Comezan as obras de mellora na estrada que une Ferreira de Pantón e Escairón

A Deputación inviste máis de 145.000 euros nas actuacións
Obras en la carretera que une Ferreira de Pantón y Escairón. EP
photo_camera Obras na estrada que une Ferreira de Pantón e Escairón. EP

O presidente da Deputación de Lugo e responsable directo da área de Xestión Territorial, José Tomé Roca, anunciou este mércores o inicio das obras de mellora da estrada provincial LU-P-4102, que une Ferreira de Pantón con Escairón, nos concellos de Pantón e O Saviñao, respectivamente. 

As actuacións, nas que a Deputación inviste máis de 145.000 euros, desenvolveranse entre os puntos quilométricos 3,7 e 6,1 –algo máis de dous quilómetros– comezaron este mércores con labores de limpeza nas cunetas. 

A partir da próxima semana, estenderase o aglomerado en quente para, despois, instalar a nova sinalización horizontal e vertical. 

Neste sentido, Tomé Roca remarcou que a estrada provincial é "unha vía de comunicación moi importante para os veciños e veciñas dos concellos da Ribeira Sacra, xa que conecta co centro urbano de Pantón e serve de acceso a servizos fundamentais da localidade, como o centro de día, a gardaría ou o tanatorio". 

O presidente da Deputación sinalou a importancia deste proxecto, "que forma parte do conxunto de actuacións que ten en marcha a institución na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros". 

"Seguimos traballando nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer o reequilibrio territorial", indicou a Deputación nun comunicado. 

Comentarios