sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

O Camiño Santo, un paraíso por descubrir

Ponte de Pambre, no Camiño Santo.
Ponte de Pambre, no Camiño Santo.
Esta variante do Camiño de Inverno pasa polos concellos de Chantada, Taboada, Monterroso, Palas de Rei e Melide ► A ruta discorre polo castelo de Pambre, varias igrexas de arte románico e carballeiras autóctonas da comarca da Ulloa

O Camiño Santo da Ulloa, que vai dende Monforte de Lemos á Coruña, tivo o seu auxe nos séculos XVI e XVII, pero deixou de transitarse a inicios do XX. "O abandono de vías xacobeas prodúcese pola antiga Lei da Idade Media que prohibía o vagabundeo e limitaba a peregrinación a certos camiños", di a estudosa do Camiño María José Gómez Alvite, que explica que por aquel entón os peregrinos recibían sal, pan, unha cunca de viño e unha vela nos albergues da época, polo que os "farsantes" aproveitaban para facerse pasar por eles e conseguir a prerrogativa.

Actualmente, o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) reclama o acondicionamento e o recoñecemento desta variante do Camiño de Inverno, no tramo que pasa polos concellos de Chantada, Taboada, Monterroso, Palas de Rei e Melide, polas súas características especiais. "É unha vía practicamente virxe con tramos pechados en carballeiras autóctonas", sostén o director do Instituto de Estudos Ulloáns, Francisco Pardo. "Non nos podemos esquecer do castelo de Pambre e das afluencias románicas que hai en gran parte das igrexas polas que pasa a variante", declara.

O Camiño Santo, tamén coñecido como o Camiño dos Maragatos, ou dos Arrieiros, percorre aproximadamente 50 quilómetros, polo que está pensado para realizarse en dúas ou tres etapas. "Por esta ruta circulaban moitos feirantes pola seguridade e protección que aportaba, porque era unha vía Real. Moita xente maior aínda recorda que nos anos 50 pasaba moita xente cos carros", asegura Pardo, que di que este itinerario ten "moito encanto".

Ademais do castelo de Pambre, que é o principal reclamo turístico polo que pasa o Camiño Santo, hai unha serie de igrexas de arte románico polas que circularon distintos mestres deixando as súas pinturas e construcións. "A igrexa de San Miguel de Coence ten un espírito único e auténtico. Ten un crismón estelar e hai especulacións de que pode estar relacionado co Camiño de Santiago", afirma o director do IEU, que explica que o templo conta con pinturas da resurrección de Cristo do mestre Pelagio, dos séculos XII e XIII.

No traxecto tamén se poden observar algunhas das últimas casas esgrafiadas de Galicia, unha técnica arquitectónica que consiste en realizar gravados sobre distintas superficies. "Son algo característico da zona e son diferentes en función da creatividade do albanel, pero xa non hai artesáns destes", afirma Pardo. "Os máis puristas intentan recuperar esta técnica", manifesta.

O proxecto ía ser promocionado este ano por distintos concellos, pero o covid-19 freou a iniciativa. "Tivemos que paralizar todo. Esperamos retomalo para o ano que vén e conseguir unha subvención do Xacobeo", di o director do IEU, que leva dous anos a reivindicar este camiño dende que rehabilitaron parte da ruta co programa Monumenta da Xunta.

"A vantaxe desta variante é que permite evitar a neve e os temporais fríos en xeral", di María José Gómez, que alerta ademais do abandono dos camiños ao ir quedando en desuso. Pardo considera que "a limpeza pódena realizar perfectamente os concellos pero os sinais dependen do Xacobeo", explica como un dos principais inconvenientes para a proliferación de peregrinos e para conseguir a súa oficialización.

Non obstante, "moitos peregrinos cánsanse de ir polos mesmos lugares", afirma Pardo, que avoga por recoñecer as distintas vías. O perfil do peregrino tamén cambia, xa que "algunhas rutas adoitan facerse en grupo e outros son máis solitarios", di.

PAMBRE
A fortaleza principal
O castelo de Pambre, construído posteriormente á existencia do Camiño, ofrecía protección aos centos de feirantes que se movían duns concellos a outros no século XV.

 
COENCE
Unha mostra de arte
A igrexa de San Miguel de Coence ten un crismón con varias aspas que poderían relacionarse coa ruta. Dentro atópanse algunhas pinturas románicas do mestre Pelagio. 

 
GONTÁ
Últimas casas esgrafiadas
As vivendas esgrafiadas, típicas da Ribeira Sacra, son reclamadas actualmente por aqueles veciños que desexan recuperar un dos selos de identidade da comarca da Ulloa. 

 

O Camiño Santo, un paraíso por descubrir
Comentarios