Lunes. 20.08.2018 |
El tiempo
Lunes. 20.08.2018
El tiempo

Chantada e a súa noite de carros

Folión de carros de Chantada. AEP
Folión de carros de Chantada. AEP

Unha asociación organiza desde o ano 1989 o Folión, unha actividade con orixes que aínda hoxe xeran un importante debate. A documentación máis antiga sitúa na metade do século XIX as súas primeiras edicións, aínda que a raíz pode estar moito máis atrás. No 2002 a festa foi declarada de interese turístico galego e agora espera ser BIC

QUE AS RÚAS de Chantada se enchen de carros cada ano polo último sábado de agosto é tan seguro coma que sae o sol polas mañás todos os días, aínda que nos primeiros días de xuño o tornaran as nubes. O Folión é posiblemente a xornada máis importante das festas patronais da vila do Asma. Desde primeira hora ata ben entrada a madrugada (realmente, o evento remata para moitos co inicio do domingo), Chantada é un retorno ao seu pasado máis tradicional, unha exaltación dalgúns dos seus oficios e tradicións máis arraigados noutras décadas. "Amosa unha identidade colectiva", define Manuel Vázquez Regal, quen desde o 2016 preside a asociación encargada de organizar esta actividade.

Amigos do Folión fundouse no 1989 co obxectivo de manter un festexo moito máis antigo. De feito, non está claro cando tivo lugar a primeira edición. O colectivo dispón de documentación que aproxima aquela data inaugural á década dos anos 50, pero do século XIX. Investigadores da historia local atoparon programas de festas que xa anunciaban entón o Folión de Carros. Pode ser que o costume veña aínda de máis atrás.

As orixes do Folión tamén se discuten. A teoría máis estendida, e se cadra a máis aceptada, é que todo comezou na Idade Media, cos gremios de Chantada saíndo á rúa para reivindicar cadansúa profesión. Outras investigacións falan de que a festa incluso podería ter raíces celtas.

Os carros do Folión representan romerías, feiras, oficios, festas e todo tipo de escenas propias da historia de Chantada

Sexa como sexa, o Folión de Carros mantense na actualidade e dá a impresión de ter unha saúde de ferro. Nos últimos anos, a media de idade dos participantes reduciuse de xeito considerable e todos os veciños contribúen, en maior ou menor medida e aínda que non formen parte do desfile, a transformar Chantada nunha especie de máquina do tempo.

Unha das iniciativas máis aplaudidas de Amigos do Folión facilitou que quen chegue de casualidade a Chantada o último sábado de agosto se atope con homes en chaleco, camisa e boina e mulleres que levan posta saia, mandil, camisa e pano. A roupa de carroceiro substitúe por un día as prendas de moda e crea unha atmosfera cen por cen rural.

Pola noite, as vacas son as grandes estrelas. Os animais tiran dos carros creados durante o mes de xullo e nos que se representan escenas propias de Chantada en décadas pasadas. Romerías, feiras, oficios, obradoiros ou festas axudan a alimentar a nostalxia dos máis vellos. Os participantes locen a súa faceta coma actores e incluso mesturan o público coa súa función. Un xurado decide os mellores traballos. En función da clasificación final hai un premio maior ou menor, pero hai garantida unha recompensa de 500 euros só polo mero feito de formar parte do Folión.

Os participantes no Folión constrúen en carros ou plataformas durante o mes de xullo

"No noso primeiro ano coma organizadores tivemos once carros e no anterior, catorce. Cada ano imos a máis, pero agora temos que conseguir que a xente non se canse e siga co costume", comenta o presidente de Amigos do Folión. Vázquez Regal sinala que un importante cambio que se percibe no evento é que as principais tarefas son asumidas por xente máis nova. "Antes había que irse metendo e aprender como se facían os carros da man dos veteranos, pero agora os mozos teñen máis iniciativa", afirma.

Neste rexuvenecemento dos carroceiros vese parte do atractivo da actividade, pero tamén no feito de que o Folión se espandiu máis alá do seu día grande. A asociación promoveu exposicións e xornadas lúdicas, involucrou os colexios e recuperou un centenar de fotografías antigas do evento, anteriores aos anos 80. Tamén dispón dunhas 3.000 actuais.

A estes proxectos hai que engadir a adquisición de nove carros do país co fin de darlles uso. Mercados ou cedidos polos seus propietarios, todos foron restaurados para poñelos a disposición deses novos carroceiros que aspiran a asegurar o futuro desta exaltación.

Pode que ao Folión de Carros, que é festa de interese turístico galego desde o 2002, só lle quede unha gran materia pendente. A asociación presentou unha alegación pola súa ausencia da declaración da Ribeira Sacra coma Ben de Interese Cultural (BIC). Mentres se agarda polo resultado da reclamación, Chantada xa prepara a vindeira edición. Apunten a súa data. Será o 25 de agosto.

Chantada e a súa noite de carros