O comercio local segue sumando en Chantada

A asociación de empresarios xa traballa na organización da Noite Aberta, que se celebrará no mes de xuño
Verónica Gayoso, xerente do colectivo empresarial de Chantada. AEP
photo_camera Verónica Gayoso, xerente do colectivo empresarial de Chantada. AEP

A Asociación de Empresarios de Chantada e Centro Comercial Aberto Ribeira Sacra traballa en novas propostas para seguir dinamizando o comercio e a actividade empresarial na vila do río Asma. Entre outras iniciativas, ultiman os detalles para a vindeira Noite Aberta, que terá lugar no mes de xuño.

É unha proposta que sempre goza de boa acollida por parte da veciñanza e na que participan "entre 30 e 40 establecementos, sobre todo de moda, que amplían o seu horario ese día ata as 23.00 ou as 23.30 horas", sinala Verónica Gayoso, a xerente do colectivo empresarial.

Todas as tendas ofrecen interesantes descontos e, por se fose pouco, a asociación de empresarios programa actividades de animación de rúa e inchables para os nenos, co obxectivo de alentar aos clientes a dar unha volta polas tendas de Chantada durante esa Noite Aberta.

Pekechán

Máis adiante, xa ben entrado o verán, chegará o momento doutra das iniciativas máis agardadas, o campamento urbano Pekechán, ao cal se accede ao realizar compras nos establecementos adheridos á asociación.

O horario será de 10.00 a 14.00 horas, tempo no que os máis pequenos da casa poderán participar en obradoiros de manualidades, xogos e actividades de todo tipo en compañía doutros rapaces.

Día da Nai

Con todo, antes de poñerse con todo isto, o comercio local de Chantada afronta esta semana unha data importante en relación ás vendas, o Día da Nai.

Para as persoas que aínda non teñan un agasallo mercado ou as que aínda non saiban que mercar, dende a asociación lembran que os establecementos de Chantada ofrecen unha ampla variedade e convidan aos veciños a apostar polo comercio local, que dispensa ademais un trato moi próximo.

A asociación de empresarios de Chantada conta cunhas 160 empresas socias e cada vez son máis as que apostan por unirse a ela.

Datos de interese

Dirección: Praza de Galicia, sen número, primeiro andar. Chantada
Horario: De luns a venres, de 9.30 horas a 15.30 horas
Web: ccaribeirasacra.com
Correo: [email protected]
Facebook: @ccaribeirasacra
Instagram: @ccaribeirasacra

 

Comentarios