O Santuario de Cadeiras converteuse no epicentro da artesanía por un día

Sober acolleu 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia nun evento que xuntou algunhas das firmas máis importantes da Ribeira Sacra e do resto da comunidade ► O público respondeu nun marco que acaparou eloxios
undefined
photo_camera O evento celebrado este sábado contou con demostracións varias para os maís pequenos. MIGUE PIÑEIRO

O santuario de Cadeiras foi por un día o epicentro da artesanía galega, a capital onde se reuniron algunhas das firmas artesás máis importantes da Ribeira Sacra e da comunidade amparadas na marca Artesanía de Galicia. Foron 22 os obradoiros que se deron cita en Sober nun marco ao aire libre que acaparou multitude de eloxios tanto dos participantes na mostra coma do público. 

undefined

"É unha contorna diferente e marabillosa, ao aire libre, co miradoiro e a ribeira ao lado", valorou Adela Feijóo, encargada do posto da Olería de Gundivós, o proxecto de Elías González. Foi un dos nomes locais do evento, que tamén contou con Armaior e Enxógate (Quiroga), Artesanía do Caurel (Folgoso do Courel), En lá (Monforte) e Senda Coiro (A Pobra do Brollón).

"A xente respondeu a unha iniciativa que supón un complemento ao turismo ideal e un encontro entre artesáns", Pablo Rodríguez de Armaior

"Estou contenta da xornada. A xente veu moi interesada e isto serve para darlle visibilidade aos oficios tradicionais", engadiu Adela. Uns postos máis á súa dereita atopábase Pablo Rodríguez, da quiroguesa Armaior.

"Non eramos moi optimistas e a xente respondeu de marabilla. A iniciativa é moi boa, porque supón un complemento para un turismo ideal e un encontro entre nós", precisou o artesán.

"O evento foi nunha contorna marabillosa ao aire libre e seviu para darlle visibilidade aos oficios tradicionais", salientou Adela Feijóo de Olería Gundivós

Por outra banda, Lucía Seoane, de Artesanía do Caurel (unha marca que aínda entrou este ano a formar parte de Artesanía de Galicia), valoraba a súa "primeira vez na feira". A artesá asegura que non esperaba tanto na súa estrea nun evento coma este.

undefined

Os nenos do público tiveron un protagonismo especial durante a xornada. Moitos dos obradoiros e demostracións foron para eles, buscando achegalos ao mundo dos oficios tradicionais e artesáns.

A mostra contou tamén coa visita do director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia. O representante da Xunta subliñou que unha das metas é vincular o sector artesán a un novo xeito de turismo e apostar por eventos que permitan a adaptación do sector.

Comentarios