservación ambiental, a formación e a transformación.

A aldea componse de tres construccións: una casa grande e dúas palleiras. Dende Ecooo manifestaron que estes espazos serán rehabilitados e adicados no futuro á experimentación intelectual e física. "Cansos de esperar a fin e dun discurso derrotista que asume o cambio climático coma irreversible, non nos resignamos, por iso mercamos a aldea e imos rehabilitala", explicou o coordinador de Guardabosques en Galicia, José Vicente Barcia.

O alcalde, o popular Luis Fernández Guitián, celebrou a nova. "Todo o que sexa recuperación de patrimonio é moi importante. Ademais, este é un proxecto interesante, distinto, singular e adaptado aos novos tempos. Que recuperen a vida nun lugar onde xa non a había é positivo", declarou o rexedor soberés, que este sábado acudirá a Madrid á presentación do proxecto de Ecooo.

Guitián precisou que en Donelle non reside ninguén "ao mellor dende hai uns 30 anos", aínda que matizou que non é o mesmo "deshabitado que abandonado". O alcalde apuntou que os anteriores propietarios, que aínda viven en Sober, "tiñan alí animais e ían de cando en vez".

Primeiras actividades

A previsión é que os traballos de rehabilitación da aldea rematen no verán de 2025. A iniciativa inclúe baños de bosque, actividades de turismo de chuvia e a compra de montes na zona para a preservación do seu ecosistema.

Por outra banda, a cooperativa ten organizados varios cursos para desenvolver esta primavera en Sober, na Casa Grande de Rosende. O primeiro impartirao a ecofeminista Yayo Herrero, os días 3, 4 e 5 de maio. Tamén haberá sesións ofrecidas polo poeta Joaquín Araujo (10, 11 e 12 de maio), o humorista Pepe Viyuela (14, 15 e 16 de xuño) e o activista Amador Fernández-Savater (21, 22 e 23 de xuño).

Comentarios