"Lobos? Moitísimos. Unha das experiencias que gardo de nena é a de saír á esquina da aldea a escoitar os lobos no monte diante de Mercurín, na Tara. A partir das seis, toda a aldea reuníase alí para oír ouvear aos lobos", conta Mari Carmen Raposo Blanco na aira da súa casa de Meiraos.
Quen preguntou como foi a súa infancia no Courel foi Antía García-Cabezón Ferreiro, veciña e bióloga na aula da natureza do municipio. Esa é só unha das moitas vivencias confesadas, e a súa unha da vintena de conversas que xa están a dar forma ao Arquivo de Memoria de Mulleres do Courel, unha iniciativa impulsada pola Fundación Uxío Novoneyra en colaboración cos Laboratorios Ciudadanos do MediaLab Prado que busca facer da memoria unha longa conversa para que os saberes non se perdan.
Existe unha memoria escrita, máis asociada aos homes podentes por seren eles os que ostentaron historicamente os lugares de representación. Existe outra memoria, profunda, que viaxa coa propia lingua e de man a man. Oficios, faceres, nomes, festas, herbas, cantos, perdas, silencios. Ata non hai moito tempo, as mulleres no rural só viviron nesta última, polo que Branca Novoneyra, quen alentou esta proposta, considerou que a súa palabra debía ser escoitada e gardada. Pero non son investigadoras as que fan as preguntas, senón as veciñas do municipio, máis mozas cás entrevistadas.
Mari Carmen Raposo Blanco e Antía García-Cabezón Ferreiro. M.L.
Así, Antía pregunta: "De quen aprendeu máis cando era nena?". Nesa casa que acolle a conversa, Mari Carmen viviu con 12 persoas, entre as que brillaba Severina, súa avoa. "Axudaba a toda a xente que pasaba por aquí". E que xente pasaba por Meiraos nos anos 50? Pois Pepe O Farrapeiro, por exemplo, que vendía coitelos e recollía calcetíns que non servían, ou os xitanos de Quiroga, e a súa casa nas festas sempre tiña un prato para Os Padernes.
Sen embargo, a persoa que máis marcou o seu camiño foi unha mestra. "Pelexouse co meu pai para que eu estudase", nuns tempos nos que "mellorar era emigrar", conta. Grazas a ela, Mari Carmen tamén foi mestra, profesión que exerceu ata hai pouco, primeiro en Madrid e despois no Courel, onde tivo que voltar para coidar. "A cantas persoas?", pregunta Antía. Os nomes non acaban... "As mulleres traballaron moitísimo", di.
Sara e Claudina Rodríguez García están de acordo con iso. As dúas curmás, que se levan dez anos (Sara é do 1946 e Claudina do 1956), xúntanse na súa aldea de Moreda, na entrada da Rogueira, ao pé da aula da natureza na que tamén traballa Paula Carrera Sotelino, educadora ambiental e entrevistadora. O camiño no que sentan para falar, que hoxe recibe visitas daquelas persoas que queren coñecer o bosque, antes subíase para ir botar o pan ao monte. E todas facíano así: "unha cesta de comida de 40 quilos na cabeza ata o Couto. Ían facendo tolas e outras cousas ata alí arriba", di Claudina. "Calcetando ás veces", engade Sara, que tamén lembra a súa nai como "unha muller moi loitadora. Poñíanos a comida e ela dicía que xa comera, inda que non fose así", afirma. "Había algo que as mulleres non fixesen?", pregunta Paula. "Ir á cantina", responden.
"Sempre estiveron sostendo e coidando, por iso é importante escoitar a súa voz", di Paula
Nese tempo, ademais, na aldea "facíase todo", din. A roupa co liño cultivado e coa la das ovellas, os cestos para coller castañas e patacas, os mandís de liño e la antes de chegaren os paraugas, ou os xoguetes: as gaitas das flairas (pólas) dos castiñeiros, os pipotes coas pipas (bugallas) das rebolas, os carros de nabos ou as bonecas de patacas. A luz das ardentes de uz, o tío brindador, o escano para os partos. "Elba Rey, a muller de Novoneyra, foi a primeira enfermeira da zona", recordan.
EMIGRACIÓN. As dúas comparten a experiencia da emigración, que marcou a vida da serra. De feito, unha veciña delas, Holga García Vázquez, tamén de Moreda, foi entrevistada en Bos Aires, onde chegou con 10 anos no 1951 e dende onde recorda a súa nenez de pastora "coma todos os nenos".
Sara marchou con 13 anos a Barcelona, pero xa antes traballou na súa terra plantando piñeiros, "oito horas, oito duros", di. "Eu xa non tiven que facer iso, paseino mellor ca ela", di Claudina, que marchou con 17. Tamén comparten o motivo da volta: coidar dos pais. Semellan duras as vivencias, pero todas elas din que a xente estaba "máis contenta e relaxada naqueles tempos, e era máis solidaria".
Este é un dos rumores do Courel, que corre parello aos afluentes do Lor e o seu murmurio. Para Antía e Paula, que xa mantiñan con elas conversas semellantes, é importante. A primeira cobre coa empatía esa fenda do que implicaba ser muller nun tempo e noutro. "Sempre estiveron sostendo e coidando, por iso é importante escoitar a súa voz", di Paula. Fagámolo, retomemos a conversa.