Bendilló acolleu por última vez a xornada de exaltación do 'ouro líquido' de produción local

O Concello de Quiroga levará a Mostra do Aceite ao centro da vila o vindeiro ano, cando se celebrará a 25ª edición. A demostración de elaboración tradicional, cun burro que move a moa de granito, manterase como na actualidade

A parroquia de Bendilló foi escenario este domingo da edición número 24 da Mostra do Aceite de Quiroga. En principio será a última nesta ubicación, xa que a intención do Concello é trasladar a venda do ouro líquido local e dos demais produtos típicos ao centro da vila a partir do vindeiro ano.

"Con motivo da edición número 25 queremos darlle un pulo a mostra e, ademais de levala ás rúas de Quiroga, pretendemos ampliar a programación e que se celebre o evento dous días en vez de un", confirmou o alcalde, o independente José Luis Rivera.

O rexedor quirogués precisou que esta decisión "tomouse en consenso entre a organización e os colleiteiros" aínda que aclarou que se manterá unha das actividades estrela da mostra, a demostración de como se elaboraba tradicionalmente o aceite. "Seguiremos facéndoa en Bendilló, no muíño. Poñeremos autobuses para que a xente se desprace dende Quiroga", concluíu Rivera.

A despedida en Bendilló

O lugar das Farrapas é o que ten acollido ata o de agora a Mostra do Aceite, que este domingo contou cun total de sete produtores. Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Aceiroga, Jesús Arias Rodríguez, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento comercializaron o seu produto, moi típico das parroquias quiroguesas bañadas polo río Sil.

No interior do muíño, ninguén foi quen de roubarlle protagonismo ao burro Rogelio. O animal, propiedade de Roberto Fernández Calo, estreouse coma encargado de mover a inmensa pedra de granito que serve para moer as olivas, o primeiro proceso para obter o aceite.

O público no interior do muíño vía traballar tranquilamente o burro, que gañou fans sobre todo entre os máis pequenos, mentres escoitaba as explicacións do director do museo etnográfico de Quiroga, Ramón Vila.

Segundo conta, o labor do burro coa moa xera unha pasta que se somete a tres prensados, un, o primeiro, con auga fría, e os dous seguintes, con quente. Empregábanse unha viga de sobreira e unha rocha coma contrapeso. De aí sacábase o produto final.

"O que se fai con auga fría é o aceite de máis calidade, o virxe extra que vemos no supermercado. O segundo, xa con auga quente, non é tan bo, pero aínda se usa en alimentación. O terceiro era o que se adicaba antigamente para as lámpadas de aceite ou para darlle aos animais. É unha demostración de que se aproveitaba absolutamente todo", relatou Vila.

A Mostra do Aceite completouse cunha degustación comentada na capela do lugar, dirixida polo olivicultor Julio Quiroga, da empresa Ouro de Quiroga. A venda dos produtos típicos estivo amenizada polas actuacións dos grupos de música O Recanto e Merenzao.

O alcalde concluíu co anuncio de que Concello ten previsto retomar proximamente o proceso para conseguir unha denominación de orixe que protexa o aceite local.

Comentarios