domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Asubíos a Robles e aplausos a Castelao

O primeiro mitin celebrado a prol do Estatuto foi en Chantada. ARQUIVO PARDO
O primeiro mitin celebrado a prol do Estatuto foi en Chantada. ARQUIVO PARDO
En xaneiro de 1936, o ministro Gil Robles fixo parada en Chantada onde foi recibido con hostilidade. Nese mesmo ano, o 1 de xuño, tivo lugar na vila do Asma o primeiro acto a prol do Estatuto Galego nunha Praza do Cantón ateigada de xente e no que participou Alfonso Rodríguez Castelao, para quen non faltaron aplausos

O QUE FORA ministro da Guerra en 1935 e máximo responsable da Ceda (Confederación Española de Dereitas Autónomas) Gil Robles, inicia en xaneiro de 1936 o seu periplo electoral en Galicia. Ao vir de Ourense a Lugo detívose a xantar en Chantada, onde ao ser coñecido foi recibido con hostilidade. Denuncia persoalmente o feito e así o reflicte un informe do Gobernador Civil de Lugo cando di que "foi asubiado polo público e formouse unha manifestación que a Garda Civil disolveu".

A Xuventude de Acción Popular de Chantada (que contaba con máis de 700 asociados) non tardou en emitir unha nota afirmando que era incerto "que o señor Gil Robles sufrise intento algún de agresión; aínda que é certo que uns raparigos, cuxo número se aproximaría a 25, impelidos polos que xamais tiveron o valor de dar a cara, prorrumpiron nalgúns asubíos e saudaron cos puños no alto ao paso do seu coche despois de saír do hotel no que xantou".

Engadiuse que de non ser pola Garda Civil,en concreto polo xefe daquel benemérito corpo, evitouse que os membros desta Xuventude chegasen a convencer a máis correlixionarios na protesta.

As eleccións xerais de febreiro de 1936 quedarían marcadas na historia como unha verdadeira contenda electoral onde as acusacións de fraude e manipulación aínda hoxe xeran polémica. O candidato a deputado por Lugo e cedista Pérez Laborda enviou un telegrama a Portela Valladares no que asegura que "no colexio de Mariz fomos recibidos con tiros de escopeta, comunicándolle que estivemos acompañados de notarios e percorremos catorce colexios do distrito de Chantada. En ningún deles admitiuse a intervención dereitista nin permitían entrada a candidatos nin apoderados".

Neste clima de crispación triunfa a Fronte Popular que entre os seus plans de acción reformista incluía a tramitación dos estatutos de autonomía.

UN DESEXO. Esta utopía comezou aflorar en 1918, cando os deputados por Chantada e Fonsagrada, Leonardo Rodríguez Díaz e Manuel Portela Valladares, dirixíronse ao presidente do Congreso "rogándolle que poña en coñecemento do presidente do Consello de ministros que Galicia debe ter representación propia, xa que dita rexión ten unha acentuada personalidade e existe nela unha intensa corrente favorable aos principios autonómicos, polo cal suplican que ao estudar o problema téñase en conta estes antecedentes e outórguese a Galicia o que a calquera outra rexión española".

O 29 de maio de 1932 o alcalde Julio Amador Rodríguez recibe unha carta do alcalde de Santiago onde lle indica que "en sesión do día 27 do mes de abril adoptou o acordo de convocar unha Asemblea dos Concellos de Galicia naquela cidade, co fin de elaborar o proxecto de Estatuto para o réxime de autonomía da rexión galega".

Engade o rexedor santiagués que "nestes momentos que se está discutindo no Parlamento a reforma agraria, baixo un concepto de descoñecemento completo deste problema en Galicia ao consideralo en igualdade de circunstancias a outras rexións netamente latifundistas", solicitando a adhesión á iniciativa da corporación de Chantada que accede á proposición polo interese que merece.

ANO 1936. En maio de 1936 comeza a propaganda autonomista impulsada polo Partido Galeguista. Esta campaña consistiu na divulgación do Estatuto e o seu plebiscito con todos os grupos, especialmente nas zonas rurais, "iniciando conferencias e outros actos análogos nas parroquias" co fin de conseguir a idea autonomista.

O Partido Galeguista anunciou que estaba a preparar "mitins de gran importancia e con motivo da inauguración de tres novos grupos galeguistas celebraríanse tres mitins, un deles en Chantada e os outros dous na provincia de Pontevedra, en Paradela (Meis) e Godos (Caldas de Reis) nos cales falarían Bóveda Núñez Búa e Víctor Casas".

O 1 de xuño de 1936 celébrase en Chantada o primeiro acto en prol do Estatuto galego. Na praza do Cantón e diante da Casona de Lemos tomaron parte "Fernández Souto, secretario do partido en Chantada; Ramón Piñeiro, presidente das Mocidades Nazonalistas de Lugo; Gómez Aller, secretario do grupo de Lugo e o deputado a Cortes Alfonso R. Castelao".

Un inmenso xentío ocupaba a praza. "A concentración de esquerdas mesturábase entre bandeiras galeguistas e republicanas que ovacionou continua e longamente aos oradores que enumeraron as innumerables vantaxes que a súa consecución reportará á terra".

Ante o micrófono de Radio Lugo terminou Castelao a conferencia autonomista. Despois visitou o local do grupo galeguista en Chantada, "onde tivo que falar novamente ante os insistentes requirimentos".

O Concello de Lugo tomou o acordo de ratificar o primeiro acordo municipal de aprobación do Estatuto, acordando "entregar 5.000 pesetas das 12.000 que xa ten asignados, para contribuír aos gastos de propaganda e plebiscito, remitindo aos Comités Provinciais dos exemplares da última edición do Estatuto galego do que se fixo un millón de exemplares, cuxo papel pesa oito toneladas".

O 16 de xuño, o rexedor chantadino Casimiro Míguez Regal dá lectura do Boletín Oficial extraordinario no Concello "co fin de garantir o sufraxio para o plebiscito do proxecto de Estatuto de Galicia". Acordou a corporación designar a Benito Rivadulla Pascual e a Eduardo García Eiré interventores para as mesas electorais da sección titulada Norte e Sur, respectivamente.

Circularon ríos de tinta impresa en xornais locais de distinta radicalidade ideolóxica que conviviron coetáneamente: La Voz del Agro e Juventud. O 18 de xullo a guerra fratricida disipou o proxecto de autonomía e a ditadura solapou os ideais autonomistas.

Asubíos a Robles e aplausos a Castelao
Comentarios