Cando a Ribeira Sacra é un paraíso

Peter Homden e Verity Arnold deixaron atrás a súa vida coma profesores en Inglaterra para abrir unha nova etapa no lugar de Aiaz (O Saviñao). Cansos da súa rutina no Reino Unido, este matrimonio británico atopou a felicidade nos traballos típicos do rural galego. Despois de once anos non teñen intención de volver ao seu país natal

Peter Homden, nunha vendima na Ribeira Sacra. TOÑO PARGA
photo_camera Peter Homden, nunha vendima na Ribeira Sacra. TOÑO PARGA

UNHA RUTINA QUE os asfixiaba e os tiña desanimados foi o primeiro paso para que o matrimonio formado por Peter Homden e Verity Arnold cambiara a súa Inglaterra natal pola Ribeira Sacra. Mudar de país supuxo tamén un xiro de 180 graos no seu estilo de vida. El deixou atrás o seu posto coma profesor na Universidade de Bristol e ela as aulas da escola infantil dunha pequena vila preto da fronteira con Gales, onde exercía despois dalgúns anos coma mestra en Londres. O campo e o rural galego son agora a súa realidade.

Verity Arnold, cun cordeiro. TOÑO PARGAPeter e Verity chegaron no 2007 a Aiaz, un lugar da parroquia de Ousende (O Saviñao). Desde o primeiro momento chamaron a atención duns veciños que, segundo din, abríronlles de par en par as portas das súas casas. Hoxe falan un perfecto castelán (co característico acento británico) e ata se atreven con expresións e frases en galego, pero daquela nin se aproximaban a desenvolverse coa suficiente destreza como para manter unha conversa fluída cos habitantes de Aiaz. "La comunicación fue difícil al principio, pero nuestros vecinos tuvieron mucha paciencia y nos ayudaron. Son muy buena gente", destacan.

O idioma non foi a única barreira que tiveron que superar. Nin Peter nin Verity tiñan coñecemento algún sobre as labores do campo, que hoxe constitúen o seu modo de vida nesta pequena aldea do Saviñao. "Teníamos que pedir ayuda para todo, porque no sabíamos ni cómo matar un conejo», señalan. O desta parella inglesa foi un comezo desde cero, pero non tardaron en adaptarse. «Aprendimos rápido y ahora nos encanta nuestra situación", aseguran.

Once anos despois de chegar á Ribeira Sacra fuxindo dunha vida en Inglaterra que non lles gustaba, Peter e Verity son dous veciños máis de Aiaz. Fan a vendima, matan porcos, traballan a horta e coidan dos animais coma se tiveran nacido en Galicia e non no Reino Unido. O resultado, felicidade. "Aquí aprendimos que no hace falta tener mucho, solo lo esencial (tener para comer y beber y contar con unos buenos vecinos), para vivir y estar contento", sinalan.

Acabar neste punto tan concreto de Galicia e da provincia de Lugo foi unha auténtica casualidade. Peter e Verity visitaron as ribeiras portuguesas do río Douro e quedaron marabillados das súas fantásticas paisaxes. Durante aquela viaxe, oíron falar da Ribeira Sacra e das súas similitudes con esa zona do país veciño na que tamén hai unha fonda tradición vitivinícola. Foi chegar á comarca e namorarse do que viron. "Estábamos cansados de vivir en Inglaterra y en aquel momento nos planteábamos dar la vuelta al mundo en bicicleta o comprar una casa en España. Al llegar a Aiaz nos ofrecieron una vivienda y no nos lo pensamos mucho", explicaron.

O plan inicial era vivir no Saviñao un ano e manter o que hoxe é o seu fogar coma residencia de vacacións, pero a súa comodidade foi tal que non marcharon. "Nos encontramos con una comunidad muy especial. Al principio estábamos nerviosos, porque no sabíamos cómo aceptarían aquí a dos extranjeros, pero todo fue genial", indican.

A súa etapa na Ribeira Sacra tamén lles permitiu comparar a vida no campo en Galicia coa de Inglaterra. "Para nosotros esto es muy romántico, supone el contacto con la vida real. Es una forma de vida muy distinta a la de Inglaterra. Allí no hay comunidades. Vas al campo y a lo mejor solo ves una granja. Aquí, aunque cada vez queda menos gente, se ve una colectividad y los vecinos se ayudan con las diferentes tareas", detallan Peter e Verity.

A súa vida social tamén merece mención. Un bo día, xa instalados os dous en Aiaz, Peter entrou nunha coñecida floristería de Chantada. O seu propietario, José Miguel Vázquez, coñecido na vila coma Gotera, estaba interesado en mellorar o seu inglés e Peter quería aprender a falar ben en castelán. Coma dúas pezas dun crebacabezas, os seus intereses xuntáronse e dese intercambio para aprender idiomas (algo moi típico nas cidades universitarias entre os estudantes Erasmus e os autóctonos) xurdiu unha gran relación que permitiu aos británicos de Aiaz contar cun amplo grupo de amigos en Chantada.

E así transcorre a etapa actual de Peter Homden e Verity Arnold. A súa é unha historia de amor a primeira vista coa Ribeira Sacra, unha comarca que moitos oriúndos aínda non valoran e que para eles supuxo un paraíso onde atopar unha nova vida que polo momento non queren volver mudar. As súas maletas permanecen pechadas en Aiaz.

Comentarios