martes. 23.07.2019 |
El tiempo
martes. 23.07.2019
El tiempo

Cabaleiros do Faro en Compostela

No centro da imaxe, o cardeal de Santiago, Quiroga Palacios, recibindo peregrinos en 1954. ARQUIVO PARDO
No centro da imaxe, o cardeal de Santiago, Quiroga Palacios, recibindo peregrinos en 1954. ARQUIVO PARDO

Hai 65 anos, cando o Camiño de Inverno era denominado Camiño Central, organizouse dende Chantada unha peregrinación a Santiago na que participaron as familias de máis renome da comarca. Moitos foron a cabalo e a comitiva entrou o primeiro de agosto en Compostela entre repiques de campás

A ruta xacobea a mediados do século XX atopábase entumecida. Antes de que os irmáns Vázquez Portomeñe a engrasaran co primeiro Plan Xacobeo en 1993, o pontífice Pío XII nomeou en 1952 como arcebispo e cardeal de Santiago a Fernando Quiroga Palacios que foi ao ano santo Xacobeo en 1954 o que Mick Jagger aos Rolling Stones. Para iso creou o Instituto de Estudos Xacobeos e a revista Compostellanum ofrecendo así un marcado carácter europeísta e internacional ao Ano Santo Xubilar.

A carta pastoral de Quiroga Palacios convidando a todo o orbe a peregrinar a Santiago chegou ao Concello de Chantada, que pronto organizou a que sería a primeira peregrinación da Ruta Xacobea feita hai 65 anos. Por aquel entón o hoxe Camiño de Inverno denominábaselle Camiño Central e o alcalde Joaquín Yebra Pimentel contribuíu de maneira especial e pioneira ao realizar unha marcha extradiocesana a cabalo en dúas xornadas que destacou pola súa singularidade.

Mentres o clérigo Emilio Eyré Lamas supervisaba as inacabables obras do primeiro santuario en terras ibéricas en honra da Nosa Señora de Fátima en Chantada, o artista plástico Fernando Somoza seguía pintando os frescos do templo. O 30 de xullo de 1954 chegaban ao Castro de Centulle os denominados Xinetes da Nobreza de Galicia, que tras pasar pola vía romana e santiaguista dos Cóbados de Belesar, dirixíronse cara ao Monte Faro e Farelo. Do medio centenar de peregrinos un grupo de 14 persoas ían montadas dacabalo, incluso o sacerdote da vila, sendo a maioría "peregrinos con apelidos correspondentes aos primeiros Cabaleiros de Santiago".

Eran o reflexo en galope das extintas familias blasonadas de señorío e nobreza chantadesa: os Moures, Ulloas, Valladares, Arces e Temes do século XX que provistos dos seus cabalos sen armadura ían gañar o seu Xubileu. Os fidalgos chegaron á Praza de España en Compostela ás sete e media da tarde do día 1 de agosto co grupo incrementado ao unirse 34 peregrinos da cidade de Xirona. Ao apearse das cabalgaduras, "estas foron suxeitadas cada unha por gardas municipais formando un pintoresco cadro", rezan as crónicas da época.

CAMPÁS. Aos cabaleiros entregáronselles un bordón e outros símbolos do peregrino xacobeo e ao son do repique das campás entraron polo Obradoiro. O alcalde de Chantada procedeu á lectura da invocación dirixíndose ao Apóstolo Santiago, que "atentos á voz paternal do custodio actual do voso sepulcro, henos aquí peregrinos como os nosos pais ante Vos, para agradecervos a evanxelización e singular patrocinio, que fixo libres aos nosos maiores e segue sendo para nós a única esperanza salvadora".

Yebra Pimentel móstrase cos sentimentos de ter unha eficaz protección que servirá para difundir o seu coñecemento e "para facelo máis autorizadamente, quixemos darnos a inmensa satisfacción, por Vos, de percorrer neste ano, dúas veces santo, o camiño central da nosa rexión, desde os Cóbados de Belesar, no río Miño ata Compostela, sinalado todo el por artísticos cruceiros e outros documentos en pedra, nos que non falta xamais a imaxe de Santa María, que testemuñan o agradecemento das xeracións cristiás á vosa constante intersección coa Medianeira universal de todas as grazas".

O alcalde ten tamén recordos á Virxe do Pilar e destaca a fe na historia do camiño, "santo e heroico, prostrados ante a vosa venerada imaxe e sobre a urna que garda os vosos sacros restos prometémosvos ser portavoces da tradición ante os pobos erixidos nos camiños de agora a este santo lugar". Pide que mova os ánimos ás autoridades de cada unha destas vilas e concellos "e fixadas nas confluencias das estradas principais coa do noso retorno, novo camiño de Santiago a través do Faro e o Farelo, elas han de facerse indicadoras nobres e eternos como a pedra de que se constrúan, e volvan así a ter os seus cruceiros os camiños novos do voso nome".

Despídese Pimentel como o alcalde máis humilde de España e que en nome da vila de Chantada e comarca, "querendo repetir un de tantos xestos piadosos dos primeiros cabaleiros de Santiago, fillos todos das nosas terras altas do Miño e Ulla, fiel ao compromiso adquirido no momento de partida do primeiro santuario español, de Nosa Señora de Fátima, prométevos facer para iso canto estea do seu parte; que ben pouco é a cambio das grazas xubilares e demais que vimos pedirvos, as que han de obter do Señor por medio da súa Nai Santísima. Amén", remata o alcalde.

Cabaleiros do Faro en Compostela
Comentarios