Chantada pide información sobre o parque eólico do Maxal e as liñas de alta tensión

O Concello aconsella aos veciños "non asinar nada" sobre a liña de evacuación desa instalación porque non ten constancia do proxecto

El accidente ocurrió en un parque eólico. EP
photo_camera Un aeroxerador. ARQUIVO

O Concello de Chantada recomenda aos veciños "non asinar nada referido á liña de evacuación do parque eólico do Maxal", e o motivo é que —asegura— "non existe ningún proxecto do que teña coñecemento". De feito, avanzou este luns que pedirá información á Xunta sobre as liñas de alta tensión e os parques que poden afectar ao municipio.

A través dun comunicado, a administración municipal lembra que o pasado 5 de agosto a xunta de goberno local tratou o escrito dos veciños afectados pola construción da liña para a evacuación da instalación do Maxal. E nesa reunión informou de que o Concello non tiña información sobre a liña

O tema centrou unha reunión celebrada o día 26 cunha "representación" das persoas afectadas, encontro no que o alcalde reiterou que non existía de documentación no Concello que fixese referencia a esa liña e que, polo tanto, non se coñecía nin o trazado. Así as cousas, Manuel Varela subliñou que era necesario coñecer o proxecto antes de que unha empresa negocie cos veciños.

Segundo o goberno local, trátase neste caso da firma Aldica 2015 SL, que "parece pertencer á empresa promotora do parque", o grupo Galenergy, segundo informa na tarxeta que deixa nas casas que visita.  

O alcalde comprometeuse a informar aos veciños das novidades que puidese haber e a que, no momento no que o proxecto da liña de evacuación estivese dispoñible, estudaríase e presentaríanse alegacións "para minimizar o impacto". "Sobre todo tendo en conta que temos dúas subestacións e que existen moitos proxectos de parques eólicos que poden evacuar no noso concello aínda que estean lonxe", engade.

Neste punto, o Concello insiste en que é necesario saber "que liñas están previstas, porque hai parroquias que están xa rodeadas nestes momentos por torres de alta tensión". 

Comentarios