A II REPÚBLICA EN CHANTADA (I)

Chantada, capítulos de investigacións

Entre 1931 e 1932 unha comisión xestora colleu o mando do Concello de Chantada despois de que o xuíz suspendera ao alcalde e aos concelleiros das súas funcións por uns supostos delitos de coacción electoral. A comisión deu con varias irregularidades económicas nas arcas municipais de anos anteriores
Proclamación da República no Cantón. ARQUIVO PARDO
photo_camera Proclamación da República no Cantón. ARQUIVO PARDO

Tras a ditadura de Primo de Rivera, a corporación republicana de Chantada aprobou en xullo de 1931, baixo a presidencia de Eladio Suárez Fernández, a suspensión de todos os xuízos de foros ata que as Cortes resolveran sobre este problema. O 10 de agosto o rexedor confirmaba o rumor sobre a instrución dun sumario no Xulgado por suposto delito de coacción electoral polo que decide resolver coa destitución do recadador de imposto de utilidades Manuel García Mourelle.

O 19 de setembro o gobernador civil escribe unha carta (nº 1044) ao alcalde informando sobre o auto do xuíz no que lle comunica "que se decretou o procesamento e suspensión do alcalde e concelleiros deste Concello e por orde do Ministro da Gobernación comunicada con data 15 do actual para que se designe unha comisión xestora", decidindo que formen parte dela os concelleiros que non foran procesados nin suspendidos: Manuel Rodríguez Fernández, Casimiro Vázquez Regal e Ramiro Cidre Moure.

Proclamación da República no Cantón, o alcalde Jacobo Rodríguez e varios republicanos con Daniel Vázquez.FONDOS. O 30 de setembro unha inspección de Facenda recolle en acta que "dun préstamo concertado co Banco de Crédito Local de España no 26 de novembro de 1928 -sendo alcalde Jacobo Rodríguez Osorio- dispuxo da suma de 393.473,71 pesetas para a execución de obras públicas de traída de augas e rede de sumidoiros, as cales foron contratadas coa S.A. Servizos Públicos e realizadas durante os anos de 1929 e 1930, e que examinadas as certificacións trimestrais non aparecía incluído tal pago, nin ingresado no Tesouro cantidade algunha, polo que o Concello debe liquidar o 20% sobre a referida cantidade en concepto de imposto de pagos municipais".

Por todo iso pídense responsabilidades aos anteriores alcaldes ou corporacións, advertindo que pola municipalidade non se expediron libramentos de pago referentes á execución das obras, limitándose só á aprobación das certificacións asinadas polo técnico.

O 13 de outubro o alcalde Julio Amador Rodríguez manifesta un gran asombro ao comprobar as diversas anomalías rexistradas "nos libros de sesión, que son constitutivas de delito e cuxos feitos ocasionaron grandes prexuízos aos intereses municipais".

INVESTIGACIÓN INTERNA. Comezou entón unha investigación interna de todas as infraccións que aparecen nos libros de actas así como os expedientes contra o secretario suspenso José Fernández Otero. O 7 de novembro o instrutor do expediente ao secretario, Manuel Rodríguez, propón a súa destitución por diversas faltas graves.

O 26 de novembro o secretario José Fernández solicita reposición do acordo acordándose por unanimidade a súa denegación e remitir a certificación ao xuíz instrutor.

O 25 de decembro a corporación abre dilixencias contra os médicos municipais Mariano Cedrón Noguerol e Luis Vázquez Álvarez "por incumprimento das súas obrigacións, sendo sancionados coa suspensión por un mes de emprego e soldo".

Fixéronse suspenións e abríronse dilixencias contra médicos, secretarios e oficiais e outro persoal vinculado ao Concello

O 3 de xaneiro de 1932 suspéndese de emprego e soldo "ao oficial Fernando Fernández Sánchez por termo dun mes (sendo substituído o 23 de marzo de 1932 polo concelleiro Manuel Rodríguez Fernández), por ser o único responsable da custodia do repartimiento xeral de utilidades do ano 1930, onde apareceron raspaduras e emendas de varias cotas na sección de veciños da parroquia de Laxe, folios 16 e 17, con obxecto, sen dúbida, de burlar ou facer desaparecer o corpo do delito, consistente en ser repartida e cobrada aos contribuíntes a cantidade de 562,17 pesetas de máis do que correspondía repartir e que non ingresou nos fondos municipais".

O 28 de febreiro o recadador Manuel García Mourelle, o secretario José Fernández Otero, o xefe da garda municipal e inspector de arbitrios José Camiñas Fernández e o médico inspector de sanidade Mariano Cedrón Noguerol, interpoñen un recurso contencioso-administrativo ante o tribunal provincial contra os acordos tomados polo Concello.

O 20 de marzo o Concello cesa ao barrendeiro interino, o señor "José Fernández González porque desde hai tempo ten abandonado o servizo e faltando aos seus deberes".

FIN DA COMISIÓN. O 11 de xullo do ano 1932 finaliza o labor da comisión xestora en virtude dunha a orde do gobernador civil do 24 de xuño (nº 482) onde informa sobre o expediente nº 1918 con data do 22 do presidente do Tribunal Supremo.

O documento achega a querela presentada por Manuel García Mourelle onde formulaba varias peticións relacionadas co sumario 94 de 1931 do xulgado de instrución de Chantada contra o deputado Daniel Vázquez Campo e outros, "por suposto delito de coacción electoral, ditouse por esta Sala 2ª do Tribunal Supremo, con data 21 de marzo de 1932 auto de sobresemento provisional, coas costas de oficio, mandando arquivar o rolo e a causa, previo pase ao avogado do Estado, para os efectos das disposicións sobre o timbre".

Proclamación da República no Cantón, o alcalde Jacobo Rodríguez e varios republicanos con Daniel Vázquez.

Daniel Vázquez xunto a varios republicanos. ARQUIVO PARDO

E así mesmo, que a "situación legal dos procesados aludidos é a consecuente á resolución desta Sala, ditada no 9 de decembro de 1931, deixando sen efecto con todas as súas consecuencias, o auto ditado polo xuíz de Instrución de Chantada, polo cal decretou o procesamento de Daniel Vázquez Campo, Antonio Noguerol Eyré, Manuel Losada Castro, Ramón Montes Ledo, José Recarey Armada, José Fente Lovelle, Leopoldo Payo Costa, Manuel Caseiro Ledo, Manuel González Hermida, Antonio Quiroga Serrapio, Manuel Gómez, Laureano Fraga, Jesús Varela Poyán, Ramiro Prado Fernández, Eladio Suárez Fernández, Darío Rodríguez Fernández e Camilo Pérez López".

Esta resolución serviría para que en sesión extraordinaria puxésese en coñecemento aos concelleiros suspensos e fosen reintegrados nos seus cargos, debendo cesar os vogais da comisión xestora que non fosen concelleiros, cedendo o presidente a alcaldía a Antonio Noguerol Eyré.

A proposta do concelleiro Vázquez Campo, "acórdase por unanimidade outorgar un voto de graza aos señores da comisión xestora que cesa pola súa abnegación ao encargarse da administración dos intereses deste municipio en momentos críticos e difíciles para a realización dos fins acertados en tal concepto".

Comentarios