A banda de Chantada deu comezo cunha cata musical á súa campaña de concertos

A Praza do Cantón acolleu un directo en homenaxe á viticultura e pensado inicialmente para a Feira do Viño
O último concerto da banda, a vista de dron. MR MEIJIDE
photo_camera O último concerto da banda, a vista de dron. MR MEIJIDE

A tempada de concertos da banda de música de Chantada comezou cunha actuación na Praza do Cantón plantexada polo novo director, Carlos Timiraos, como unha cata musical. Estaba pensada, inicialmente, para a Feira do Viño, pero esta non puido desenvolverse este mes. Haberá que agardar ata xuño.

Ademais de seleccionar pezas moi relacionadas co mundo do viño e da viticultura, Timiraos foille comentando ao público asistente cada un dos temas, como se fose unha cata de caldos guiada. Foi a estrea dunha campaña na que os integrantes da banda esperan recuperar a súa actividade normal despois de dous anos marcados pola pandemia e as restricións, que limitaron moito as súas actuacións.

Nos últimos días, a histórica formación deu a coñecer detalles da nova tempada, que xa conta con varios concertos programados. Música e viños, como se chamou o primeiro, supuxo a estrea.

A música continuará en maio co certame Música de compositores galegos do século XXI e chegará a xullo con Colle ti a batuta. Agosto será tempo para as Noites a luz da lúa e o festival de bandas e en outubro virá o Outono Musical, antes de pechar a campaña en novembro cun concerto de solistas.

Comentarios