Cando sae o verme do teatro

O grupo monfortino Viraventos conta con 15 anos de historia e pecha unha nova tempada de éxitos na escena

Grupo de teatro Viraventos. TOÑO PARGA
photo_camera Grupo de teatro Viraventos. TOÑO PARGA

SON 14 persoas, de distintas idades, xénero e ritmos de vida, pero comparten a mesma paixón: o teatro. Uns levan tres lutros e outros só tres anos, aínda que todos coinciden en que subir ao escenario e todo o traballo previo que ten unha representación serven para combater o estrés, mellorar a memoria e desfrutar.

A Asociación de Teatro Monfortino, que acaba de mudar o seu nome polo de Viraventos, pechou a xira correspondente á representación da obra Os intereses creados, un texto de Jacinto Benavente adaptado por Paqui Abeledo, a directora do grupo. A representación foi no edificio multiusos de Monforte e, a xulgar polos aplausos recibidos, o público quedou encantado. Pero agora o grupo ten que reinventarse e pecharse uns meses para preparar un novo espectáculo.

Paqui Abeledo dirixe un colectivo de teatro afeccionado que arrancou hai quince anos, pero no que cada tempada hai xente nova. "Uns entran e outros saen e función das circunstancias de cada un, pero nos 15 anos que levamos en marcha igual temos representado 30 obras".

Abeledo, que tamén está á fronte da formación Teatreir@s da cidade do Cabe e Argalleiras de Chantada, asegura que o teatro é un "ben social".

Gonzalo Rodríguez Pérez dálle a razón á directora. Él é un dos máis veteranos de Viraventos. Está na formación dende as súas orixes e entrou nese mundo porque "levaba o verme do teatro dentro e nunca o deixara saír".

Dende que comezou nunca se lle pasou pola cabeza deixalo aínda que teña que acudir aos ensaios unha ou dúas veces por semana e despois estudar na casa. "Sempre hai tarefa para a casa, pero iso é o mellor remedio para conservar a memoria", asegura este monfortino.

A Gonzalo gústanlle as obras de carácter cómico porque desfruta coa risa da xente. "Que pode haber mellor ca iso?", pregunta. "O teatro ten que ser un espazo para esquecer os problemas durante unha miguiña", engade. Das obras nas que leva participado recorda especialmente unha adaptación de Os vellos non deben namorarse de Castelao. "Foi algo especialmente divertido", afirma.

A PRIMEIRA VEZ. Este monfortino recorda que a primeira vez que saíu ante o público sentiu algo semellante ao pánico escénico, pero coa forza dos anos vai máis confiado.

No patio de butacas sempre o agarda a súa dona, unha grande afeccionada ao teatro que, pola contra e por moito que lle ten insistido Gonzalo, non se anima a dar o salto e actuar.

Situación ben distinta é a de Teresa González. Esta muller leva dúas tempadas en Viraventos.

Chegou a isto da man da súa filla de seis anos. Foi vela actuar nunha obra que dirixía Paqui e pensou: "Eu tamén debería apuntarme". A maiores, levou ao seu home, que tamén se enganchou.

Teresa é unha muller activa que sempre anda metida en mil cousas e que ten estado en moitos proxectos, pero coida que a paixón polo teatro chegou para quedarse, e que desta volta atopou o seu sitio.

Empresaria e nai de familia, asegura que o teatro é a súa "válvula de escape", unha forma de descargar o estrés do día a día. Aínda que ás veces custe encaixar os ensaios na axenda, faise o esforzo con gusto.

Pero se algo lle entusiasma a Teresa do teatro é a posibilidade de mudar de pel, de deixar por unhas horas a personalidade propia para tomar a vida e os problemas dun personaxe. Con Paqui Abeledo neste aspecto non hai límites e, por exemplo, Teresa nesta tempada interpreta a Crispín, o protagonista masculino de Os intereses creados.

Tivo que meterse na pel dun home, coller os seus xeitos de camiñar, de moverse e de falar. Un reto que asumiu con entusiasmo e ao que lle sacou todo o potencial.

De xira pola provincia grazas a Buxiganga

A formación de teatro afeccionado Viraventos prepara un espectáculo cada tempada co que recorre toda a provincia de Lugo, xa que a agrupación está metida no circuíto Buxiganga da Deputación.

Adaptacións
A maioría das veces, o grupo aposta por representar obras adaptadas, un traballo do que se encarga Paqui Abeledo en función dos actores cos que conta.

Comentarios