Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

"Avaliamos facer unha enquisa veciñal para saber se peatonalizamos o casco histórico"

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

 Manuel Lorenzo Varela entrou coma rexedor no ano 1996 e encadeou maiorías absolutas ata o 2007, cando aínda pertencía ao PP. catro anos máis tarde, no 2011, volveu á alcaldía, desta vez baixo as siglas de Independentes das terras do asma, coas que gañou as dúas últimas eleccións. deixa en mans dos seus compañeiros de partido a opción de repetir coma candidato
 

Hai 18 anos que Manuel Lorenzo Varela se converteu no alcalde de Chantada. Unha etapa interrompida por catro anos nos que gobernou unha coalición formada polo PSOE e o BNG, pero que se retomou no 2011, logo de deixar o PP e fundar a súa propia formación, Inta, que tamén ostenta a alcaldía en Monterroso.

Que balance fai do último mandato, no que tivo maioría absoluta?
Incidimos na amortización da débeda. Chegamos a estar no 110% hai uns anos e agora mesmo nos atopamos no 25. Ata o de agora isto impediu que fixeramos todas as obras e proxectos que pretendiamos, pero como a situación xa é mellor poderemos facer moitas máis cousas. Queremos mellorar moitas pistas rurais e estamos inmersos en proxectos para cambiar o céspede do campo de fútbol do Sangoñedo e a superficie do pavillón municipal. Para este ano tamén temos previsto facer reformas no sumidoiro do Seixo, por 60.000 euros.

A depuradora en Chantada quedouse pequena. Como van os proxectos para ampliala e construir unha nova? A idea é facer un tanque na depuradora actual con capacidade para 1.500 metros cúbicos. O obxectivo é que en invernos coma o último, que foi desastroso, non chegue tanta auga xunta á depuradora e esta pase polo tanque. Este valería para a depuradora que temos agora e para a que queremos construir na zona de Meixide, onde xa temos adquiridos os terreos. Imos falar co novo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e con Augas de Galicia, pero deberiamos poder facerlle fronte. Queremos telo todo listo na maior brevidade posible.

Por Chantada pasa a tristemente coñecida N-540. Está satisfeito cos arranxos que se lle fixeron?
Para solventar a urxencia que había, porque a estrada estaba moi mal, serviron. En outubro vanse facer novas obras para adecentala. Non nos esquecemos da autovía A-56, que sería de vital importancia para o noso desenvolvemento. Agardemos que se remate o tramo entre San Martiño e A Barrela e que haxa unha continuidade entre Chantada e Guntín. Mentres tanto, non hai alternativa á N-540. Non se pode deixar de lado esta infraestrutura nin sequera coa A-56 lista, porque ofrecería un servizo interior do que se beneficiarían lugares e parroquias.

En Chantada anunciouse un plan de construción dun albergue para peregrinos que fagan o Camiño de Inverno. En que punto se atopa?
Desde o Concello estabamos dispostos a asumir e liderar o proxecto, pero hai dúas iniciativas privadas que nos parecen extraordinarias. Consideramos que o albergue funcionaría mellor así. Agora mesmo o proxecto está nun ‘stand by’ e a nós o que nos corresponde é axudar e potenciar iniciativas coma esta. Segundo nos dixeron, no 2019 abrirase o fluxo de axudas para o Camiño de Inverno coma ruta xacobea.

Un vello debate en Chantada é se hai que peatonalizar todo o casco histórico. Como o ve vostede?
Xa está parte del peatonalizado, pero estamos barallando a posibilidade de alongar o tramo peonil da Rúa Leonardo Rodríguez pola Avenida de Monforte e a Rúa do Comercio. Tamén valoramos a opción de facer unha enquisa entre os veciños para saber a súa opinión.

Optará de novo á alcaldía?
Eu só non me decidiría. Teño que falar cos meus compañeiros de partido e ver se nos vemos con gañas e forzas de seguir traballando pola nosa vila, como ata o de agora. A min isto gústame, pero xa teño os meus anos e hai vida máis alá da política. Eu só non o vou decidir. Todo podería ser, se hai xente do meu entorno político animada.

Como é a súa relación cos partidos da oposición?
Co PSOE e co PP é boa, moi correcta. Con Antón Fente, de Por Chantada, é máis complicada, pero non hai dúbida de que é moi traballador. Estou contento coa oposición. Esixen e espabílanme.

Vai haber candidaturas de Inta noutros concellos de Lugo? Falouse deso e ata se publicou, pero eu só vexo verdadeiro interese en Chantada e Monterroso. Tampouco participei en ningunha reunión seria para preparar unha candidatura provincial.

"Divírtome moito cando vou traballar á ribeira polas tardes"

Que lle gusta facer a Manuel Lorenzo Varela no seu tempo libre?
Sempre me gustaron moito as tertulias. Encántame estar nunha terraza cos meus amigos tomando unha caña e falando. Tamén son un gran afeccionado ás partidas de tute. Outro lugar onde me divirto moito é na miña ribeira polas tardes, cando vou traballar. Ademais alí non teño cobertura, así que non me molesta ninguén (ri). De vez en cando a todo o mundo lle vén ben desconectar, aínda que pola responsabilidade que teño coma alcalde non me podo permitir o luxo de que sexa por moito tempo.

Que faría no día de mañá se decidira deixar a política?
Teño idade para xubilarme, pero posiblemente volvería á miña axencia de seguros. Agora está alí o meu cuñado a xornada completa. Se decidise deixar a política retomaría esa actividade.

Hai moitas asociacións e colectivos que organizan actividades en Chantada durante todo o ano. Está o Folión de Carros, o Entroido, a feira do viño... En cal delas se divirte máis vostede?
Todas son importantes, pero téñoo pasado moi ben na feira do viño. Aínda que non me esquezo das outras, porque cada unha cumpre coa súa función. Non hai que deixar de lado, por exemplo, o Folión de Carros. É precioso. O que están facendo é coma unha universidade para as novas xeracións. Considero importante que se lle transmita á xente nova como era a vida no pasado en Chantada e todos os oficios e costumes que había.
 

Curiosidades
Un exemplo da crise do sector lácteo

 
En chantada quedan actualmente un total de 7.966 vacas, moi lonxe das 8.678 que había hai unha década e aínda máis das 13.281 rexistradas no ano 2002. os datos do Instituto Galego de estatística (Ige) permiten ver a denominada vila do asma, así se chama o río que atravesa o seu casco urbano, coma un exemplo da crise do sector lácteo en Galicia.

Explotacións
O número de explotacións nun concello de importante tradición gandeira tamén baixou en picado. había 658 a comezos de século e 523 no 2008. agora quedan só 394.

Poboación
O saldo vexetativo de chantada é, coma en case todas as vilas galegas, negativo. en concreto, de 102, despois de que o ano pasado houbera 154 defuncións e só 52 nacementos. en canto ao número de habitantes, chantada atópase agora mesmo nos 8.371 veciños. as mulleres son maioría (4.306) respecto aos homes (4.065).

"Avaliamos facer unha enquisa veciñal para saber se peatonalizamos...
Comentarios