Na busca da pegada da Torre de Quitapesares

O grupo Segredos de Pantón recupera a historia desta edificación da que non quedan restos e que construíra o duque de Arjona ► Lucas Vázquez firma un traballo no que suxire cales eran as características do inmoble e despexa as dúbidas sobre a súa ubicación

Plano do século XVII da Torre de Quitapesares. L.VÁZQUEZ
photo_camera Plano do século XVII da Torre de Quitapesares. L.VÁZQUEZ

O mapa de Domingo Fontán do ano 1784 recolle a presenza no municipio de Pantón dunha torre da que na actualidade non se conserva ningún vestixio e sobre a que existe moi pouca documentación, é a chamada Torre de Quitapesares, unha edificación que na primeira metade do século XV fixo construir o duque de Arjona, Fabrique Enríquez, moi coñecido pola súa gran afección pola caza.

Foi precisamente ollando ese mapa cando Lucas Vázquez, un mozo de 22 anos natural do municipio, se interesou pola historia deste inmoble e iniciou unha curiosa investigación que agora se fai pública a través do colectivo Segredos de Pantón, do que Vázquez é o principal promotor. Ao longo dese traballo caeu na conta de que a ubicación da edificación era confusa e que diversos feitos levaran a varios erros na historia recente sobre ese aspecto. Por iso, o seu principal cometido foi desfacer o equívoco e ubicar a torre no sitio correcto.

A ORIXE. Segundo os datos compilados por Vázquez, o duque escolleu un lugar entre os ríos Sil e Miño e ubicado nun paso do Camiño Real para levantar a edificación.

O feito máis coñecido da Torre de Quitapesares foi o litixio que involucrou a Don Rodrigo Conde de Lemos co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil sobre a propiedade da torre.

Foi precisamente un erro na interpretación do escrito dese litixio o que levou á confusión sobre a súa ubicación. A parte que suscitou certa controversia —segundo Vázquez— foi o dito por Don Rodrigo, Conde de Lemos, cando o 17 de febreiro de 1591 afora, xa estando aforado, a Álvaro de Lornís en Quitapesares, dicindo que "la mipossa de Quitapesares, que yo tengo e está en el monte de Cotillón cerca de Pombeiro". Debido a esta frase interpretouse que o inmoble estaría na aldea do Cotillón, na parroquia de Acedre,e comezouse a pensar que se correspondería con Casa do Xuíz.

Pola contra, Vázquez aclara que o topónimo de Cotillón nese caso corresponde a un monte, e non se refire a aldea do mesmo nome.

Segundo localizou o investigador, xa no 1292 existe unha documentación relacionada co mosteiro de Santa María de Ferreira no que se fala da existencia do monte Cotillón. Trátase do escrito dun conflito do mosteiro cos moradores dos Vilares, unha antiga granxa do couto de Pombeiro, polos dereitos a pacer e a cortar a leña dese monte Cotillón.

Despois de rastrexar toda a documentación, Vázquez explica que "o lugar que con todas as da lei ostenta a ser o lugar de construción da Torre de Quitapesares é a Torre de Vilamirón". E aporta máis probas da súa tese.

AS PROBAS. Lucas Vázquez argumenta que na toponimia gárdanse marcados lugares cun significado relacionado á torre. Así, asegura, "temos o lugar de Suatorre, facendo referencia a debaixo da torre. Outro lugar chamado Forca, clara alusión á construción para executar aos condenados a morte, que está formada por un ou dous paus verticais e outro horizontal colocado no extremo superior destes e do que se colga unha corda cun lazo, ademáis existe un prado chamado Chaira da Forca".

A toponimia ademais aporta outra proba, "ao carón da Torre de Vilamirón temos a aldea de Vilamirón, lugar relacionado co de Penamirón, onde se atopa un castro, polo que de Penamirón derivaría o lugar de Vilamirón. Logo, a Torre de Vilamirón tería o seu nome pola Torre (de a Torre de Quitapesares) e Vilamirón pola cercanía ca aldea, esta anterior á Torre de Vilamirón", engade Vázquez.

Segundo o autor, no couto de Pombeiro antes da súa integración no de Santo Estevo de Ribas de Sil, non estaba comprendida a aldea do Cotillón. E sábese que a torre foi feita na área de xurisprudencia do couto de Pombeiro, onde si estaba o monte Cotillón.

Por último Vázquez, aclara que no mapa de Domingo Fontán de 1784, aparece sinalado a Torre de Quitapesares no lugar da Torre de Vilamirón e engade que na aldea da Torre de Vilamirón conta un señor, Raúl, a lenda sobre a Torre de Quitapesares: "Onde unha raíña de España á que lle desaparecera o seu fillo, buscándoo e buscándoo atopouno aquí e mandou construír unha torre chamándoa Torre de Quitapesares, ao quitarlle os seus males ao atopalo".

Por último, "xeograficamente é un lugar onde pasaba o Camiño Real provinte de Bazal e cos ríos Miño e Sil moi próximos, como dictara o Duque de Arjona", conclúe Vázquez.

O investigador engade que o estudo foi unha cuestión de "orgullo e dignidade" porque un dos principais cometidos de Segredos de Pantón é darlle precisamente dignidade ao medio rural e poñer no seu sitio a historia dos pequenos lugares "que ás veces nin se conta e outras faise con moi pouca exactitude", conclúe.

Comentarios