Chantada recibe catro flores no certame 'Vilas en Flor'

É a puntuación máxima acadada por un concello en Galicia, igualada só por Allariz

Casa do Concello de Chantada. AEP
photo_camera Casa do Concello de Chantada. AEP

O xurado do certame Vilas en Flor, unha nova iniciativa pola mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos impulsado pola Fundación Juana de Vega, deu a Chantada e Allariz a máxima puntuación. O empate prodúcese xa que cada un destes concellos mereceu catro flores de honra –a máxima son cinco–, mentres que o de Caldas de Reis levou tres e o de Betanzos, dúas flores de honra. Pola súa banda, o Concello de Ortigueira acadou unha flor.

As bases do certame establecen que a entrega de galardóns terá lugar no concello gañador pero, tendo en conta o empate entre os dous concellos que acadaron as puntuacións máis altas, o xurado decidiu que o acto será en Chantada, dada a súa posición máis central no ámbito xeográfico galego, co obxecto de facilitar o desprazamento de persoas e autoridades que acuda ao acto. O xurado estivo composto por Isabel Aguirre, directora da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Serafín Ros Orta, enxeñeiro técnico agrícola e exdirector de Medio Ambiente do grupo de empresas Eulen, e Alfonso Ruano Prieto, enxeñeiro técnico agrícola e ex xefe de área da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Vilas en flor, que por primeiro ano desenvólvese en Galicia, segue o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. O proxecto conta co apoio das Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente, Avisnor (Asociación de Viveristas del Noroeste) e Agaexar (Asociación Galega de Empresas de Xardinería), e as empresas Husqvarna e Rain Bird.

Nesta edición, na que podían participar todas as vilas de menos de 50.0000 habitantes en Galicia, competían Allariz, Caldas de Rei, Betanzos, Ortigueira e Chantada. O xurado realizou visitas técnicas a cada un destes concellos ao longo da próxima semana, co fin de analizar os criterios que puntúan neste certame.

“Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As Flores de Honra son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo.

O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna. Poden participar todos aqueles municipios da comunidade galega que teñan menos de cincuenta mil habitantes.

Comentarios