Avelino Muleiro: "No mundo dixital actual a filosofía é máis necesaria ca nunca"

A filosofía é a vida do catedrático Avelino Muleiro. Agora está retirado da docencia, pero a filosofía está nos seus artigos, os que pensa durante os paseos que dá coa cadela dunha das súas fillas. O resto do tempo non lle falta traballo entre o Instituto de Estudos Carballiñeses e os colectivos nos que está metido
Avelino Muleiro. EP
photo_camera Avelino Muleiro. EP

Avelino Muleiro dará este sábado o pregón da Feira do Viño e das Cereixas de Belesar. Será ás 13.00 horas a carón do río Miño, nunha convocatoria que comparten os concellos de Chantada e O Saviñao.

Cal é a súa relación con Belesar?
Teño unha longa relación con Eusebio Fontao, de Adega Fontao. El é hostaleiro en Vigo, onde eu vivo, e asistín varias veces á festa de Belesar invitado por el. Tamén teño relación con Ramón Porto, da adega Terras Bendaña. A él coñecino a través da asociación Álvaro das Casas (Ribadavia), da que formo parte. A súa adega levou un dos nosos premios Bacelos de Prata.

Xa ten experiencia coma pregoeiro, de que falará en Belesar?
A min gustaríame reivindicar o papel desta festa como parte da cultura, da arte e da personalidade dunha contorna. Tamén me gustaría darlle a Belesar o espazo que se merece, reivindicar a paisaxe desta localidade qué é unha das máis pequeniñas de Galicia e que eses días da feira se enche de xente. Unha aldea de pouco máis dunha ducia de veciños, o lugar máis pequeno convértese no máis poboado. É un oxímoron. É a Galicia baleirada.  

Para alguén de Cea cun vínculo moi forte co Carballiño a da Galicia baleirada preocupa.
Moito. Cando as aldeas quedan baleiras pérdese a cultura, a lingua, as tradicións e a historia. Creo que unha das opcións para frear que todo queda deserto é a de xuntar concellos. É algo que custa moito asimilar pero creo que podería axudar.

Avelino Muleiro ten mil ocupacións pero, por riba de todas, é filósofo.
Efectivamente. Agora estou xubilado da docencia pero a filosofía sigue na miña vida. Publico artigos todas as semanas en varios medios e preparo textos para diversos libros e sempre lle reservo un oco á filosofía, á ética, á lóxica, á antropoloxía... houbo un tempo no que a filosofía estivo moi dada de lado, pero agora é máis necesaria ca nunca.

Como encaixa a filosofía no mundo dixital, nas redes sociais, na actualidade informativa.
É máis necesaria ca nunca, agora nas noticias que nos achegan os medios está mesturada a información coa opinión. Todo o mundo tira para algún sitio, para algún interese, especialmente na política. Queda nas mans do lector separar a realidade e os feitos da opinión, dos intereses. Máis ca nunca é necesario o 'sapere aude' (atrévete a pensar por ti mesmo) de Kant. Temos moito ruído nas redes sociais e nos dixitais ca nunca, moitos bulos, moitos fakes e fai falla moita reflexión.

Avelino Muleiro pasa moito tempo escribindo. 
A verdade é que sí. Entre os artigos e prólogos para diversas publicacións. Dente o Instituto de Estudos Carballiñeses estamos preparando unha guía cultural do Carballiño, tamén temos en marcha varios libros de poesía e unha colección de obras sobre o románico que seguimos ampliando. A próxima que faremos será sobre o románico lucense.

Comentarios