A auga marca o ritmo da vendimia na Ribeira Sacra

A forte choiva caída estes días obriga a interromper a recollida a moitas adegas da comarca, que dedica as xornadas a desfollar as vides para ventilar a uva e combater os fungos 
undefined
photo_camera Masime Bos comproba o estado dun acio. MIGUEL PIÑEIRO

Maxime Bos, Tamara Canle e Miguel Sanjurjo son tres técnicos que este mércores traballaban nas viñas de Adegas Moure para desfollar as vides. Nun día normal de vendima, como terían que estar sendo os desta semana, habería unhas 20 persoas adicándose a recoller a uva para esta empresa saviñá, pero a abondante e intensa choiva das últimas xornadas reduciu os traballadores a seis e limitou as funcións a evitar a aparición de enfermidades xeradas por fungos.

"Este es el peligro y lo que hay que evitar", di Maxime agachándose ao pé dunha cepa para agarrar un racimo e coller unha uva que está branda, como podre, e desprende un cheiro semellante ao vinagre. "Pero tampoco es vinagre. Más bien es vino con sabor a vinagre", apunta Maxime, quen engade: "No pasa nada por que haya una uva en este estado. El problema viene en cuanto empiezan a aparecer muchas". E iso é o que se intenta evitar en moitos lugares da Ribeira Sacra despois de varios días de choiva forte.

Os profesionais témenlle á aparición de fungos que provocan na colleita enfermidades como a botrite, ideais en contextos de elevada humidade. "Agora hai que agardar uns días para volver vendimar e haberá que facer novas análises para ver o grao de madurez da uva", subliña Tamara Canle.

Do mesmo xeito fala Evaristo Rodríguez, propietario da adega. "En dous ou tres días non imos recoller, porque coa choiva aumenta a podredume e hai que esperar a que se volva equilibrar a uva", asegura. Neso andan estes días os xornaleiros. Toca facer que o vento limpe o espazo interior das vides, que agora mesmo semellan un bo caldo de cultivo para os fungos. O peor día en canto a precipitacións foi o pasado martes.

Evaristo Rodríguez observa as cubas onde fermenta

Evaristo Rodríguez relata que entón xa non houbo recolecta. Cancelouse polas malas previsións atmosféricas. O día anterior, o luns, a auga chegada dende as nubes si os pillou en plena faena, cando xa recollían logo de horas de traballo. "Unha das principais características do cambio climático é que non é lóxico", indica o adegueiro, convencido de que esta choiva, que non tocaba, foi nociva para a viticultura. "Choveu fóra de época, cando non debía", conclúe.

Pouca actividade. O consello regulador decretou que o día de onte fora o comezo oficial da vendima, a data recomendable para iniciar as tarefas. Algunhas adegas traballan dende antes e outras aínda optan por agardar.

En todo caso, despois dos litros de máis que mandou a natureza, o día foi de pouca actividade visible nos viñedos da Ribeira Sacra. Na subzona de Amandi, por exemplo, os poucos que vendiman fano para o autoconsumo, por medo a que a auga estrague a colleita.

Rectoral de Amandi, a adega que máis quilos de uva procesa de toda a denominación de orixe, aínda non comezou os traballos, por iso a meirande parte de pequenos viticultores adícanse a osixenar as viñas para contrarrestar o efecto da choiva excesiva.

Por Quiroga, o propio Evaristo Rodríguez é testemuña de que as precipitacións fixeron das súas. "Temos viñedo en Montefurado e a cantidade de choiva que caeu foi tamén importante", sentencia.

A Xunta lembra que o préstamo vendimia está dispoñible ata o 15 de outubro

O conselleiro do Medio Rural, José González, lembrou este mércores nunha visita ao concello pontevedrés de Arbo que a Xunta mantén dispoñible ata o vindeiro 15 de outubro o préstamo vendima, unha liña de crédito destinada ás adegas para que poidan mercar a totalidade da uva desta colleita en condicións de mercado normais.

González salientou a presentación dunha estratexia sectorial que inclúe os produtores, os industriais e os distribuidores xunto ao turismo, o patrimonio ou a paisaxe. O gran obxectivo, segundo o conselleiro, é incrementar o valor engadido do viño galego.

Nese eido, José González destacou a necesidade de fixar prezos competitivos. Por último, o titular do Medio Rural subliñou medidas coma Mercaproximidade, unha canle de venda alternativa que segundo a Xunta permitiu dar saída a boa parte da produción primaria galega malia as dificultades xeradas pola pandemia.

Vía Romana: "A vendimia será difícil e rápida"
O xerente de Vía Romana, Juan Luis Méndez Rojo, vaticina que a vendima deste ano será "difícil e rápida" e concreta que non espera que chegue "aos 14 días". As condicións atmosféricas teñen a culpa."Na viticultura sempre manda o que vén de arriba", afirma o propietario da adega chantadesa.

Recollida parada Tamén Vía Romana, como moitas outras en Chantada, tivo que deter os traballos despois de telos comezado. "As choivas fan dano, porque agora non se pode arrincar ata comprobar que o grao de madurez da uva é optimo", conclúe Méndez Rojo

Comentarios