O Centro do Viño destaca o éxito da mostra sobre o traxe en Monforte

A exposición estivo aberta catro días e foi unha das que máis afluencia tivo nos últimos anos
Dous visitantes contemplan unha das figuras elaboradas polo obradoiro Traxandaina. AEP
photo_camera Dous visitantes contemplan unha das figuras elaboradas polo obradoiro Traxandaina. AEP

A mostra O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo, organizada por El Progres e na que se exhiben prendas recuperadas polo obradoiro artesán Traxandaina, rematou en Monforte a primeira das súas sete paradas pola provincia. Unhas 200 persoas pasaron en catro días polo espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, onde destacaron que foi unha das máis éxitosas nos últimos anos, tendo en conta as restricións e o pouco tempo de apertura. Trátase dun proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo.

Dende o Centro do Viño engadiron que o contido da mostra chamou moito a atención do público e atraeu xente procedente de varias poboacións de Galicia, coma Lugo ou Ferrol. Mesmo o día que houbo que desmontar chegaron persoas a preguntar se aínda estaban a tempo de ver a exposición.

As doce figuras que locen as pezas de roupa tradicional feminina elaboradas por Traxandaina estarán dende este luns en Mondoñedo, seguindo cun percorrido que as levará tamén por Lugo, A Fonsagrada, Sarria, Ribadeo e Vilalba.

"Temos a sorte de que a provincia de Lugo está moi movida polo tradicional. No resto de Galicia beben moito dela"

O obxectivo é amosar tecidos feitos na casa en teares de baixo lizo, panos, sedanas, veludos, agremáns elaborados a man, picote, candil ou burel. Compoñían o vestiario das mulleres lucenses de finais do século XIX.

TRAXANDAINA. Teresa Astorgano e a súa parella, Antón Sanjurjo, son os nomes que están detrás desta mostra. Gañadores o ano pasado do premio Artesanía Galega, amósanse encantados de como foi a experiencia monfortina.

"Todo o que nos chegou foi positivo. Moitos amigos viron a exposición e déronnos os parabéns. Ademais, destacaron que o Centro do Viño é moi bonito", subliñou Astorgano, que amosou o desexo de Traxandaina de recuperar pezas propias das localidades da Ribeira Sacra, que non están presentes, polo momento, na mostra. "Necesitamos de xente que se poña en contacto con nós, porque non temos a capacidade de cubrir toda a provincia. Se alguén está interesado pódese poñer en contacto con Traxandaina", dixo.

"Cando saíamos co noso grupo de música sentiamos que ir con algo que a xente non vestía era como facer trampa"

Teresa Astorgano explicou que o xeito de traballar do obradoiro comeza coa localización da roupa e segue coa posterior reprodución. "Temos a sorte de que a provincia de Lugo está moi movida polo tradicional. Hai moita xente que recolle a música e o baile propios de aquí e outras provincias beben da nosa. É moi raro que algunha agrupación grande non teña repertorio lucense"·, afirmou.

Pola súa banda, Antón Sanjurjo lembrou os comezos del e da súa dona nun grupo de música tradicional na Fonsagrada. "Faciamos saídas a Portugal e o resto de España e tiñamos interese por amosar ben a nosa roupa. Non nos parecía coherente ir con algo que a xente non vestía, tiñamos a sensación de estar facendo trampa", concluíu o artesán lucense.

Comentarios