Carballedo lembra cunha homenaxe o represaliado Francisco Domínguez

Frank Domínguez, neto deste filántropo galeguista e residente en Estados Unidos, asistiu aos actos
Frank Domínguez (centro), con familiares e amigos diante da casa do seu avó, en Sampaio. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Frank Domínguez (centro), con familiares e amigos diante da casa do seu avó, en Sampaio. MIGUEL PIÑEIRO

A Francisco Domínguez Mosquera -ou Pancho da Barrela. como o coñecían moitos- custou moito traballo sacalo do esquecemento. Dende onte, a súa figura queda ben evocada no seu Carballedo natal. A asociación cultural O Garabullo de Castro organizou unha homenaxe a este filántropo galeguista que foi represaliado polo franquismo.

Gran parte da documentación sobre a vida e traxectoria de Pancho acadouna o seu neto, residente en Estados Unidos, Frank Domínguez, coa axuda dunha xenealoxista ourensá chamada Helena González.

Frank viaxou dende o outro lado do Atlántico acompañado pola súa dona e o seu fillo para presenciar a homenaxe ao seu avó e aportar novos datos sobre a figura dun home ata o de agora moi descoñecido, malia que financiou en Carballedo escolas, estradas e mesmo unha viaxe para que os nenos e nenas do concello coñecesen toda Galicia.

O acto. Frank Domínguez interveu despois de Uxío Breogán Diéguez e Moncho Ermida nun acto presentado por Anxo González Guerra e amenizado polo grupo de música Os Parentes.

O alcalde de Carballedo, Julio Yebra, non se perdeu unha xornada para enxalzar un persoeiro "fundamental na historia de Carballedo". Mentres, a presidenta de O Garabullo, Asunción Gómez, Hita, avanzou que despois do verán haberá máis actos na memoria de Francisco Domínguez.

Sobre el falou moito e de xeito detallado Frank. E iso que, como lembrou, non chegou a coñecer o seu avó. "Murió en 1937 y normalmente, cuando esto sucede, uno conoce a sus abuelos por lo que le dicen sus padres, pero el mío falleció pronto, en 1950", dixo este profesor universitario catedrático de Literatura Medieval que non descoñecía de todo a Pancho da Barrela. "Sabía que era importante para mi familia, pero no conocía nada de su vida política", explicou.

O avó Francisco naceu o 2 de abril de 1889 e emigrou con só 14 anos a Cuba. "Sospecho que no fue solo, seguramente viajó con un tío o un primo y lo acogió una familia que ya estaba en la isla antes de su llegada", explicou Frank durante a charla, celebrada nunha ateigada biblioteca do colexio da Barrela, a capitalidade municipal.

"Este reconocimiento es muy grato para mí, sobre todo por tener lugar en una escuela construida en unos terrenos que pertenecieron a mi abuelo", relatou Frank.

A construción de escolas (como o levantamento de estradas ou a instalación de alumeado público) foi seguramente o gran legado que deixou Francisco Domínguez, impulsor da que para moitos nenos e nenas daquela época foi a primeira viaxe fóra de Carballedo. Na expedición atopábase Julia González, quen cumpridos os 98 anos aínda lembra aquela aventura.

"Grazas a Pancho coñecemos Galicia. Comezamos por Ourense e chegamos ata Tui, Vigo, Pontevedra ou Santiago nunha viaxe que durou oito días", relatou Julia. Tanto para ela como para os da súa idade "foi un evento único, porque viaxamos por primeira vez e daquela os nenos non iamos nin tan sequera ata A Barrela".

ATA O SEU FOGAR. Despois do acto no colexio, a homenaxe continuou no lugar de Sampaio, xusto diante da casa onde naceu Francisco. Alí descubriuse, por riba da porta principal, unha placa conmemorativa e na contorna, carteis e cortes de prensa lémbranlle aos visitantes quen viviu alí.

Francisco Domínguez participou na fundación do Partido Galeguista, presidiu o Sindicato Agrario de Carballedo e promoveu a sociedade Chantada, Carballedo y sus Comarcas. Tivo que exiliarse polas súas ideas políticas despois de estalar a Guerra Civil. Advertido polo seu amigo persoal Alexandre Bóveda de que os franquistas ían prendelo, regresou a Cuba.

Morreu na illa, onde anos máis tarde naceron moitos dos seus descendentes. Agora, estes esfórzanse por sacar a Francisco dun longo e inxusto esquecemento.

Comentarios