Chantada amosou as súas gañas de Folión nunha histórica edición postpandemia

'O batán de Esmeriz' foi o carro elixido polo xurado coma o gañador entre os 13 que participaron nun ateigado desfile
Un dos carros participantes na edición de regreso do Folión de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Un dos carros participantes na edición de regreso do Folión de Chantada. MIGUEL PIÑEIRO

Habías gañas de Folión en Chantada. Os carros volveron percorrer o municipio despois de dous anos de ausencia nunha edición histórica, a primeira despois de que a pandemia paralizara o mundo, incluído un dos festexos máis arraigados entre os veciños da vila. Foron 13 carros participantes, pero só un o gañador. 'O batán de Esmeriz' coroouse nunha noite na que todos destacaron a calidade das creacións realizadas e que contou con moitas sorpresas.

"Adiante o carro número 1", berrou un dos presentadores do Folión, palabras que en Chantada son sinónimo de festa e mes de agosto e que en 2020 e 2021 non puideron ser pronunciadas. A partir desas verbas, os carros foron pasando, un tras outro, dende o punto de partida na Praza dos Catro Camiños ata o remate na Avenida de Monforte, onde agardaba o palco de autoridades.

O carro 'Un curso de bordado na reloxería Ángel'. MIGUEL PIÑEIRO
O carro 'Un curso de bordado na reloxería Ángel'. MIGUEL PIÑEIRO

'O batán de Esmeriz' foi o primeiro, pero non o único que recibiu o premio. A segunda posición acadouna 'O escribano de Gordón' e o podio completouno 'Un curso de bordado na reloxería Ángel'. A clasificación final seguiu por esta orde: na cuarta posición, 'O practicante: do fervedor á nádega'; quinta, 'Voda de ricos... felicidade para todos'; sexta, 'Deste queixo non me queixo'; sétima, 'Xastrería Casal'; oitava, ' Praza do Mercado'; novena, 'Un día de verán na aldea do Xan'; décima, 'Hórreo baleiro e carpinteiros cheos'; undécima, 'A malla'; duodécima, 'Cantina do Zaramelo', e decimoterceira, 'O dentista de Merlán'.

Unha das xugadas. MIGUEL PIÑEIRO
Unha das xugadas. MIGUEL PIÑEIRO

Houbo máis premios. A mellor xugada resultou a do carro 'Deste queixo non me queixo', a recompensa á mellor vaca ou boi caeu para 'Hórreo baleiro e carpinteiros cheos', o mellor manexador foi o de 'O practicante: do fervedor á nádega', 'Voda de ricos... felicidade para todos' recibiu o galardón á xugada máis elegante, o premio ao benestar animal foi para 'Cantina do Zaramelo' e a mellor memoria explicativa foi a de  'O practicante: do fervedor á nádega'.

Música e pregón. Non era unha edición máis e por iso a asociación Amigos do Folión reservou unha sorpresa para preto do final. Todos os asistentes puideron escoitar a Muiñeira do Folión de Carros, composta polo gaiteiro chantadés Óscar Rodríguez, quen entregou ao presidente do colectivo organizador, Manuel Vázquez Regal, 'Pica', a partitura enmarcada e foi correspondido por Amigos do Folión cun obsequio.

Óscar Rodríguez (esquerda) entrega ao presidente de Amigos do Folión a partitura da Muiñeira. MIGUEL PIÑEIRO
Óscar Rodríguez (esquerda) entrega ao presidente de Amigos do Folión a partitura da Muiñeira. MIGUEL PIÑEIRO

Despois veu o pregón, que leu Luis González Tosar, e como guinda, o concerto do grupo Treixadura na Praza de Santa Ana. Todo para rematar un día que comezou con pasarrúas da Agrupación Tradicional da Casa da Música e a banda de gaitas do Concello de Chantada e a Foliada Carroceira, que vai camiño de transformarse nun clásico.

O pregoeiro recibiu o seu premio. MIGUEL PIÑEIRO
O pregoeiro recibiu o seu premio. MIGUEL PIÑEIRO

Dende as primeiras horas, os veciños ambientaron a vila. É costume dende hai anos que todos en Chantada, participen ou non no Folión, vistan coma carroceiros no día destacado. Eles, con camisa, boina, chaleco, pantalón escuro e zapatos; elas, con mandil, saia, blusa e pano. Esta tradición mantívose nos anos de restriccións e máscaras e sen aglomeracións e, por suposto, mantívose no regreso da festa chantadesa por excelencia. Poucos deixaron de berrar, como colofón, o xa célebre 'Viva o Folión!'.