Carne e peixe súmanse á gran oferta de Claudio Chantada

A cadea de supermercados ampliou o seu espazo na vila do río Asma coa fin de ofrecer aos seus clientes un maior número de referencias e aparcamento
Brais Diviu (dereita) e Catia Rodrigues, unha das caniceiras de Claudio Chantada.EP
photo_camera Brais Diviu (dereita) e Catia Rodrigues, unha das caniceiras de Claudio Chantada.EP

HAI CATRO anos que a cadea de supermercados Claudio abriu no número 63 da Rúa Uxío Novoneyra de Chantada, cubrindo así un importante oco na zona alta do municipio, pois os veciños carecían ata ese momento dunha área grande preto para efectuar as súas compras. O crecemento vivido permitiu a ampliación do espazo, que en novembro do ano pasado, unha vez rematada a última reforma, habilitou un servizo de peixería e carnicería.

Conta Brais Diviu, o propietario do supermercado, que a aposta, no caso da carne, é polo produto procedente de ganderías de proximidade e libres de alérxenos. Por outra banda, o peixe fresco chega todos os días que este está dispoñible dende a lonxa de Ribeira.

Este é un dos resultados das obras que ensancharon o supermercado dende os 150 ata os 300 metros cadrados. Antes deso, non había en Claudio Chantada carnicería nin peixería.

Ademais, Brais Diviu decidiu poñer a disposición dos clientes unha zona de aparcamento. Está situado nun espazo traseiro onde tamén se instalou un segundo acceso ao supermercado. Conta con caixa, para que os compradores poidan entrar e saír logo directamente cara o lugar onde teñen o coche estacionado.

Por suposto, estas novidades van da man das especialidades que xa se traballaban antes no establecemento, como charcutería, froitería, panadería, conxelados, ou produtos ecolóxicos. Grazas a ampliación, as referencias multiplicáronse, ao igual que aumentou a plantilla de traballadores (comezaron dous e agora hai seis). Todo esto fai posible o abastecemento dunha zona de Chantada que ata a apertura de Claudio tiña que coller o coche ou camiñar unha distancia importante para facer as súas compras diarias.

NECESIDADE. O propio Brais Diviu padeceu os problemas desta zona de Chantada —onde se atopan o instituto Lama das Quendas, o colexio Xoán de Requeixo, a casa da xuventude ou o pavillón municipal de deportes— por non haber un supermercado preto. El é natural de Rodeiro e chegou hai anos á vila do río Asma para traballar. Alugou entón un piso nas proximidades do que hoxe é o Claudio.

"Chegabas á casa pola noite e ao mellor decatábaste de que che facía falta algo e tiñas que coller o coche ou camiñar moito e logo cargar", lembra Brais. Así se xestou a idea. Hoxe en día, supermercado Claudio vai camiño de consolidarse coma un espazo de referencia para todo o barrio e mesmo para residentes en parroquias situadas na zona norte de Chantada.

Claudio é unha referencia para a zona alta de Chantada, que non contaba con supermercado propio antes

De aí vén o crecemento e a necesidade de ampliar a superficie habilitada inicialmente, para aumentar tamén as áreas e as referencias á venda. En Claudio Chantada tratan de mirar ao produto local á hora de ofrecerlles aos clientes viños ou queixos e procuran dar facilidades para que a xente teña a súa compra na casa do xeito máis cómodo posible.

Unha das alternativas en Claudio Chantada é solicitar o reparto a domicilio. Pode facerse por teléfono (no 982.46.20.04) ou ben deixando a compra no supermercado para que despois os traballadores a leven á dirección indicada polo cliente. Por suposto, tamén está permitido transportar os productos mercados nun dos carros do negocio, o cal é moi cómodo no caso de facer compras grandes.

Todas estas funcións víronse afianzadas coa chegada da pandemia. A expansión do coronavirus puxo de manifesto a importancia dos establecementos coma este, que non pararon para abastecer os cidadáns. Como di Brais, para eles a pandemia foi "un non parar".

Más datos
Horario
▶ Claudio Chantada abre de xeito continuo de 9.00 a 21.00 horas de luns a sábado. Os domingos e festivos está dispoñible de 10.00 a 14.00.

Redes
▶ O negocio atópase moi activo en Instagram e Facebook, informando en todo momento das novidades e aportando fotografías dos distintos produtos.

Empurrón
▶ O traballo arduo e constante que supuxo a pandemia impulsou a decisión de ampliar o espazo. O covid-19 axudou a consolidar o establecemento

Comentarios