jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

Unha Chantada abarrotada gozou do Entroido Ribeirao máis concorrido

Nove colectivos, entre eles o organizador, abriron as celebracións co Domingo Lambedoiro ► O casco urbano acolleu un pasarrúas e pola tarde a festa trasladouse a Santiago de Arriba

Moi cedo, pola mañá, comezaron a soar tambores e campás en Chantada. Xa nos días anteriores algúns volantes romperan o silencio co seu característico ruído. O Domingo Lambedoiro estreou o Entroido na vila do río Asma coa presenza de oito colectivos invitados.

O evento serviu para reunir os tres Entroidos da Ribeira Sacra declarados Ben de Interese Cultural. Por unha banda, o colectivo organizador, o Entroido Ribeirao, propio da parroquia de Santiago de Arriba e único da contorna da ribeira en Chantada que sobrevive actualmente. Tampouco o imponente Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón) se quixo perder unha cita á que ademais acudiron os Felos e Madamas de Esgos.

Todas as imaxes do Domingo Lambedoiro

O deste domingo en Chantada foi un cántico á Ribeira Sacra cunha selecta lista que completaron os Fulións Rurais de Viana do Bolo, os Peliqueiros e Parranfóns de Campobecerros, os Troteiros de Bande, o Entroido de Samede, os Galos da Mezquita e as Perriñas de Ribadetea. Un pasarrúas polo casco urbano da vila xuntounos a todos cun público entregado.

Non faltou a sátira —o Oso de Salcedo fixo das súas, provocando risas e sustos a partes iguais— nin tampouco os bailes. Os impresionantes boteiros de Viana foron moi aplaudidos e as cámaras das persoas que rodearon o desfile matinal traballaron arreo. Só foi un aperitivo da festa que tocaría vivir horas despois pola tarde.

O MOREDO. É o nome do lugar onde se desenvolven as celebracións típicas do Entroido Ribeirao. Atópase na parroquia de Santiago de Arriba e este domingo, grazas ao orballo e á néboa, presentaba unha estampa máis bucólica do habitual.

Atopar onde aparcar —é complicado apostar por unha opción que non sexa ir en coche por mor do lonxe que se atopa o sitio do centro de Chantada— era moi difícil minutos antes de que o Domingo Lambedoiro comezase o seu momento álxido. O Entroido Ribeirao fixo a súa entrada triunfal polas hortas de Santiago de Arriba.

Os volantes son uns dos personaxes máis representativos do Entroido tradicional de Santiago de Arriba. O seu paso entre os cultivos é unha chamada ao bo tempo en primavera. No seu camiño van acompañados dos maragatos (figuras ás que noutros lugares se lles chama peliqueiros), que os vixían para que non sufran ningún percance ao longo do seu percorrido e abrirlles o camiño.

Os últimos personaxes do Entroido Ribeirao son os mecos. Eles son encargados de representar escenas de actualidade e cotiás desde un punto de vista totalmente humorístico.

Logo de que o Entroido Ribeirao 'curtase a cinta' do Domingo Lambedoiro en Santiago de Arriba, o resto de colectivos foron chegando ata O Moredo. Alí o público formou un círculo para ser testemuña das representacións.

Aínda queda moito por celebrar. Os volantes, os maragatos e os mecos sairán habitualmente á rúa durante as vindeiras dúas semanas. Apunten o Domingo Corredoiro e o Domingo e o Martes de Entroido para ir a Chantada.

Unha Chantada abarrotada gozou do Entroido Ribeirao máis concorrido
Comentarios